GCiencia consolídase como medio en galego líder en Instagram ao acadar os 40.000 seguidores

A suma de todas as súas redes sociais supera xa as 140.000 persoas, unha cifra histórica para un proxecto especializado, feito en Galicia e enteiramente en galego

GCiencia está de celebración. O seu perfil de Instagram acaba de alcanzar os 40.000 seguidores, un fito que consolida a súa posición como o xornal dixital en galego con maior impacto nesta rede social. A cifra non só é relevante desde o punto de vista cuantitativo, é tamén un recoñecemento colectivo ao traballo dunha redacción que, desde Galicia e en galego, traballa cada día para achegar a ciencia e o coñecemento á sociedade.

A suma dos perfís de GCiencia no resto de redes sociais —principalmente en Facebook, onde excede os 76.000 seguidores— conforma unha comunidade que supera amplamente as 130.000 persoas, cifras que sitúan o proxecto como un dos medios máis influentes do ecosistema dixital galego. A isto hai que engadir unha media de 210.000 visitas mensuais á súa web (ano 2024), www.gciencia.gal, o que consolida o seu alcance multiplataforma cunha proposta centrada na divulgación científica, a información ambiental e a innovación en formatos dirixidos a un público xeneralista.

Publicidade

En Galicia, só os perfís de Instagram de La Voz de Galicia, Faro de Vigo e El Español (Quincemil) superan a GCiencia no campo dos medios de comunicación privados. Algo similar ocorre en Facebook, onde a de GCiencia é a terceira conta galega en seguidores, despois das dúas históricas cabeceiras galegas de xornais en papel. 

Proposta especializada cun público amplo

As cifras de GCiencia demostran que é posible chegar a un público amplo cunha proposta especializada, rigorosa e en lingua galega. O perfil de Instagram, en particular, experimentou un crecemento exponencial nos últimos anos, grazas a unha estratexia baseada en contidos visuais atractivos, vídeos divulgativos breves, infografías e unha linguaxe clara e accesible, sen perder nunca o rigor. Esta combinación permitiu fidelizar unha comunidade diversa e interxeracional, que vai desde estudantes de secundaria ata docentes, investigadores e persoas simplemente curiosas polo mundo que nos rodea.

Publicidade

Desde a súa fundación, en 2013, GCiencia prestou sempre especial atención ás redes sociais, consciente de que é unha poderosa ferramenta para facilitar o encontro entre o medio e o lector. Esta influencia das redes multiplicouse nos últimos anos, nos que creceron de forma exponencial novas plataformas actualmente dominantes entre o público máis novo, co que o portal da ciencia galega quere estreitar os seus vínculos. É o caso de Tiktok, no que este medio implantou unha estratexia de crecemento que xa dá os seus froitos. GCiencia tamén conta con case 15.000 seguidores en X e varios miles en WhatsApp, Telegram, Bluesky e Youtube, entre outros.

Un espazo para a ciencia

O director de GCiencia, Pablo López, destaca que “este logro non sería posible sen a confianza da nosa audiencia e sen o traballo constante dun equipo pequeno pero apaixonado pola ciencia e a comunicación”. “Nun mundo dixital saturado de ruído, é unha alegría comprobar que a ciencia ten espazo, interese e valor”, engadiu López, que tamén puxo de relevo o feito de que un medio en galego compita en redes sociais cos máis grandes do panorama mediático da comunidade autónoma.

Desde a súa creación en 2013, GCiencia consolidouse como referente da divulgación científica en Galicia, cunha traxectoria recoñecida con galardóns como un Prisma —considerado o Goya da Divulgación en España—, o Premio da Crítica de Galicia , o Rosalía de Castro da Deputación da Coruña e o Mil Primaveras, entre outros. Ao longo destes anos, GCiencia informou sobre fitos históricos da investigación galega, integrou o coñecemento científico na actualidade informativa —desde pandemias ata crises climáticas—, deu visibilidade por centos de científicas e científicos galegos e impulsou proxectos educativos e audiovisuais para fomentar as vocacións STEM entre a mocidade.

Tamén desenvolveu iniciativas pioneiras como unidades didácticas en galego, documentais sobre mulleres científicas e proxectos de divulgación sobre o Camiño de Santiago, o mar de Galicia e o cambio climático, sempre cunha aposta clara pola calidade dos contidos e o compromiso co territorio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Tremor no Caribe

Dous terremotos sacoden Venezuela e deixan un balance catastrófico con 1.450 falecidos e 3.150 feridos. Por Laura Filloy

O festival Pint of Science achega a ciencia aos bares na súa undécima edición

En Vigo celebrarase os días 19, 20 e 21 de maio nos locais El Castro e De Catro a Catro e, por primeira vez, chega Pint Kids

O catálogo ‘Quero ser investigadora’ alcanza a súa 6ª edición con dez historias de científicas da UVigo

O evento inclúe unha guía didáctica, contidos gamificados e unha versión audiolibro que conta cunha versión de lectura fácil

A bordo do hantavirus

O gromo dunha enfermidade potencialmente mortal en alta mar. Por Laura Filloy