Galicia, destino preferido de vacacións en España

Canarias e Andalucía tamén destacan na enquisa realizada por investigadores da Universidade de Santiago

Galicia encabeza as preferencias dos españois para pasar as vacacións deste verán, nunha clasificación na que tamén destacan Canarias e Andalucía. Porque o comportamento das persoas residentes no estado Español á hora de elixir destino na nova normalidade xurdida pola Covid-19 é a pregunta á que responde un estudo liderado polo profesor do Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da USC, Jakson Renner Rodrigues Soares, xunto co Grupo de Investigación Turismo, Economía e Sustentabilidade (GTES) da Universidade Estadual do Ceará en Brasil. Con esta investigación, búscase guiar a empresas e destinos turísticos na súa toma de decisións ante a actual situación de crise sanitaria global.

As conclusións do informe extráense das máis de 850 enquisas realizadas en todo o territorio español, a partir dunha pregunta inicial: planificou vostede algunha viaxe para os próximos meses? Entre as súas achegas, “o estudo constata que as persoas que responderon a enquisa non teñen intención, en liñas xerais, de renunciar ao turismo como parte da súa axenda de ocio, aínda que amosan o seu propósito de apostar, na medida do posible, polos destinos próximos e no conxunto do territorio do Estado, para contribuír á recuperación económica do sector”, explica o profesor Rodrigues Soares. Entre os destinos máis citados, destacan Canarias, Andalucía e Galicia, zonas que durante a pandemia tiveron unha incidencia menor en canto a casos de Covid-19. “Cando se lles pregunta polos principais atractivos turísticos, as persoas apostan polo sol, a praia, a cultura e máis a natureza como principais motivos para elixir destino”, continúa.

Publicidade

Planificación, saúde e seguridade

Outra das achegas chave que se obteñen do estudo é a maior preocupación das e dos turistas por asegurar o investido na viaxe ante posibles imprevistos derivados da situación sanitaria. Entre os factores esenciais a ter en conta, as persoas declaran que procurarán obter unha información minuciosa do lugar de destino (63% das respostas) e a contratación dun seguro de viaxe (60%).

Neste senso, o estudo tamén amosa as novas preocupacións das persoas sobre a seguridade no espazo elixido, a súa inquedanza ante posibles doenzas endémicas do lugar e o interese sobre a calidade do sistema sanitario da rexión á que se vaia viaxar. Con todo, a pesar da vinculación da orixe do coronavirus SARS-CoV-2 cos mercados de alimentación da provincia de Hubei, as persoas manifestan que non cambiarán os seus hábitos á hora de probar a gastronomía local do destino. Alén diso, as respostas manifestan que manterán o interese por relacionarse coa poboación local do lugar ao que viaxen.

Publicidade

Á hora de analizar as posibles mudanzas de plans e destinos, así como as motivacións das experiencias turísticas, o informe apunta que a maior parte das persoas que planificaran unha viaxe dentro de España (60%) manterá a súa intención, mentres que o 25% das persoas con viaxes internacionais previstos considera cambiar de destino. Neste senso, os resultados do informe reforzan a idea de que o turismo máis próximo vai saír reforzado. “Ademais do Estado español, Portugal e Italia tamén son vistos como destinos á alza nas viaxes post Covid-19″, explica Rodrigues Soares. A posibilidade de mudar de plans é maior en países máis distantes, como Brasil, Estados Unidos ou México.

Entre as liñas de acción marcadas a partir destes resultados, o informe opta por fomentar nichos de turismo interno concretos que antes se procuraban no exterior por descoñecemento; o deseño, por parte das axencias de viaxes, de produtos turísticos enfocados ao novo perfil das persoas viaxeiras; a promoción de espazos abertos e produtos enfocados na natureza como mostra de seguridade, en contraposición ao risco maior de contaxio en espazos pechados, e a aposta por ofrecer de forma clara e con garantías, coa maior información posible, un produto de calidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Betanzos rende homenaxe ao seu pasado como capital galega do lúpulo

A segunda edición da festa, impulsada pola Deputación da Coruña, celebrará do 11 ao 13 de setembro a tradición con catas, 'showcookings', concertos e visitas aos campos de cultivo

Unha tese galega explora o potencial inmunomodulador e neuroprotector do litio fronte á covid-19

A investigación identifica cambios en biomarcadores inflamatorios e parámetros inmunolóxicos en pacientes tratados co fármaco

Memorias dunha pandemia

Como sobrevivir á histeria colectiva ante un gromo de hantavirus. Por Andrea Veiga

‘Galicia en ruta’: 12 camiños para coñecer o patrimonio, a paisaxe e a gastronomía galegas

A guía da Xunta estará dispoñible en sete idiomas e recolle itinerarios que se adaptan a diferentes espazos temporais e preferencias