Venres 6 Decembro 2024

Galicia achégase aos 8.000 casos activos, á espera de posibles novas restricións

Sanidade confirma máis de 600 casos nas últimas horas, ao tempo que aumenta a ocupación nos hospitais e falecen outras sete persoas

A escalada de medidas na contención da Covid-19, consoante ao rápido aumento de casos na meirande parte de Europa nos últimos días, podería estenderse a Galicia este venres. Tal e como se avanzou o martes, é posible que o comité clínico que asesora á Xunta de Galicia tome novas medidas nalgunhas áreas afectadas por unha maior incidencia de casos. Por agora mantense vixente a limitación de reunións a cinco persoas en todo o territorio, alén das maiores restricións nas comarcas de Verín, O Carballiño, Ourense ou Santiago, onde se prohíben as reunións de non conviventes, e os peches en varios concellos ourensáns.

Por outra banda, Os peches perimetrais de Asturias e Castilla y León e as limitacións establecidas en Portugal, deixan ao territorio galego nunha situación próxima ao peche na práctica, aínda que por agora a Xunta é un dos poucos gobernos autonómicos, xunto a Extremadura, Cataluña, Comunidade Valenciana, Baleares e Canarias, que non estableceu estas restricións.

Publicidade

Este xoves, a Consellería de Sanidade informou da detección de 618 novos casos confirmados por PCR entre as 18 horas do martes e o mércores, cando se pechou a última actualización dos datos. Vigo foi a área con máis casos novos (156), seguida da Coruña-Cee (123), Santiago-Barbanza (113), Ourense-Verín-O Barco (59), Ferrol (58), Pontevedra-Salnés (57), e Lugo-A Mariña-Monforte (52). Só na última semana confirmáronse máis de 4.000 novos casos.

Os casos activos soben ata os 7.930, ao descontar aos novos positivos as altas e os falecementos rexistrados respecto á anterior actualización. A área viguesa é tamén, desde o mércores, a que ten máis casos baixo seguimento. O aumento é xeral en todas as áreas desde o comezo da segunda quincena de outubro. En Ourense mantense o freo nos casos activos, aínda que a incidencia é igualmente alta despois dos importantes brotes detectados nas comarcas da capital, Verín e O Carballiño.

Publicidade

Segue incrementándose tamén a presión nos hospitais, con 67 persoas en unidades de coidados intensivos e outras 414 hospitalizadas. Segundo as cifras do mércores do Ministerio de Sanidad, 326 persoas tiveron que ingresar na última semana, 47 delas na UCI. A ocupación das camas por pacientes Covid-19 está arredor do 5,8% do total, e nas UCI sobe ao 10,2%, tamén segundo Sanidad.

Falecementos

O número de mortes elévase a 889, despois da confirmación do óbito de sete persoas respecto á actualización anterior. Na última semana rexistráronse 42 falecementos por mor da infección, e xa son 270 desde o comezo da segunda onda da pandemia, a partir de agosto.

Por concellos

O mapa de alertas que achega a Consellería de Sanidade amosa xa 41 municipios en nivel vermello. As sete cidades, cunha incidencia superior a 112 casos/100.000 habitantes, e 34 concellos, con máis de 21 casos, están neste nivel. 28 concellos están no nivel 2 (laranxa), con entre 14 e 21 casos, e outros 36 notificaron entre 7 e 14 casos. O resto dos concellos, 208, rexistraron menos de sete casos na última semana. Así está o mapa:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Luis Enjuanes, virólogo: “Hai que estar moi alerta, a polio está emerxendo polas guerras”

O experto en coronavirus participa no Congreso Nacional de Viroloxía que se está a celebrar esta semana en Santiago

Máis alá do mpox: as cinco emerxencias sanitarias do século XX que viviu Galicia

A sociedade leva miles de anos enfrontándose aos microorganismos e ás enfermidades infecciosas como a varíola ou a poliomielite

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes