Unha fronte de aire polar trae a Galicia treboadas e neve esta semana

Haberá un forte descenso das temperaturas, e tanto AEMET como Meteogalicia sinalan que se manterán en niveis máis baixos do habitual

O sol acompañounos durante toda a Semana Santa. As temperaturas cálidas suxeríannos un cambio de armario para darlle paso á roupa de verán. Porén, a chegada a Galicia dunha fronte de aire polar retira os plans: haberá que volver aos xerseis, polo menos durante esta semana, aínda que xa esteamos a mediados de abril. De feito, tanto Meteogalicia como a Agencia Estatal de Meteorología (AEMET) apuntan que as temperaturas destes días, polo menos ata o venres, se manterán en niveis máis baixos do habitual para esta época do ano.

Segundo indican dende Meteogalicia, unha masa de aire polar entrou hoxe na nosa comunidade, provocando unha xornada de ceos encapotados e chuvascos que foron máis frecuentes na metade norte. A maiores, a cota de neve descenderá ata os 800 metros esta noite, cando se rexistre, tamén, un forte descenso das temperaturas. Unha baixada dos valores que, segundo inciden dende Meteogalicia, non é habitual en abril.

Publicidade

https://twitter.com/MeteoGalicia/status/1516298056718860296

As temperaturas mínimas seguirán descendendo durante o mércores. De feito, a cota de neve estará situada nos 900 metros. Malia isto, o escenario complicarase durante as xornadas do xoves e do venres. Dende a AEMET informan de que “é moi probable” que entre unha nova borrasca atlántica o xoves pola tarde, que afectaría ao extremo oeste peninsular ata desprazarse a outras zonas durante o venres e o sábado. Como parte positiva, haberá un lixeiro ascenso das temperaturas e as cotas de neve situaranse nos 1.200 metros durante a noite.

Publicidade

Finalmente, dende Meteogalicia sinalan que a situación de inestabilidade será máis notable durante o venres, con chuvascos máis frecuentes e intensos na segunda metade do día. A incerteza que sempre rodea a información meteorolóxica impide que as axencias, tanto a estatal como a autonómica, fagan unha previsión máis precisa do tempo cara á fin de semana. A AEMET, no que respecta ao domingo, informa no seu último comunicado que é probable que as precipitacións tendan a remitir.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona

Unha dina acende a alerta laranxa en Galicia por fortes treboadas: estes son os concellos afectados

O interior da Coruña e o centro de Lugo estarán en aviso por tormentas que poden vir acompañadas de aparello eléctrico e sarabia

Galicia rexistra o verán máis cálido dende 1961, cunha temperatura media de 21,4 graos

O informe climatolóxico de Meteogalicia informa de que foi unha estación seca, cunha precipitación media acumulada dun 22% menos do habitual