A semana que comeza este luns traerá unhas condicións de pleno inverno. E ademais, con nome propio: Daniel e Elsa. As previsións de refachos de vento superiores a 100 quilómetros por hora, cun nivel de alerta laranxa debido á mala situación do mar, as importantes acumulacións de neve nas zonas máis altas de montaña e o risco de desbordamento en varios ríos.
O termómetro continúa o seu descenso progresivo polo que mantemos o prognóstico de neve para esta tarde-noite⚠️. Na temperatura en 850 hPa vemos como o aire frío que achega a #BorrascaDaniel aínda non entrou en #Galicia pero estará na nosa vertical esta medianoite.@112Galicia pic.twitter.com/CTWGrlfClo
— MeteoGalicia (@MeteoGalicia) December 16, 2019
Este domingo, Daniel foi nomeada como borrasca de gran impacto pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) de España ante as previsións para este luns e martes. En Galicia, a situación máis preocupante estará na montaña de Lugo e Ourense. A partir desta tarde, e ata a madrugada do martes, poderán chegar a acumularse 20 centímetros de neve nas zonas máis altas, aínda que a cota podería caer ata os 500 metros. Así, nos lugares máis altos da serra do Faro, entre Deza e Chantada, a Aemet advirte de que o espesor podería ser maior de cinco centímetros. Aquí o aviso será de nivel amarelo. No mar, remitirá o temporal, pero só durante unhas horas, xa que durante o martes o nivel de aviso baixará a amarelo, para volver elevarse a laranxa o mércores por vento do sur no mar que podería chegar á forza 8.
Elsa despois de Daniel
Case sen tempo para que a situación remita durante a segunda metade do martes, Galicia estará pendente o mércores dos avisos meteorolóxicos coa chegada da borrasca Elsa, nomeada polo Instituto Português do Mar e da Atmosfera (IPMA), toda vez que este temporal xa está comezando a afectar ao arquipélago dos Azores, e se moverá posteriormente cara o oeste.
Así, segundo adiantou a Aemet este mesmo luns, coa chegada de Elsa agárdanse precipitacións persistentes e localmente fortes, con acumulacións de máis de 100 litros por metro cadrado en Galicia. Do mesmo xeito, o servizo estatal advirte de que ao producirse un lixeiro aumento das temperaturas, o desxeo da neve acumulada tras o paso de Daniel incrementará o risco de inundacións.
Esta situación levou á Xunta de Galicia a manter activo o Plan Especial para o Risco de Inundacións en Galicia en fase de alerta laranxa polas posibilidades de desbordamentos nas bacías dos ríos Ouro, Landro, Labrada, Azúmara e Ladra (provincia de Lugo), Eume e Mandeo (provincia da Coruña), Umia, Lérez e Verdugo (provincia de Pontevedra) e Miño e Arnoia (provincia de Ourense), baseándose nas informacións dos sistemas de observación e control de Augas de Galicia, en colaboración con Meteogalicia, e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
A borrasca Elsa deixará tamén refachos moi fortes de vento do suroeste e oeste en Galicia e gran parte da península ibérica durante o mércores, superando os 120 km/h nalgúns puntos.














