Dana, o fenómeno atmosférico que deixou 12.000 lóstregos en Galicia

Nos últimos días de agosto, Galicia viuse afectada por un fenómeno meteorolóxico denominado Dana (acrónimo de Depresión Illada en Niveis Altos, en castelán). Este suceso provocou un total de 12.564 raios entre os días 26 e 28 de agosto e abundantes precipitacións, que acadaron os 150 litros/m2 en zonas da provincia Ourense, ou os 19,3 l/m2 en só unha hora en Santiago de Compostela, que causou serias inundacións o día 28 na capital galega, segundo conta o resumo do informe mensual de Meteogalicia.

A Dana de agosto, semellante á gota fría que adoita ter lugar no Levante español, produciuse pola entrada en contacto dun chorro de aire moi frío en altura procedente do Atlántico co aire cálido da superficie, debido ás altas temperaturas do verán. No caso mencionado, tivo á súa orixe no desprazamento cara o oeste da península Ibérica dun conxunto de baixas presións procedente de Irlanda, que arrastrou consigo unha zona de aire frío en altura. É un fenómeno moi difícil de predicir, polo que ás veces pode causar graves danos debido á súa intensidade.

Publicidade

Así, o día 27 de agosto, o radar de Meteogalicia contabilizou 8.086 raios, o cuarto día co valor máis alto desde que existen rexistros. A maioría deles concentráronse en só seis horas, das 14 e as 20 horas. As treboadas viñeron acompañadas nalgúns puntos de saraiba e pedrazo.

Resumo do mes

Segundo o citado informe, agosto comezou cun ambiente fresco e húmido ata o día 10, ao que sucedeu un notable aumento das temperaturas. Na madrugada dese día, a presenza de aire frío de xornadas anteriores e a entrada do anticiclón deixou unha mínima de -1,6ºC en Calvos de Randín. Entre os días 19 e 22 chegou o período máis cálido do mes, con rexistros de máis de 40ºC en zonas como Tui ou Leiro.

Publicidade

Despois disto, o desprazamento das baixas presións de Irlanda, sumado ao aire quente que ficaba en Galicia, xerou a Dana.

Cabe subliñar tamén os altísimos valores de precipitacións nas comarcas do oeste de Ourense, especialmente afectadas polas treboadas do final de mes. Así, superouse o 400% dos niveis normais para este mes na Limia, O Ribeiro, Celanova, Carballiño e Verín. Pola contra, a ría de Vigo e o Baixo Miño tiveron valores moi baixos, ata un 87% inferiores ao normal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia