Sábado 27 Abril 2024

Así quedan as restricións en Galicia pola transmisión da Covid-19

Sanidade estende a Santiago, Ourense, Carballo, A Laracha e Santa Comba as limitacións de reunións, manténdoas en Lugo e cinco concellos da área da Coruña

O aumento da transmisión da Covid-19 nalgunhas zonas concretas de Galicia levou á Consellería de Sanidade a establecer este mércores novas restricións. Ademais das limitacións de capacidade en locais e no tamaño das reunións, así como o peche de residencias e centros de día, os surtos producidos en ximnasios levaron ao comité clínico a anunciar novas medidas, coa obrigatoriedade do uso de máscara en todo momento nestas instalacións deportivas.

O mapa das restricións

Nunha comparecencia que tivo lugar este mércores despois da reunión co comité clínico, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, expuxo que a situación en Santiago de Compostela, Santa Comba, Carballo, Ourense e A Laracha levou a incrementar as restricións nestes municipios, no marco da estratexia de establecer medidas selectivas a nivel de concellos, cidades ou mesmo barrios. As medidas, que entrarán na medianoite do mércores ao xoves en vigor tras ser publicadas nas vindeiras horas no Diario Oficial de Galicia, iguálanse ás decretadas hai semanas na área da Coruña:

Publicidade

  • Máximo de 10 persoas en reunións, “tanto privadas como na vía pública”.
  • Capacidade máxima do 50% nos comercios, locais de hostalería, restauración, así como en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros.
  • Prohibición do consumo na barra dos bares e cafeterías, peche de residencias e centros de día (nestas instalacións o peche esténdese a toda a área sanitaria da Coruña), así como a redución dos aforos en celebracións, velorios e lugares de culto.
  • Uso obrigatorio da máscara en ximnasios, medida que o comité clínico valora facer extensible ao resto da comunidade.

No caso de celebracións como vodas, bautizos e comuñóns, non poderán superar o 50% do aforo do salón de banquetes nin o número máximo de 50 persoas para lugares pechados e de 100 persoas no caso de celebrarse en espazos ao aire libre, se ben este apartado da norma non entrará en vigor até o vindeiro luns, polo que non afectará aos eventos previstos para estar fin de semana.

Estas medidas mantéñense, ademais, nos concellos da Coruña, Oleiros, Cambre e Culleredo, onde a tendencia de novos casos segue á baixa, pero cunha importante presenza de casos activos. En todos os municipios afectados, a posible ampliación ou redución deste conxunto de medidas será revisado dentro dunha semana.

Por outra banda, ao experimentar unha menor incidencia nos últimos días, levántanse as restricións en Bergondo, Abegondo, Carral e Sada, que quedan nunha situación equiparable ao resto de Galicia, aínda co peche dos centros de día e residencias, como acontece en toda a área da Coruña.

En Arteixo, onde se tomaron medidas aínda máis estritas por mor da transmisión comunitaria do virus (O Concello informaba este mércores de 140 casos activos e 266 contactos estreitos en seguimento) mantense o mismo nivel de prevención.

O mesmo acontece no barrio da Milagrosa de Lugo. Tanto nesta área do concello lucense como en Arteixo, as reunións entre non convivintes terán que seguir sendo dun máximo de cinco persoas, e só se permitirá que bares e cafeterías atendan no exterior, onde tamén se limitará a cinco persoas o máximo. No resto do Concello de Lugo as restricións serán as que rexen para os outros municipios afectados por unha maior incidencia da Covid-19.

O risco dos aerosois en espazos pechados

A análise dos últimos surtos detectados en espazos pechados están aumentando as evidencias sobre o risco de infección a través de aerosois, as partículas de menor tamaño que emiten as persoas infectadas e que poden permanecer suspendidas no aire, con capacidade suficiente para contaxiar, se non se realiza unha ventilación axeitada e a carga viral é alta. A vía principal de transmisión seguen sendo as pequenas pingas que se transmiten directamente dunha persoa a outra ao falar, tusir ou esbirrar. Porén, as evidencias apuntan nos últimos meses a unha relevancia tamén notable dos aerosois (máis pequenos e lixeiros, que permanecen máis tempo en suspensión).

Ao non usar máscara, como no caso de actividades deportivas ou reunións de amigos ou familiares, a infección mediante aerosois é probable, alén do contacto directo, tal e como se constatou no rastrexo de boa parte dos brotes. Esta vía de infección tamén preocupa ante o inminente comezo do curso escolar e a volta ao traballo de moitas persoas tras as vacacións de verán.

O ‘semáforo’ que mide o risco de que te infectes coa Covid-19

Situación en Galicia

O parte diario da Consellería de Sanidade engade 217 novos casos de coronavirus á serie, tras a realización de 4.805 probas PCR máis có martes. Respecto á información anterior sumáronse catro novas mortes, que elevan a 648. Dúas das persoas falecidas eran usuarias da residencia do Incio, onde se rexistraron nove falecementos desde o comezo do brote, o máis grave dentro dunha residencia desde o mes de abril.

Hai 14 persoas ingresadas na UCI e 156 noutras unidades de hospitalización. O 95% das persoas afectadas (3.677) están no domicilio.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Aquarium Finisterrae reforma o sanatorio de focas: “Combinaremos todas as necesidades ambientais”

O museo coruñés remodela no seu 25 aniversario a área de curación dos animais mariños

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844