Adeus, Agustín Fernández Paz

“Que sentido ten escribir esta liñas? Nin sequera sei se haberá alguén que as lea no futuro. Por non saber, mesmo ignoro se veremos un futuro. Mais en algo teño que ocupar as inacabables horas do día para non deixarme arrastrar pola desesperación ou polo medo (…)” Así comeza A neve interminable (2015, Xerais), a derradeira novela do escritor Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947), falecido este martes na súa casa de Vigo aos 69 anos de idade. Autor de máis de cincuenta títulos, a maioría deles dirixidos ao público infantil e xuvenil, a obra de Fernández Paz foi traducida a case unha trintena de idiomas e acadou os galardóns máis destacados da literatura para nenos e mozos, como o Premio Nacional de Literatura Infantil e Juvenil, Lazarillo ou Barco de Vapor, así como o premio ao mellor libro infantil do ano, que concede a Asociación de Escritores en Lingua Galega, e ata catro nominacións ao Astrid Lindgren Memorial Award.

“Só se pode ser universal desde a asunción das propias raíces”

En xaneiro de 2013, o escritor e docente durante máis de trinta anos en Primaria e Secundaria, foi investido doutor honoris causa pola Universidade de Vigo. No seu discurso, no que fixo un percorrido pola constante loita a prol da lingua galega, Fernández Paz salientou a necesidade de concienciarse de que “só se pode ser universal desde a asunción das propias raíces”, un aspecto sobre o que, quen foi o seu padriño naquel acto, o docente e investigador da Universidade de Vigo Xosé Henrique Costas, pon o acento á hora de referirse ao escritor hoxe finado. “Agustín Fernández Paz demostra que se pode ser universal sendo monolingüe”, asegura Costas, que destaca o compromiso exemplar do escritor lucense en defensa do idioma, a través dunha produción literaria que foi traducida case unha trintena de idiomas e que conta con gran recoñecemento en Asia e América. “Tenro, amable, cariñoso e firme nas súas conviccións”, son os cualificativos que, segundo Costas, mellor describen ao autor de O único que queda é o amor, Contos por palabras, As fadas verdes, Aire negro e O meu nome é Skywalker.

Publicidade

A implicación na defensa do idioma e a preocupación polo retroceso que está a sufrir, foron dúas constantes ao longo da traxectoria vital de Fernández Paz, que en febreiro de 2015 publicaba na revista Luzes un artigo titulado As razóns do galego, no que enumeraba dez puntos nos que explicaba os datos do Instituto Galego de Estatística que reflectían o devalo da lingua, así como a “axenda oculta da política lingüística emprendida polos gobernos de Núñez Feijóo”, aos que acusaba, desde 2009, de realizar “unha cruzada contra o galego”.

“A nosa escrita se alimenta da dos autores que nos precederon”

Xosé Henrique Costas lembra que xa en 2010, o escritor rexeitara o Premio Cultura Galega de Literatura, creado ese ano pola Xunta, en protesta pola política lingüística do executivo autonómico e seguindo a liña do reclamado polo manifesto Rosalía de Castro nunca aceptaría ese premio da plataforma Prolingua, asinado polo autor, no que se consideraba lexítimo non aceptar ningún premio “que veña hipotecado por agresións contra a mesma cultura se finxe exaltar”. Un xesto, considera o docente da Universidade de Vigo, “a sumar a unha traxectoria a prol da dignificación da lingua do autor”, que no seu discurso de investidura como honoris causa describiu así o seu labor: “escribir como un acto rebeldía, como un acto de amor. Escribir co desexo intenso de crear algo que antes no existía. E ser consciente de que aramos sobre os mortos desta terra, de que a nosa escrita se alimenta da dos autores que nos precederon”.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego demostra os efectos negativos do eucalipto nos ecosistemas fluviais

O estudo da UVigo constata que a diversidade de especies nos regatos diminúe naqueles lugares rodeados das árbores oriúndas de Australia

Ter un peso adecuado pode ser máis importante que facer exercicio para evitar o risco de cancro

Un estudo da UVigo apunta a que a actividade física sería insuficiente para contrarrestar os efectos negativos de ter sobrepeso ou obesidade

O investigador Jordi Borràs gaña o Premio atlanTTic á mellor tese de doutoramento

O experto da Universitat Politècnica de Catalunya propón un esquema innovador para reducir as interferencias nas comunicacións sen fíos

A virxe ao servizo da física (ou como reconstruír a historia do clima con procesións)

As rogativas católicas para pedir a intervención divina na meteoroloxía complementan as ferramentas científicas das que dispón a paleoclimatoloxía