Abril foi “extremadamente seco” e “moi cálido” en Galicia

Poucas veces resultou tan errado o refrán de “en abril, augas mil”. O pasado mes foi en Galicia “extremadamente seco”, segundo os datos que ofrece o informe mensual de Meteogalicia. A media de precipitacións no país foi de 22 l/m2, un 83 por cento menos da media (120 l/m2) rexistrada entre os anos 1981-2010, que se emprega como período climático de referencia para realizar este estudo. Só en 1982 se acadaron valores tan baixos de chuvia.

Deste xeito, só se produciron chuvias xeneralizadas o día 30, amais dalgunhas precipitacións breves e illadas noutras xornadas. Os lugares con valores máis baixos foron as comarcas de Viana e Valdeorras, con niveis inferiores aos 10 l/m2. A serra do Xistral, a comarca do Sar e do interior de Noia foron os lugares con máis choivas, nos que se acadaron entre 45 e 50 l/m2, aínda así, moi por debaixo da media.

Publicidade

A máxima, de 34,3ºC, acadouse o 10 de abril en Arnoia

A situación non só foi excepcional pola ausencia de chuvia, senón tamén polas temperaturas por riba da media. Así, desde Meteogalicia cualifican de “moi cálido” este mes de abril. As anomalías foron especialmente salientables nas zonas montañosas do leste de Lugo e Ourense, cunha temperatura de 4ºC por riba da media respecto ao período 1981-2010. No conxunto de Galicia, os termómetros estiveron 2,6ºC por riba da media.

Esta variación da temperatura media debeuse, sobre todo, ás elevadas máximas, debido á chegada de aire cálido procedente do sur da península Ibérica e do norte de África, De feito, as mínimas do mes situáronse en valores semellantes á media.

Publicidade

Así, o 10 de abril rexistrouse no concello ourensán de Arnoia unha máxima de 34,3ºC. A mínima do mes, pola contra, rexistrouse en Baltar (Ourense), na noite do 26 ao 27 de abril, con -8.2ºC, debido á entrada dunha masa de aire frío que causou xeadas en gran parte do país e graves danos nos cultivos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

Galicia rexistra o mes de outubro máis seco dende 2007

O último informe climatolóxico de MeteoGalicia indica que a precipitación media acumulada foi un 79% inferior ao habitual no período

O aire polar provocará un descenso brusco das temperaturas dende o martes en Galicia

O descenso térmico irá acompañado de vento de mar no litoral da Coruña, onde se ditamina a alerta amarela

Unha nova fronte atlántica acende a alerta por temporal marítimo na costa da Coruña

MeteoGalicia informa de que as precipitacións chegarán na xornada do martes, pero a influencia anticiclónica volverá a partir do mércores