Xoves 5 Decembro 2024

Un estudo sobre o carallo de mar gaña o concurso de divulgación MARatón

A investigadora Tania Ballesteros afondou na súa charla sobre a xestión pesqueira e a situación ecolóxica do "Holothuria forskali"

A exposición dun proxecto de investigación no que traballa de xeito conxunto o persoal investigador da Ecimat (Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM), do CIMA (Centro de Investigacións Mariñas da Xunta de Galicia) e de Ánfaco-Cecopesca sobre o cogombro ou carallo de mar, gañou a I edición do concurso MARatón, unha iniciativa do Laboratorio de Recursos Xenéticos Mariños e o CIM, co obxectivo de divulgar, en tan só oito minutos, entre un público non especializado, o traballo que desenvolven as e os investigadores. Tania Ballesteros, técnica da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla foi quen, coa súa exposición No mes de maio…Falemos do carallo de mar!, de impoñerse ás e aos outros sete participantes na primeira edición do certame, que se celebrou onte e ante onte no Tinta negra bar de Vigo.

“Tania Ballesteros transmitiu na súa exposición a paixón que ten polo traballo de investigacion que está a realizar desde hai anos sobre o carallo de mar, así como as súas dotes de divulgadora, que habitualmente pon en práctica nas visitas que grupos de escolares realizan ao CIM”, explica Alba Hernández, técnica de investigación da Ecimat e responsable de comunicación e divulgación do CIM-Uvigo, sobre a gañadora do concurso, nacido da man da investigadora María Fernández, estudante de predoutoramento da Universidade de Vigo. Ballesteros é investigadora contratada con cargo ao proxecto Estudo da bioloxía, status poboacional e diversidade xenética da holoturia na ría de Vigo, que ten como obxectivo xeral ampliar o coñecemento sobre o cogombro de mar (Holothuria forskali) en todos aqueles aspectos que resultan máis relevantes para a súa xestión pesqueira, así como establecer sinerxías e liñas de traballo cos axentes interesados, co fin de deseñar as liñas de investigación e colaboración necesarias.

Publicidade

Pola súa banda, David Santos estudante da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación coa súa exposición Ruído submariño na ría de Vigo e Andrea Muras, do Grupo Acuicultura e Biotecnoloxía da USC con Quorum Sensing: a incrible historia de Vibrio fisheri e o calamar hawaiano, acadaron o segundo e terceiro premio, respectivamente. A gobernanza pesqueira, a microbioloxía mariña, a alimentación das bacterias, ou a fixación biolóxica do nitróxeno na ría de Vigo, son outros temas sobre os que versaron as exposicións das e dos participantes no MARatón, un grupo caracterizado pola diversidade dos seus perfís, incluíndo tanto estudantes e persoal investigador das universidades de Vigo e da USC, como representes de empresas privadas.

Unha primeira edición que superou as expectativas

Para as responsables do certame, a valoración da primeira edición é máis que positiva ao cumprirse os obxectivos do concurso, destinado a fomentar a divulgación do traballo investigador, de xeito sinxelo, ameno e cun vocabulario comprensible, entre un público non especializado. “O MARatón foi mellor do esperado, tanto na participación do público, cunhas 30 ou 40 persoas en cada sesión, como polas intervencións das e dos participantes”, explican as organizadoras, que cara a vindeiras edicións, teñen claro que terán que difundilo con máis antelación da que se fixo este ano, para así acadar un maior número de participantes.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Abono ecolóxico a base de insectos? O estudo da UVigo para mellorar a fertilidade do solo

A investigadora María Gómez Brandón avalía o uso de larvas de mosca soldado negra para crear produtos con baixo impacto ambiental

Liberados 300 lumbrigantes xuvenís para incentivar a súa repoboación na ría de Vigo

Un equipo do CIM solta os exemplares nunha zona rochosa para facilitar o seu asentamento e supervivencia

Os cambios climáticos do pasado, e non os actuais, explican a diversidade dos mamíferos

Tres investigadoras da UVigo analizan datos dos últimos 5 millóns de anos e técnicas avanzadas de análise estatística

Intelixencia artificial para detectar TDAH nas aulas e outros proxectos de Galiciencia 2024

A feira científica reúne un centenar de traballos de alumnado de Secundaria, Bacharelato, FP e Primaria de toda a comunidade