Estas son as mellores fotografías científicas de 2023

O corte transversal dunha casca de ovo, a simetría do brócoli e un nobelo de anisakis, entre as imaxes gañadores de FOTCIENCIA

FOTCIENCIA fai 20 edicións co labor de achegar a ciencia á sociedade a través da imaxe coa axuda da participación cidadá. Esta iniciativa do CSIC e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) deu a coñecer as mellores fotografías do ano 2023. E esta vez conta coa colaboración da Fundación Jesús Serra, do GCO (Grupo Catalá Occidente) e da compañía Leica.

O corte transversal dunha casca de ovo, o pelo do estame dunha flor (Erodium moschatum), a eclosión do réptil Paroedura picta fotografado cun teléfono mobil, a simetría do brócoli, un nobelo de vermes parasitos anisakis ou tres mostras de epiderme de flor de caléndula captadas por estudantes de secundaria, son algunhas das imaxes seleccionadas por un comité multidisciplinar formado por 13 profesionais da ciencia, a microscopía, as artes visuais e a divulgación científica, entre outras especialidades.

Publicidade

Nesta vixésima edición, ás modalidades de participación habituais —Micro, Xeral, Alimentación e nutrición, Agricultura sostible e A ciencia na aula— sumáronse as modalidades especiais Ano Cajal, Física de partículas e Sinerxías (Arte, Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade, ACTS). A difícil captura nanométrica dun radical libre lograda co microscopio de efecto túnel e a observación microscópica dunha roca ígnea plutónica de La Cabrera (Madrid) foron as fotografías galardoadas por primeira vez nestas dúas últimas modalidades, respectivamente.

A modalidade Sinerxías (Arte, Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade, ACTS) pretende mostrar traballos conxuntos do ámbito científico e artístico co obxectivo de ampliar novos horizontes inter e transdisciplinarios e xerar instantáneas xenuínas que reflictan a relación entre as ACTS.

Publicidade

Este ano, unha nai xeóloga e o seu fillo estudante de Belas Artes mostraron nunha fotografía a conexión ciencia-arte cunha imaxe que resulta dun proceso de investigación onde ambos comparten microscopio en busca de cores e imaxes inspiradoras para futuros bosquexos noutros soportes. A científica achegou a metodoloxía utilizada no seu traballo diario, o microscopio petrográfico, para buscar xeometrías e tonalidades. Tras diversas sesións observando láminas de rocas, o artista levouno ao seu terreo e, tras aprender a manexar o microscopio, realizou os seus propios experimentos.

FOTCIENCIA: as mellores fotografías científicas do 2023. Vídeo: Sinc.

Como na anterior edición, FOTCIENCIA contempla a modalidade especial Ano Cajal para recoller imaxes que teñan que ver coas neurociencias, sumándose así ao acontecemento de excepcional interese público Ano de Investigación Santiago Ramón y Cajal 2022 (Ano Cajal), impulsado a nivel nacional. A inmunofluorescencia dunha sección de cerebelo con dúas células de Purkinje, que lembra aos debuxos de Ramón y Cajal —quen xa describiu a súa estrutura—, foi a imaxe seleccionada nesta modalidade.

Os autores e as autoras das dúas imaxes seleccionadas en cada unha das modalidades Xeral e Micro, así como da seleccionada na modalidade Sinerxías ACTS, reciben 1.500 euros. O resto das categorías retribúense con 600 euros cada unha. A excepción será a modalidade Ano Cajal, nese caso farase entrega dunha cámara fotográfica Leica D-Lux 7 valorada en máis de 1.300 euros.

Como nas últimas edicións, cada participante adscribiu a súa instantánea a un dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) declarados por Nacións Unidas. As imaxes, seleccionadas de entre máis de 475 fotografías, foron galardoadas pola súa beleza, impacto e capacidade para reflectir e describir feitos científicos.

O comité avaliador da 20ª edición de FOTCIENCIA estivo formado por: Juan de Dios Alché Ramírez, presidente da Sociedade de Microscopía de España e investigador da EEZ-CSIC; María Jesús Bartolomé García, responsable do Laboratorio de Metalografía Óptica do CENIM-CSIC; Mónica Bello, directora do Programa Arts at CERN; Rosa Capeáns, directora de Cultura Científica e da Innovación de FECYT; Susana Codina, subdirectora da Fundación Jesús Serra, GCO (Grupo Catalá Occidente); Matías Costa, fotógrafo e responsable de Leica Akademie & Gallery (España); Sonia Frías, coordinadora da área de Innovación, Ciencia e Formación. Círculo de Belas Artes; Leire Molinero, directora do Instituto de Agricultura Sostible, IAS-CSIC; Jaime Pérez del Val, xefe de área da Vicepresidencia adxunta de Cultura Científica e Ciencia Cidadá (VACC-CSIC); Belén Poole, coordinadora no Centro de Arte de Alcobendas; José Luis Trejo, investigador do Instituto Cajal, IC-CSIC; Eric Úbeda Mompó, responsable de comunicación do IATA-CSIC; e Thais Varela, artista visual.

O resultado de FOTCIENCIA20 será un catálogo e unha exposición de fotografía científica que percorrerá museos, centros de investigación, universidades e espazos culturais de todo o país. Ademais, todas as imaxes serán publicadas na páxina web de FOTCIENCIA. O concurso trata de achegar a ciencia á sociedade a través da imaxe e a participación cidadá. Para iso convida a que calquera persoa, adíquese ou non á investigación, plasme a súa visión da ciencia e a tecnoloxía en fotografías.

Polinización e agricultura

Polinización, de Eduardo Cires Rodríguez. Foto: Sinc.
Polinización, de Eduardo Cires Rodríguez.

O autor é Eduardo Cires Rodríguez, quen explica o seu traballo dicindo que “a agricultura, pedra angular da civilización humana, debe a súa existencia a unha asociación natural notable e a miúdo pasada por alto, como é a polinización”. Nas súas palabras, “esta obra mestra da bioloxía sustenta o sistema alimentario global”. No centro desta narrativa, continúa, “están os polinizadores, criaturas que pechan a brecha entre as flores e os alimentos”.

Eclosión en laboratorio

Eclosión en laboratorio, Fernando García Moreno. Foto: FOTCIENCIA20.
Eclosión en laboratorio, deFernando García Moreno.

O autor é Fernando García Moreno, quen sostén que “a bioloxía básica actual adoece dunha visión centrada en modelos de roedores, versátiles e económicos” e que, “con todo, este monopolio do rato de laboratorio está a negar o maior valor da natureza biolóxica: a súa inacabable diversidade”. Por iso, García Moreno avoga por “abrir os nosos ollos a outras especies animais para a investigación, a outras solucións biolóxicas aos problemas ambientais”. Na imaxe que conseguiu captar, móstranse as primeiras fases da disección dun embrión de Paroedura picta, unha especie recentemente incorporada ás neurociencias.

Sensores biolóxicos

A utilización de plantas como biosensores ten un enorme potencial en aplicacións relacionadas coa vixilancia temperá do medio ambiente, segundo as súas autoras. Foto: Sinc.
A utilización de plantas como sensores biolóxicos ten un enorme potencial en aplicacións relacionadas coa vixilancia temperá do medio ambiente, segundo as súas autoras.

A fotografía que mostra o detalle microscópico dun pelo, un entre os numerosos que compoñen a pequena coroa que rodea os estames da flor de Tradescantia pallida (unha planta común nos nosos xardíns), pertence a Concepción Hernández Castillo, en coautoría con Lola Molina Fernández e Isabel María Sánchez Almazo. Hernández Castillo sostén que “o que resulta especialmente interesante é que esta planta foi obxecto de extensos estudos debido á súa sensibilidade a certos axentes tóxicos” e ás respostas fisiolóxicas que proporciona, incluíndo “cambios na morfoloxía, coloración e taxa de crecemento”. Estas débense á activación de xenes específicos relacionados coa tensión e a resposta ás toxinas, polo que queda claro que “a utilización de plantas como sensores biolóxicos ten un enorme potencial en aplicacións relacionadas coa vixilancia temperá do medio ambiente”.

Mineralización biolóxica

Mineralización biolóxica, María Jesús Redrejo Rodríguez e Eberhardt Josué Friedrich Kernahan. Foto: FOTCIENCIA20.
Mineralización biolóxica, María Jesús Redrejo Rodríguez e Eberhardt Josué Friedrich Kernahan.

María Jesús Redrejo Rodríguez en coautoría con Eberhardt Josué Friedrich Kernahan conseguiron esta micrografía electrónica, grazas á que se pode observar “o corte transversal dunha casca de ovo de galiña; na parte superior, vemos dúas membranas, unha interior e outra exterior, feitas de proteínas como coláxeno e glicoproteínas”, nas súas palabras. Mediante a mineralización biolóxica, explican os autores, “as aves e algúns réptiles forman unha casca mineral que protexe os ovos”.

Homenaxe a Ramón y Cajal

Lembrando a Cajal para tratar a dexeneración neurolóxica, Pablo González Téllez de Meneses. Foto: FOTCIENCIA20.
Lembrando a Cajal para tratar a dexeneración neurolóxica, Pablo González Téllez de Meneses

Pablo González Téllez de Meneses conseguiu unha imaxe que, segundo expón, “mostra unha inmunofluorescencia dunha sección de cerebelo con dúas células de Purkinje fusionadas”, con trazos e cores que “nos lembran aos debuxos de Ramón y Cajal, que describiu a súa estrutura”.

Alimentación e nutrición

Un nobelo de vermes parasitos anisakis extraídos de peixe fresco, Jose Ramos Vivas. Foto: FOTCIENCIA20.
Un nobelo de vermes parasitos anisakis extraídos de peixe fresco, Jose Ramos Vivas.

Así mesmo, un nobelo de vermes parasitos Anisakis extraídos de peixe fresco, cuxo autor é José Ramos Vivas lémbranos que “estes parasitos comúns de peixes como o bacallau, o salmón, a pescada, a carioca, e as sardiñas poden provocar anafilaxes, unha reacción inmunitaria severa, e anisakiase, unha enfermidade con síntomas como dor abdominal, náuseas e vómitos”. Por esta razón, a mellor maneira de previr esta infección, é “cociñar o peixe de maneira adecuada ou conxelalo a temperaturas moi baixas durante un tempo suficiente para eliminar os parasitos”.

Agricultura sostible

Revelación simétrica do brócoli, Samuel Valdebenito Pérez en coautoría con María Villarroel e Patricia Peñaloza. Foto: Sinc.
Revelación simétrica do brócoli, Samuel Valdebenito Pérez en coautoría con María Villarroel e Patricia Peñaloza.

En canto á modalidade Agricultura sostible, a fotografía escollida foi Revelación simétrica do brócoli, de Samuel Valdebenito Pérez, en coautoría con María Villarroel e Patricia Peñaloza.

Ciencia na aula

O sal da morte (celular), Hala Lach Hab El Keneksi, Rebeca Jiménez Uvidia, Chaimae El Idrissi Loukili. Foto: FOTCIENCIA20.
O sal da morte (celular), Hala Lach Hab El Keneksi, Rebeca Jiménez Uvidia, Chaimae El Idrissi Loukili.

En tanto, na ciencia na aula, elixiuse O sal da morte (celular), de Ala Lach Hab El Keneksi, Rebeca Jiménez Uvidia e Chaimae El Idrissi Loukili.

Física de partículas

Un triángulo imposible, Alejandro Berdonces Layunta en coautoría con Dimas García de Oteyza. Foto: FOTCIENCIA20.
Un triángulo imposible, Alejandro Berdonces Layunta en coautoría con Dimas García de Oteyza. Foto: FOTCIENCIA20.

En Física de partículas, Alejandro Berdonces Layunta, en coautoría con Dimas García de Oteyza, retrataron Un triángulo imposible. Nas súas palabras, trátase “dunha imaxe real de 21 átomos de carbono, cun nitróxeno central que achega un electrón extra”.

Sinerxías (ACTS)

Cubismo plutónico, Bruno Fernández Delvene en coautoría con Graciela Delvene Ibarrola. foto: FOTCIENCIA20.
Cubismo plutónico, Bruno Fernández Delvene en coautoría con Graciela Delvene Ibarrola. Foto: FOTCIENCIA20.

Por último, na modalidade Sinerxías (ACTS), premiouse a imaxe que leva por título Cubismo plutónico, de Bruno Fernández Delvene, con Graciela Delvene Ibarrola. Así a describen os seus autores: “As figuras xeométricas que estamos a ver corresponden a cristais de minerais dunha roca ígnea plutónica de La Cabrera (Madrid) observados en lámina delgada baixo un microscopio”. O estudo realizouse cun microscopio petrográfico de transmisión.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

É seguro conservar o peixe en envases de plástico? Isto di un novo estudo

Un estudo do CSIC detecta a migración de compostos químicos cara ao produto almacenado en frío. Por Ethel Eljarrat e Maria Vittoria Barbieri

Blanca Landa, experta en covid das plantas: “Adestramos cans que xa detectan vexetais infectados”

A investigadora do CSIC coordina un proxecto europeo para mitigar o impacto de 'Xylella fastidiosa', unha bacteria capaz de afectar máis de 700 especies

Un novo método predí a resistencia aos antibióticos da bacteria ‘Helicobacter pylori’

O estudo do CSIC permite saber con antelación que tratamento será máis eficaz para cada paciente

Vacas no carazo e un intestino, protagonistas das mellores imaxes científicas do ano

A iniciativa divulgadora do CSIC selecciona oito propostas para formar parte dun catálogo e dunha exposición itinerante por todo o país