Descubre a contaminación atmosférica do teu concello neste mapa interactivo

Unha investigación publicada por The Guardian revela que o 98% da poboación europea respira aire tóxico

O 98% de europeos viven en zonas con niveis de contaminación superiores aos máximos que permite a Organización Mundial da Saúde (OMS). Esta é a conclusión dunha investigación realizada polo medio The Guardian, despois de recopilar datos de 1.400 estacións de monitoreo terrestre de Europa. Os resultados pódense consultar nun mapa interactivo que revela as zonas máis afectadas do continente. En España, o 49% da poboación respira aire contaminado. E en Galicia, o litoral concentra os peores datos.

The Guardian explicou que os cálculos do mapa corresponden ás medicións PM2.5 (polas súas siglas en inglés, particulate matter). Son “pequenas partículas no aire producidas principalmente pola queima de combustibles fósiles, algunhas das cales poden pasar a través dos pulmóns e entrar no torrente sanguíneo, afectando a case todos os órganos do corpo”, apunta o medio. Segundo a OMS, estas son un indicador substitutivo habitual da contaminación do aire. Os principais compoñentes da materia son os sulfatos, nitratos, amoníaco, cloruro de sodio, carbono negro, pos minerais e auga.

Publicidade

Neste senso, o organismo mundial declara que as medias anuais de PM2.5 non poden exceder os cinco microgramos por metro cúbico (g/m3). Tras este estudo, sábese que só o 2% da poboación de Europa vive en zonas que non superan este límite. No mapa interactivo, que permite descubrir o nivel de contaminación de calquera parte de Europa con só colocar o rato enriba, vese claramente unha diferenza substancial entre Europa do Este e Europa Occidental. En España, as comunidades máis afectadas son Madrid, Cataluña, Comunidade Valenciana, Murcia, Andalucía, Galicia e Asturias.

Case todo o aire de Galicia acumula partículas nocivas

En toda Galicia, só cinco lugares de Ourense están dentro dos límites marcados pola OMS: os municipios de Calvos de Randín, A Mezquita e Lubián, e as parroquias de Porto e Pías. Dende o este cara o oeste da comunidade, os niveis van in crescendo, concentrándose os máis altos nas costas. O este de Lugo e Ourense acadan ata catro puntos menos de aire tóxico que o litoral da Coruña ou Pontevedra, onde se acumula más poboación e, como consecuencia, máis tráfico.

Publicidade

A cidade de Lugo apunta entre 8,5 e 10 g/m3. No mapa interactivo pódese apreciar claramente unha franxa extensa que precede á costa, e que acumula tamén entre 8,5 e 10g/m3. A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra ou Vigo rexistran entre 10 e 12 g/m3, cinco puntos por enriba do límite da OMS. Por exemplo, Vilagarcía de Arousa, Carnota ou Ortigueira teñen a mesma cantidade de PM2.5 que o centro de Madrid ou Barcelona. O tráfico, a industria, a construción, a agricultura ou a calefacción de edificios son os causantes da emisión directa destas partículas á atmosfera.

Municipios como Ortigueira rexistran a mesma cantidade de partículas PM2.5 que o centro de Madrid ou Barcelona

O 98% da poboación europea respira aire contaminado. Foto: The Guardian

Respirar estas partículas é altamente perigoso para a saúde. “Esta é unha grave crise de saúde pública”, apunta Roel Vermeulen, o profesor de epidemioloxía ambiental na Universidade de Utrecht que dirixiu o equipo de investigadores de todo o continente que recopilou os datos. Nas declaracións publicadas no artigo Revelad: almost everyone in Europe is breathing toxic air en The Guardian, o profesor traslada que case toda Europa respira aire poco saudábel. Os expertos apuntan que esta contaminación causa arredor de 400.000 mortes ao ano en todo o continente.

Sete países duplican os niveis de contaminación

Outra das claves da investigación radica en que sete países duplican os niveis de contaminación: Serbia, Rumanía, Albania, Macedonia do Norte, Polonia, Eslovaquia e Hungría dobran os límites seguros da OMS. Macedonia do Norte é o país europeo con maiores niveis de polución. Case dous terzos da súa poboación vive en lugares que superan por catro os límites establecidos pola OMS. En zonas como Skopje medíronse niveis ata seis veces máis altos.

O estudo revelou que en España, Alemaña e Francia máis de tres cuartos do 49% e 37% da poboación respira dúas veces máis as partículas prexudiciais recomendadas pola OMS. Suecia e o norte de Escocia son as únicas zonas de Europa nas que as concentracións de PM2.5 non duplican os niveis establecidos. Segundo apuntan os expertos, a contaminación por PM2.5 causa ata 400.000 mortes ao ano no continente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catro de cada dez galegos tomaron tranquilizantes nalgunha ocasión

Un informe do Sergas sobre condutas de risco destapa unha problemática xeneralizada en torno á saúde mental, cunha especial incidencia nas mulleres adultas de entre 45 e 64 anos

Soledad Torres, de atlanTTic: “Pertencer a un colectivo minorizado como o da muller é un desafío”

A enxeñeira e investigadora do centro atlanTTic da Universidade de Vigo participa en proxectos de fomento relacionados coa presencia femienina en STEM

A alimentación das vacas galegas xa non é un segredo: pódese trazar a través do leite

Investigadores galegos poñen a punto unha tecnoloxía capaz de discriminar os alimentos consumidos polas vacas a través de mostras da leite producida

As conas de vella voltan ás praias galegas

Aparecen novos exemplares deste molusco gasterópodo, cuxos varamentos aumentaron nos últimos anos e para os cales a ciencia aínda non atopa resposta