De Ourense a Guinea Bissau para mellorar o sistema de abastecemento de auga

A iniciativa naceu do compromiso dun egresado da Universidade de Vigo, Mamadú Seide Bá, co seu país de orixe

A iniciativa mellorará o saneamento e hixiene de depósitos, pozos e fontes de abastecemento e a súa contorna

Na cidade de Bafatá, en Guinea Bissau (África), está o barrio de Ponte Nova. Nun país onde case o 92% dos seus cidadáns vive na pobreza extrema, entre as dificultades que afrontan os case 4.000 habitantes deste barrio está o acceso a auga saneada, feito que ten un impacto directo na súa calidade de vida e saúde.

Co obxectivo de contribuír a mudar esta situación, un proxecto posto en marcha por un equipo de investigación da Facultade de Ciencias do campus de Ourense traballa na mellora do sistema de abastecemento de auga para consumo humano desta poboación. A iniciativa naceu do compromiso dun egresado da Universidade de Vigo, Mamadú Seide Bá, co seu país de orixe.

Cooperación para o desenvolvemento

proxecto, que arrancou en setembro e se prolongará ata decembro de 2023, conta con case 72.000 euros de financiamento da convocatoria para proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior, da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia. Nel participa por parte da Universidade de Vigo un equipo liderado por María Concepción Pérez e formado por Mamadú Seide Bá, Esther de Blas, Ana Torrado e Eugenio López Periago, membros dos grupos de investigación BiotecnIA; Pranta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos e Investigacións Agrarias e Alimentarias.

O seu obxectivo é mellorar o sistema de abastecemento e a calidade da auga no barrio de Ponte Nova mediante a implementación de medidas correctoras e a impartición dun programa para educar á poboación en prácticas seguras e respectuosas coa auga para consumo humano.  

Sobre a relevancia de levar a cabo esta acción, o equipo responsable destaca que “o acceso aos servizos de abastecemento de auga e saneamento pódese considerar como un dos problemas entre os que Guinea Bissau presenta unha especial vulnerabilidade”. Así, detallan, as taxas de mortalidade infantil son moi elevadas, estando as principais causas (como a malaria ou a diarrea) relacionadas co acceso á auga potable.

A cidade de Bafatá, apuntan as e os investigadores, é a segunda capital do país pero “conta con tan só o 67,8% de servizo mellorado de auga e un 10% de saneamento mellorado”, feitos que, indican, “empeoran a calidade de vida desta poboación, ademais do impacto que iso implica na saúde, a educación e as actividades económicas das familias”.

Neste contexto, o barrio elixido é segundo os responsables do proxecto “unha zona moi pobre e que conta cun sistema rudimentario de abastecemento de auga, que se pode mellorar considerablemente”, xa que non consegue dar cobertura total ao barrio, o que obriga á poboación a consumir auga das fontes superficiais.

Como socio local do proxecto está a Asociación de Saneamento Básico para a Protección da Auga e Ambiente de Bafatá, que se encargará de implementar as accións coa supervisión e o asesoramento do equipo da UVigo e o apoio de varios técnicos contratados que traballarán en Guinea Bissau.

O sector do saneamento da auga é moi relevante nun país subdesenvolvido como Guinea Bissau porque a subministración de auga en condicións hixiénico sanitarias adecuadas vai diminuír notablemente o risco de contraer numerosas enfermidades infecciosas e parasitarias, o que reverterá na mellora da saúde da poboación e a súa calidade de vida”, comentan desde a organización da iniciativa.

Acción e divulgación

O proxecto parte do traballo de fin de grao presentado en 2021 por Mamadú Seide Bá para a súa graduación en Ciencias Ambientais na Facultade de Ciencias, traballo que foi premiado nos galardóns do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense arredor dos recursos hídricos.

Neste TFG, baixo a coordinación tamén de María Concepción Pérez, o investigador levou a cabo a diagnose e análise previa dos riscos potenciais que afectan ao sistema (mediante o uso da metodoloxía do plan de seguridade de auga recomendado pola OMS) e desenvolveu unha proposta de actuacións necesarias para mitigar os riscos detectados (como o acceso de animais aos puntos de auga, uso de latrinas próximas ao pozo ou o descoñecemento da calidade da auga).

Dando continuidade a este primeiro traballo, o novo proxecto levará a cabo, xa sobre o terreo, no barrio de Ponte Nova de Bafatá, a análise, en diferentes momentos, dos parámetros físico-químicos, microbiolóxicos e sensoriais da auga para consumo humano. Ademais, mellorará o saneamento e hixiene do pozo e fontes de abastecemento e a súa contorna e reforzará a capacidade técnica e material da asociación local xestora do sistema de abastecemento.

A iniciativa, que busca tanto incrementar a calidade da auga como a xestión e o mantemento dos sistemas que se implementen, tamén inclúe a elaboración dun programa de monitoreo e control da calidade e salubridade da auga; a elaboración dun programa de mantemento e limpeza de pozos, depósitos e fontes e a elaboración dun protocolo de análises de salubridade de auga para consumo humano.

A acción inclúe por último unha campaña de sensibilización da poboación no eido da auga, o saneamento e a hixiene. Así, nos primeiros meses de execución do proxecto, a poboación será convocada a sesións de concienciación sobre boas prácticas hixiénicas e uso responsable do sistema de captación de auga.

Agradecendo o apoio recibido tanto desde a UVigo como desde a Xunta para este proxecto, Mamadú Seide Bá destaca o seu orgullo e ledicia persoal pola posta en marcha desta iniciativa. Cando hai uns anos chegou coa súa familia a Ourense procedente de Guinea Bissau, onde acadara o título de técnico de construción civil, decidiu estudar Ciencias Ambientais no campus de Ourense e ao longo dos anos de carreira, indica, “sempre pensei en facer un proxecto sobre a auga no meu país, unha cuestión das máis difícil alí”. Nesta iniciativa, apunta, hai para el “unha parte académica pero tamén unha parte sentimental” que a fai especialmente motivante e enriquecedora. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.