Os avances e retos actuais no desenvolvemento de metodoloxías analíticas, non só para as biotoxinas acuáticas existentes, senón tamén para as novas toxinas emerxentes a consecuencia de diversos factores relacionados co cambio climático, centran desde hoxe a ata o vindeiro mércores a sexta edición do International Symposium Marine and Freshwater Toxins Analysis. Organizado polo Departamento de Química Analítica e Alimentaria da Universidade de Vigo, o simposio “céntrase de maneira específica na análise de biotoxinas acuáticas, mariñas e augas doces”, explica a docente e investigadora Ana Gago, que tamén dirixe o Laboratorio de referencia da Unión Europea para biotoxinas mariñas. Preto de 90 expertas e expertos internacionais en análise de biotoxinas acuáticas, procedentes de Estados Unidos, Canadá, Xapón, Nova Zelandia, Chile, así como representantes do estados membros da Unión Europea, participan no congreso internacional que se desenvolve no hotel Talaso Atlántico de Baiona.
“As os expertos máis destacados do mundo no campo da análise de biotoxinas acuáticas reúnense un ano máis en Oia par debater os avances e retos no desenvolvemento de metodoloxías analíticas. Son figuras relevantes na análise química das biotoxinas mariñas e de augas doces, pioneiros no desenvolvemento de metodoloxías oficiais, como James Lawrence e Michael Quilliam”, explica Ana Gago, en relación ás e aos participantes e poñentes que toman parte no simposio no que se sucederán os relatorios, así como a presentación de pósters e as mesas redondas.
O simposio cumpre este ano en Baiona a súa sexta edición
O simposio, que conta co patrocinio de Campus do Mar e do Laboratorio de referencia da Unión Europea para biotoxinas mariñas, acada este ano a súa sexta edición, “cunha evolución moi favorable, no que o número de participantes se vai incrementando en sucesivas edicións”, explica Gago, para quen a análise de biotoxinas acuáticas enfronta retos importantes “marcados pola transición dos bioensaios con animais aos métodos químicos cuantitativos de elevada sensibilidade e capacidade de confirmación”.
Desde o Departamento de Química Analítica e Alimentaria da Universidade de Vigo e tamén desde o Laboratorio de referencia da Unión Europea para biotoxinas mariñas, Ana Gago traballa co seu equipo de investigadoras e investigadores dos dous centros no desenvolvemento de metodoloxías analíticas sensibles e selectivas para biotoxinas mariñas existentes “e tamén de novas toxinas emerxentes na costas europeas contribuíndo á harmonización das mesmas a nivel europeo e mundial”.
No simposio que hoxe deu comezo en Baiona, o investigador do Departamento de Química Analítica e Alimentaria Pablo Estevez presenta na sesión desta tarde os avances que o grupo está a realizar dentro do proxecto internacional Risk characterization of ciguatera food poisoning in Europe, dotado cun millón de euros e que durante catro anos se encargará de determinar a incidencia real da intoxicación por ciguatera, ocasionada polo consumo de pescado que contén ciguatoxina, biotoxinas mariñas que estarían presentes en especies de augas tropicais ou cálidas que se alimentan de algas ou dinoflaxelados tóxicos (Gambierdiscus toxicus). A Universidade de Vigo, a través do Departamento de Química Analítica e Alimentaria, é unha das institucións europeas que participan neste proxecto, liderado pola Axencia Europea de Seguridade Alimentaria, EFSA, xunto á Agencia Española de Consumo, Seguridad Alimentaria y Nutrición, Aecosan e no que participan 13 institucións científicas de España, Portugal, Francia, Alemaña, Grecia e Chipre.
O equipo que dirixe Gago vén colaborando desde a aparición do problema en 2008 coas autoridades canarias de saúde pública, así como coa administración alemá para a detección de ciguatoxinas en mostras de pescado importado do Índico, mais participar nun proxecto europeo centrado na avaliación e caracterización dun risco emerxente “supón un importante reto para un grupo de investigación, ao tratarse dun risco dun contaminante de alimentos de orixe mariña e incluso marca un fito importante nun departamento como o noso no que a análise de alimentos xoga un papel moi importante”, sinala a investigadora.