Localizan en Galicia os meteoritos caídos no Día das Letras de 2016

Os restos do bólido diúrno avistado o Día das Letras Galegas de 2016 no sur de Galicia caeron probablemente nos termos municipais de Arbo e As Neves. A esta conclusión chegaron investigadores do Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da USC e da Rede Española de Bólidos e Meteoritos, e que se fixo público un ano despois dos feitos, en maio de 2017.

Imaxe dos dous bólidos caídos sobre Galicia en 2016.
Imaxe dos dous bólidos caídos sobre Galicia en 2016.

Os bólidos prodúcense cando pedras cósmicas de certo tamaño (meteoroides) que están describindo órbitas en torno ao Sol penetran na nosa atmosfera. Debido á gran velocidade coa que o fan e ao rozamento coas capas baixas da atmosfera dan lugar ao fenómeno luminoso observado, pero só cando o brillo que producen é superior ao do planeta Venus (magnitude -4) reciben o nome de bólidos; se non, son simplemente meteoros.

Publicidade

Numerosas testemuñas
Na tarde do 17 de maio de 2016 observouse un bólido diúrno no sur de Galicia que chamou a atención non só por verse a pleno día senón tamén polas sucesivas detonacións que escoitou moita xente do lugar, sobre todo do Baixo Miño. Testemuñas daquela zona pero tamén doutros lugares de Galicia como Guntín, Osebe, Vilagarcía ou o Xurés puxéronse en contacto co OARMA para dar conta do acontecido.

Dado o interese científico deste tipo de fenómenos (especialmente os diúrnos), os profesores e investigadores do Observatorio universitario –centro colaborador da Rede Española de Bólidos e Meteoritos (SPMN)– José Ángel Docobo Durántez e Pedro Pablo Campo Díaz desprazáronse á zona para conseguir a máxima información, en particular as coordenadas horizontais dos puntos de aparición e desaparición do obxecto así como o tempo de retardo do son percibido, entre outros detalles. Ademais, un veciño entregoulles unha fotografía da explosión final do bólido, na que aparecen referencias locais que permitiron obter a dirección con gran precisión.

Publicidade

Unha fotografía da explosicón final do bólido foi clave na investigación

Unha vez conseguidos os datos de observación, os investigadores traballaron na determinación da traxectoria atmosférica do obxecto xa que a partir dela, xunto con outros parámetros atmosféricos, se pode predicir a posible zona de caída de restos, o que se coñece como meteoritos. Así mesmo, se a información dispoñible o permite, é posible determinar a órbita do meteoroide antes de chegar á Terra.

Nesta segunda fase da investigación participaron tamén outros dous investigadores da SPMN, os doutores Josep María Trigo-Rodríguez, do Instituto de Ciencias do Espazo do CSIC e do Institut d’Estudis Espacials de Catalunya, e José María Madiedo, da Universidade de Huelva, que reconstruíron a traxectoria atmosférica e estimaron as órbitas máis probables da rocha que produciu a bola de fogo.

Así, concluíron que o bólido se desprazou desde unha altura de 95 quilómetros ata unha de 26 a longo da fronteira entre España e Portugal e durante uns tres segundos. Precisamente a baixa altura do punto final e as fortes detonacións escoitadas fan que a probabilidade de caída de meteoritos sexa bastante alta, sendo os termos municipais de Arbo e As Neves as zonas sinaladas polos investigadores.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla