Venres 29 Marzo 2024

A UVigo entra nun proxecto europeo para fomentar a saúde e o deporte nos campus

Xornadas completas nunha aula, horas de estudo na biblioteca ou fronte ao ordenador e hábitos de lecer tamén sedentarios, como a Tv ou os videoxogos. Ao final do día, son moitas as horas de inactividade física que sofre a comunidade universitaria. Esta falta de movemento pode afectar moi seriamente á saúde e, de feito, enquisas e estatísticas amosan que preto da metade da poboación non practica habitualmente ningún deporte.

Neste contexto, os servizos de deportes das universidades europeas apostaron por tecer unha rede que axude a mudar esta situación, avaliando as mellores propostas para cada colectivo e amosando os beneficios para a saúde. Para impulsar e potenciar as contornas saudables e activas nos campus, 16 universidades de sete países puxeron en marcha o proxecto ACE (Active Campus Europe), iniciativa seleccionada na convocatoria Erasmus+, que está coordinada pola RWTH Aachen University e conta cun orzamento de 510.299 €.

Publicidade

A Universidade de Vigo é unha das socias deste consorcio que celebrou o seu encontro de apertura a pasada semana na cidade holandesa de Maastricht. A cerimonia inaugural da reunión tivo lugar “na mesma sala na que se asinou o tratado de creación da Unión Europea en 1992”, explica Javier Rial, director técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte, que representou á institución viguesa neste evento xunto co decano da Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte, Vicente Romo.

16 universidades de 7 países participan no Active Campus Europe

Destaca Rial que o proxecto ten tres partes fundamentais. Por unha banda, aproveitar a experiencia previa sobre hábitos saudables de cada unha das institucións socias; por outra, crear campañas e intervencións para activar á comunidade universitaria máis sedentaria e, finalmente, facer unha guía de boas prácticas, onde se conxugue o coñecemento previo e o xerado ao abeiro deste proxecto, para poder loitar contra os hábitos saudables e promover a actividade física.

A necesidade de crear esta rede xorde dun panorama no que a inactividade e o sedentarismo poñen en perigo a saúde da poboación. Rial explica que a situación de partida depende moito do país e, “mentres en Finlandia máis do 50% da poboación practica algún deporte tres ou máis veces á semana, en España este índice está arredor do 30%”. Con todo, remarca o responsable vigués, “estas cifras son superiores entre a poboación universitaria, xa que o nivel de estudos está directamente relacionado co práctica deportiva e os hábitos físicos saudables”.

Xunto coa Universidade de Vigo, neste proxecto participa tamén outra institución española, a Universidade de Barcelona, que se une a outras dúas finlandesas, Tampere University of Applied Science a University Turku; ás inglesas de Imperial College London e Middlesex University; ás irlandesas Trinity College Dublin e University College Dublin; ás holandesas Maastricht University e Eindhoven University of Technology TU/e; á Universidade de Minho por Portugal e, finalmente, cinco representantes de Alemaña: BU Wuppertal, RFWU Bonn, Ruhr Universität Bochum, RWTH Aachen University (coordinadora) e WWU Münster.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Os bioplásticos e polímeros sintéticos teñen realmente capacidade de biodegradación?

O proxecto Polbio nace para determinar se este proceso pode ter algún efecto tóxico en ambientes terrestres e acuáticos

Un método estatístico permite detectar por primeira vez que liñaxes celulares evolucionan máis rápido

O estudo, no que colabora a Universidade de Vigo, axudaría a identificar mutacións con incidencia en enfermidades como o cancro

“O ingreso de mulleres nas carreiras de enxeñería está en declive”

Soledad Torres Guijarro, profesora na UVigo, investiga na actualidade a contaminación acústica nos ecosistemas submarinos e como reducila