A tecnoloxía redescubre ó guerreiro da Pedra Alta

Despois do acordo acadado o pasado ano, a Pedra Alta de Castrelo do Val volverá ao lugar onde foi descuberta para a súa exposición. Trátase dun exemplo de estatuaria prehistórica, única nas súas características, xa que é unha estatua do estilo das chamadas estelas de guerreiro do suroeste que foi atopada en Galicia e nunha latitude moi setentrional. Polo seu valor histórico e polo interese espertado arredor desta peza, ela será a protagonista da quinta palestra do Ciclo de Arqueoloxía Transfronteiriza que se celebrará esta semana no concello ourensán.

A Pedra Alta.
A Pedra Alta.

A cita, que terá lugar o sábado 23 de xaneiro ás 18.00 horas no salón de actos e biblioteca do concello de Castrelo do Val, enmárcase dentro dun ciclo que está organizado polo Concello de Castrelo do Val e o Grupo de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT), da Facultade de Historia do campus de Ourense, contando coa colaboración de diversas asociacións culturais do Val de Monterrei, como a Asociación Cultural Alto Támega, a Asociación Cultural Monterrei Cultura e Territorio e o Colectivo A Ermida.

Publicidade

A quinta palestra, titulada O guerreiro de Pedra Alta. Unha estela cunha longa historia, será impartida polo doutor Manuel Santos Estévez, vinculado na actualidade á Universidade do Minho. “Nesta palestra, en primeiro lugar, tratará de descifrar o significado dos deseños presentes na estela de Pedra Alta, mediante técnicas diversas, como por exemplo, a tecnoloxía fotogramétrica”, explica Beatriz Comendador, coordinadora do ciclo. A técnica desenvolvida polo investigador portugués Hugo Pires, comenta, permite unha visión nova dos gravados deste monumento. En segundo lugar, na palestra falarase sobre a cronoloxía e os distintos cambios experimentados pola pedra ao longo da súa historia. Finalmente, falarase sobre que tipo de relación existe entre a estela de Castrelo do Val e as estelas de guerreiro do sudoeste da península ibérica.

A escultura representa un escudo, unha espada, unha lanza e un carro

A Pedra Alta de Castrelo do Val, sinala a arqueóloga da Universidade de Vigo, foi localizada no ano 2011 por un veciño de Castrelo do Val, José Luis Lozano, e constitúe unha mostra de estatuaria prehistórica única, xa que ata a súa aparición este tipo de estelas antropomorfas só eran coñecidas nun territorio que se estendía na área extremeña e suroeste andaluz, sureste de Francia e Portugal. A estela antropomorfa (ou estatua-menhir) está datada na Idade do Bronce, 1200 a 1000 a.C. aproximadamente, e inclúe a representación de, entre outros, un escudo, unha espada, unha lanza e un carro. Polo seu interese, foi exhibida na exposición Gallaecia Petrea, celebrada na Cidade da Cultura de Santiago, e actualmente atópase exposta na sala de Escolma de Escultura do Museo Arqueolóxico de Ourense. A peza será trasladada pronto para a súa exposición no concello de Castrelo do Val, trala reivindicación da comunidade local do dereito a xestionar e conservar este patrimonio propio.

Publicidade

Manuel Santos Estévez.
Manuel Santos Estévez.

Sobre as características desta Pedra Alta falará Manuel Santos Estévez, arqueólogo especialista en arte rupestre; membro do Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe e do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento do CSIC entre 1995 e 2009, onde dirixiu medio centenar de traballos arqueolóxicos, e coordinador dos traballos de campo no proxecto de documentación do Parque de Arte Rupestre de Campo Lameiro. Entre 2009 e 2012 formou parte do Instituto de Historia do CSIC en Madrid e actualmente está vinculado á Universidade do Minho como investigador contratado pola Fundação para a Ciência e a Tecnologia de Portugal. Así mesmo ten participado en proxectos relacionados coa arte rupestre en diversos países como Suecia, Chile, Colombia, España e Portugal e publicou máis de medio centenar de publicacións en revistas estatais e internacionais sobre arte rupestre, escultura e arqueoloxía dos espazos sagrados e arqueoloxía da paisaxe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O sueste de Ourense, entre as áreas de España con maior probabilidade de sufrir grandes lumes

Un estudo da UVigo baseado en máis de 120.000 simulacións alerta do impacto do cambio climático na evolución e intensidade dos incendios forestais

▪️ Que é a cúpula de calor? O fenómeno detrás dos récords de temperatura en Galicia en pleno mes de maio

MeteoGalicia establece alertas amarelas por calor na zona do Miño de Ourense e no sur de Lugo, con previsións de ata 36 graos

Un anticiclón subtropical afecta Galicia con máximas de 36 graos e con calor prevista ata inicios de xullo

MeteoGalicia advirte dun forte ascenso térmico en toda a comunidade e da posible aparición de tormentas no interior

Unha dorsal africana rompe os termómetros e as temperaturas acadarán os 30 graos en Galicia

O ascenso dos graos impulsará valores estivais no interior e nas Rías Baixas, con ambientes máis calorosos durante as horas centrais do día