A revista ‘Redas’ afiánzase dende Ourense como referente en Dereito sobre augas

Este martes a Universidade de Vigo asinou un convenio de colaboración coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para a subvención por parte desta última entidade de Redas. Revista de Derecho, Agua y Sostenibilidad, nacida no marco do proxecto de especialización do Campus da Auga. Trátase da primeira publicación xurídica española especializada en auga e medio ambiente e unha mostra de como “vamos dando chanzos que van visibilizando” o traballo que se está facendo arredor do Campus da Auga para ser un referente no seu eido, tal e como recalcou Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, durante o acto de sinatura.

Só a Confederación Hidrográfica Miño-Sil incoa cada ano máis de 4.000 expedientes xurídicos

O acto contou coa participación, ademais do reitor, de Francisco Marín, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil; Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e Roberto Bustillo, director da publicación. Alén da sinatura concreta deste convenio, apuntou Mato, “a Confederación é un auténtico aliado estratéxico do campus de Ourense e do Campus da Auga”, que “nos anima a seguir nese ambicioso camiño de especialización”. Dentro desta especialización, subliñou o reitor, “o dereito ten unha relevancia moi importante” xa que a auga é cada día máis “un recurso regulado e escaso” sometido a un marco normativo local, estatal e internacional de carácter complexo e complicado. Por este motivo, afirmou, “a auga é un campo fundamental para os expertos xurídicos” e o dereito “un eixe temático fundamental do Campus da Auga”, polo que salientou a maridaxe entre profesionais e temáticas que ofrece Redas.

Publicidade

Sobre esta relación dereito-auga, o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil recalcou que ao longo do ano a súa entidade xestiona arredor de 4000 expedientes de diferente tipo, desde concesións de obra ata sancións, tendo algúns deses expedientes unha complexidade técnica que leva aparellada unha importante carga xurídica. A publicación, de carácter electrónico e xestionada desde a Facultade de Dereito, nace co obxectivo de ir máis alá dunha revista e converterse nun foro para o intercambio de experiencias e coñecemento xurídicos e de xestión entre profesionais especializados en recursos hídricos, medio ambiente e desenvolvemento sustentable. Co seu número cero xa dispoñible on line, a sinatura deste convenio vén a afianzar o seu desenvolvemento cando os seus promotores están traballando na elaboración do seu seguinte número.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro

Unha masa de aire africano trae temperaturas por enriba dos 30 graos en Galicia a partir do xoves

O fenómeno elevará as máximas ata 37ºC en Ourense e deixará valores próximos aos 30ºC en boa parte do territorio, con aviso amarelo no interior

Por que as choivas previstas serán insuficientes para acabar coa seca en Galicia: “A situación xa é moi severa”

A secura prolongada fai que o solo perda a capacidade de absorber auga, o que provoca escorreduras ante episodios intensos de chuvia

Un mapa europeo alerta da seca extrema e sinala os puntos máis críticos en Galicia

Algunhas das zonas afectadas son Fisterra, Vigo, A Estrada, As Pontes e Valdeorras