A Rede Galega de Internet das Cousas pemite xa a prevención de catástrofes naturais

iCousas, impulsado por Amtega e Retegal, facilitará a xestión de multitudes en lugares turísticos como o Camiño de Santiago

Retegal e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) puxeron en marcha a segunda fase do proxecto de implantación da Rede galega de internet das cousas (iCousas), que ten como obxectivo a adopción de solucións concretas baseadas nesta tecnoloxía, de acordo coas necesidades dos diferentes departamentos da Xunta. Entre outros aspectos, a rede, que xa está operativa, permite aplicar técnicas de prevención baseadas na xestión intelixente dos datos para protexer o territorio e asegurar o benestar da cidadanía fronte a riscos físicos, químicos ou danos en situacións de ameaza. 

Esta plataforma evita a dispersión de información de sensorización en bases de datos diferentes e non accesibles polo resto de organismos públicos autonómicos. O Consello da Xunta recibiu recentemene un informe sobre a situación desta iniciativa, que se enmarca no proceso de información e promoción das utilidades concretas da sensorización do territorio e a integración dos datos obtidos nunha única plataforma para o seu procesamento con tecnoloxías intelixentes. iCousas evita a dispersión de información de sensorización en bases de datos diferentes e non accesibles polo resto de organismos públicos autonómicos. 

Publicidade

As consellerías dispoñen xa dun catálogo de usos que están dispoñibles, con estimacións de necesidades e custos. Entre estes usos atópanse os relacionados coa prevención de catástrofes naturais, como as medicións dos niveis de auga ou as mareas, ou a loita contra os incendios. Tamén recolle usos relacionados coa planificación e xestión de recursos turísticos, como o Camiño de Santiago ou os espazos naturais. O control de mobilidade combina capturas de imaxes en tempo real con análise de datos avanzados, que permite contar as persoas que se atopan ou transitan por algún lugar. A recompilación e análise destes datos proporcionan información valiosa para a planificación e xestión de recursos turísticos. 

IA para xestionar multitudes

A rede, mediante o uso combinado coa intelixencia artificial, permite a xestión de multitudes mediante cámaras, con utilidades relacionadas coa planificación de eventos. Tamén conta con utilidades relacionadas co benestar e a seguridade das persoas maiores ou que requiran dunha atención especial, como a monitorización de hábitos de saúde, a teleasistencia ou a xeolocalización. 

Publicidade

Ademais de sistemas para monitorizar o ambiente, as explotacións agrarias e gandeiras ou xestionar concentracións de persoas, a rede iCousas permite controlar edificios e infraestruturas públicas no que se refire a condicións de confort, eficiencia enerxética, iluminación, consumo de auga, vixilancia de niveis de radon, seguridade e control de acceso, entre outras.

A rede iCousas creouse para ser usada pola Xunta, coa posibilidade de adherir a outras entidades territoriais. Trátase dunha rede de acceso IoT (internet das cousas) despregada nos máis de 300 centros de telecomunicacións da Xunta de Galicia xestionados por Retegal e outras infraestruturas públicas. O modelo complétase co desenvolvemento e implantación dunha plataforma que xestiona os dispositivos IoT e os elementos que integran a rede de acceso.

Desenvolvemento do territorio

O obxectivo é ofrecer servizos públicos de sensorización para o desenvolvemento do territorio e a preservación dos recursos. O despregamento actual ten capacidade para integrar 42.000 sensores na maior parte do territorio, pero a rede está preparada para acoller hasta 300.000 dispositivos. Os datos proporcionados polos sensores intégranse nunha plataforma con capacidades de procesamento e están dispoñibles para a súa integración noutros sistemas ou para a súa visualización web de software libre. 

As capacidade da rede xa foron probadas en proxectos piloto sobre sensorización de gando, detección de situacións anómalas en ríos, estacións meteorolóxicas ou monitorización de inmobles deshabitados. Na actualidade, soamente Baleares conta cunha rede similar á galega de titularidade pública cunha plataforma para xestionar os datos, aínda que hai proxectos relacionados coa sensorización do territorio no País Vasco, Castela e León, Canarias ou Estremadura. Outras comunidades, como Asturias, puxéronse en contacto coa Xunta porque queren lanzar un proxecto similar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Pódcast | Como coidar o planeta con algoritmos verdes

As investigadoras do CITIC Amparo Alonso e Bertha Guijarro analizan os custos ambientais dos grandes modelos de intelixencia artificial

Bebidas enerxéticas e vapeadores, prohibidos para os menores galegos a partir de marzo

A Xunta publica a nova lei de protección de saúde e convértese na primeira comunidade autónoma en vetar o consumo de novos produtos adictivos

Un equipo galego usa intelixencia artificial para afinar o grande experimento do CERN

Un novo algoritmo desenvolto na Universidade da Coruña analiza todas as partículas xeradas nas colisións para mellorar o estudo da materia fronte á antimateria

Pódcast | Industria intelixente: como construír a fábrica do futuro

O investigador do CITIC Óscar Fontenla Romero participa nun novo episodio de O Descodificador centrado no proxecto Casandra