Luns 7 Outubro 2024

Máis de 1000 sinaturas para o manifesto pola igualdade na investigación en Galicia

A Rede Galega pola Investigación (Investigal) rexistra no Parlamento unha petición para que se lexisle na igualdade efectiva na carreira científica

A Rede Galega pola Investigación (Investigal), presentou este luns 8 de marzo no rexistro do Parlamento de Galicia un manifesto, secundado por máis de 1000 persoas e institucións ligadas á comunidade científica para solicitar aos grupos con representación na cámara que “se pase á acción” e “se cree un marco normativo axeitado” para mellorar a lexislación que acabe coa a fenda de xénero aínda existente en moitos ámbitos da investigación.

O manifesto salienta as cuestións sen resolver nesta materia, con fenómenos como o da “tubaxe que gotea” (o abandono paulatino, que afecta en maior medida ás mulleres, co paso dos anos na carreira profesional), ou os teitos de cristal que persisten nas escalas máis altas de responsabilidade. Nos últimos anos, campañas como “Ou científica ou nai”, impulsadas entre outras investigadoras pola científica galega María de la Fuente, conseguiron que a xustiza recoñecese a discriminación existente nalgunhas convocatorias en aspectos como os permisos por maternidade.

Publicidade

A propia investigadora, que forma parte de Investigal, participou este luns no Parlamento Galego na entrega do manifesto, apoiado por diversas institucións, asociacións, colectivos e persoeiros vinculados á comunidade científica.

“Queremos que se pase á acción, que se cree un marco normativo axeitado ás circunstancias actuais”, expoñen desde Investigal, polo que apelan aos tres partidos con representación parlamentar a que cumpran co compromiso amosado e saquen adiante unha normativa ao respecto. “Cremos que o compromiso dos tres grupos que nos representan no Parlamento de Galicia é alto, e agardamos poder celebrar que Galicia sexa pioneira lexislando a prol da igualdade na investigación e ciencia, convertíndose nun modelo a seguir”, destacan.

Publicidade

Poñen como marco a chamada Lei Ángeles Alvariño, unha proposición de lei presentada este ano polo Bloque Nacionalista Galego, pola que se propón a modificación do Decreto lexislativo 2/2015 e introducir así medidas específicas que garantan a igualdade real entre mulleres e homes no ámbito universitario e a investigación, que que segundo Investigal recolle “gran parte das nosas demandas”. O manifesto presentado este luns solicita así que os grupos do Parlamento galego “leven esta proposta a debate parlamentario e acheguen as contribucións precisas para aprobar unha lei pioneira”, “que poña en valor a diversidade, os coidados, que visibilice e apoie e que beneficie a mulleres e homes do ámbito da investigación e da ciencia, mais tamén á sociedade no seu conxunto”.

Baixo estas liñas podes ler o manifesto, que podes apoiar e asinar nesta ligazón:


Manifesto ao Parlamento Galego: por unha lei que garanta a iguladade de oportunidades no ámbito da investigación e a ciencia:

As desigualdades no ámbito científico reflíctense en cifras, tal e como se recolle no moi recente Estudio sobre la situación de las jóvenes investigadoras, realizado pola Unidad de Mujeres y Ciencia del Ministerio de Ciencia e Innovación, e noutros moitos informes como os publicados polas Oficinas de Igualdade das Universidades galegas, o CSIC e outros organismos. As mulleres van abandonando paulatinamente a carreira profesional, o que se coñece como a “tubaxe que gotea” e, ademais, o acceso aos niveis máis altos da carreira está limitado en base ao ben coñecido “teito de cristal”, definido pola escasa presenza de mulleres que acceden a postos de responsabilidade e que ten, como efecto espello, as súas bases no chamado “chan pegañento” das institucións. Por outra banda, a desigualdade entre homes e mulleres tamén se mide en termos de visibilidade e recoñecemento do seu traballo.

A maternidade segue sendo unha das razóns que máis penalizan ás mulleres, dada a interrupción temporal da actividade e a dificultade engadida de compatibilizar unha carreira profesional cos coidados. Nos últimos anos, houbo accións colectivas destinadas a  visibilizar este problema, como podería ser o movemento #oucientíficaounai, que contribuíron a que cada vez haxa unha maior demanda para que se implementen medidas efectivas que garantan a igualdade real no ámbito da investigación e a ciencia. Tomar consciencia da situación sempre é preciso para buscar solucións. Algúns programas de I+D+i recollen medidas modestas, inicialmente encamiñadas a evitar ou mitigar a fenda de xénero, pero que non cumpren a súa función. Limítanse a proporcionar un punto extra, polo feito de ser muller, á persoa solicitante ou á contratada. Noutras convocatorias nas que se avalía o desenvolvemento profesional, achéganse 0,1 puntos por mes de interrupción debido á maternidade, ata un máximo dun punto sobre 100. Aínda que a intención é boa, non son medidas correctoras efectivas, o que pode dar lugar a unha discriminación indirecta por xénero. A Sentenza do Xuzgado Central Contencioso Administrativo no 2 de Madrid do 21 de xaneiro de 2021 incorpora un marco positivo para  avanzar en igualdade no ámbito da investigación e da ciencia, ao estimar que a científica demandante sufriu discriminación indirecta por razón de xénero ao concorrer a unha convocatoria onde non se establecían medidas correctoras para que a maternidade non penalizase. Na mesma liña, a sentenza da sección cuarta da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Justicia de la Comunidad Valenciana vén de anular
parcialmente a convocatoria dunhas subvencións destinadas á promoción de investigación científica ao non incluíren medidas que fagan efectiva a igualdade entre homes e mulleres. Aínda que a xustiza respalda ás científicas, e aínda que nos últimos anos se ten avanzado moito en políticas públicas para implementar estratexias, plans e programas que teñen beneficiado tamén á ciencia en materia de igualdade de xénero, os cambios que se producen son demasiado lentos.

Ata hoxe, non se teñen implementado accións específicas nin modificacións lexislativas orientadas en exclusiva a abordar estes problemas. Existe, por tanto, unha necesidade manifesta de lexislar. En Galicia, aínda que o Decreto Lexislativo 2/2015 do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, contempla parcialmente no seu título preliminar a necesidade de implementar accións positivas para promocionar a igualdade entre mulleres e homes encamiñadas a acelerar a igualdade de oportunidades, o certo é que aínda non se lexislou para que se poñan en práctica estas medidas de acción positiva. A grandes rasgos, os cambios lexislativos que se precisan deben ir orientados a:

1. Garantir a igualdade de oportunidades en todos os chanzos da carreira
investigadora.
2. Eliminar as situacións que dificultan o desenvolvemento da carreira do persoal
investigador e que perxudican particularmente a retención das mulleres en ciencia.
3. Garantir que a maternidade non supoña unha penalización.
4. Eliminar todas as situacións de discriminación que poidan sufrir as mulleres no
entorno laboral.
5. Garantir e promover a conciliación laboral e familiar para todo o persoal investigador, e incorporar a corresponsabilidade institucional.
6. Eliminar barreiras que limitan o acceso das mulleres a postos de liderado e toma de decisións.
7. Rachar cos estereotipos e nesgos de xénero.
8. Visibilizar o traballo e logros das investigadoras.

Dende InvestiGal – Rede Galega pola Investigación, levamos tempo transmitindo esta necesidade aos diferentes partidos políticos e cremos firmemente que chegou o momento de lexislar, xa que o compromiso que amosan todos e cada un deles é alto. Galicia poderá ser pioneira lexislando a prol da igualdade na investigación e ciencia, e converterse nun modelo a seguir.

Recentemente, recibimos a nova de que no Parlamento Galego se rexistrou unha proposición de Lei, coñecida como Lei Ánxeles Alvariño, pola que se modifica o Decreto lexislativo 2/2015 para introducir medidas específicas que garantan a igualdade real entre mulleres e homes no ámbito universitario e de investigación. Entre as medidas propostas recóllense gran parte das nosas demandas. Neste contexto, e ante esta oportunidade, InvestiGal e as asociacións, sociedades, entidades, persoas e colectivos abaixo firmantes, solicitamos ao Parlamento Galego e aos grupos parlamentarios que o integran, que leven esta proposta a debate parlamentario e acheguen as contribucións precisas para aprobar unha Lei pioneira, coa que garantir os dereitos do persoal investigador galego e a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Esta deberá ser unha Lei que poña en valor a diversidade, os coidados, que visibilice e apoie, e que beneficie a mulleres e homes do ámbito da investigación e da ciencia, mais tamén á sociedade no seu conxunto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O científico galego que regresa de Edimburgo para estudar a sostibilidade na acuicultura

Diego Robledo volve a Galicia cunha investigación para facer que os peixes sexan máis resistentes fronte ás enfermidades

A galega Yolanda Prezado, impulsora da radioterapia en España

Cunha enriquecedora traxectoria profesional en Francia, a investigadora lidera agora un equipo na USC grazas ao programa Oportunius

Manuel Souto, o valencián que investiga en Galicia novos materiais moleculares

O científico de raíces galegas estuda no CiQUS a maneira de substituír o cobalto das baterias por eléctrodos orgánicos

Sara Varela González: bióloga dende Brasil ata Galicia

Cunha traxectoria profesional en Europa e América, a investigadora destaca polos seus estudos no contexto da ecoloxía teórica, cun foco claro: por que as especies están onde están e son como son