A investigadora María de la Fuente, do IDIS. Foto: Sergas.
A investigadora María de la Fuente, do IDIS. Foto: Sergas.

O caso de María de la Fuente: un precedente pola igualdade na investigación

Unha sentencia recoñece a discriminación na convocatoria á que a científica galega se presentou en desvantaxe por mor do permiso de maternidade

Este xoves 11 de febreiro conmemórase o Día da Muller e a Nena na Ciencia. Nestas xornadas, moitas investigadoras comparten as súas experiencias con mozas e mozos que se están a preparar para o seu futuro vital. Algunhas destas mozas, probablemente, acaben desenvolvendo unha carreira investigadora. Farano nun mundo bastante distinto ao que, por exemplo, tivo que enfrontarse Jimena Fernández de la Vega, Científica Galega do Ano 2021, e primeira licenciada en Medicina pola USC xunto á súa irmá xemelga Elisa. Pero non hai que mirar tanto cara a atrás para atopar exemplos dos obstáculos que aínda persisten: constátao a investigadora María de la Fuente, directora da Unidade de Nanooncoloxía do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS), que nos últimos días obtivo, por fin, o respaldo legal case que definitivo a unha carreira que comezou hai tres anos.

Unha sentenza ditada polo Xulgado Central Contencioso Administrativo nº 2 de Madrid o pasado 21 de xaneiro constata que na convocatoria para os contratos Miguel Servet tipo II, que outorga o Instituto de Salud Carlos III, existía unha “discriminación indirecta por razón de xénero”.

O procedemento ao que se presentou María de la Fuente tiña un importante impedimento: ao valorar os méritos acadados na primeira etapa do contrato Miguel Servet, cunha duración de cinco anos, non se incluían supostos de interrupción, non se aplicaban medidas correctoras, nin, no caso de persoas con contratos prorrogados, se valoraban os méritos que pudiesen adquirir durante o tempo engadido.

Neste tempo, De la Fuente estivo 13 meses de permiso en total ao nacer os seus dous fillos. E cando ía presentar as súas credenciais e as do seu equipo para optar á segunda fase das axudas, atopose cun muro: “Vin que non había xeito de alegar que estivera de permiso para que me ampliaran o prazo de avaliación”, contaba a GCiencia en marzo de 2018.

A sentenza recoñece a “discriminación indirecta por razón de xénero”

Comezou entón un percorrido de reclamacións e mobilizacións, que, tal e como lembra, tiveron un importante custo “moral e de tempo”. Estivo apoiada por outras investigadoras nunha situación semellante, que desembocaron na campaña “Ou científica ou Nai”. Aínda que se deron algúns pasos neste sentido, algunhas convocatorias seguen sen contemplar a igualdade efectiva, mantendo obstáculos no caso de acollerse a permisos por maternidade. Mentres, De la Fuente continuaba a vía contenciosa-administrativa que, finalmente, se coñeceu hai poucas semanas.

A sentenza recoñece así que se produciu unha diferenza entre aquelas persoas investigadoras que puideron dedicar os cinco anos do seu primeiro contrato a completar os méritos do seu currículo, daqueloutras, como a da demandante, que no mesmo período interrompeu o contrato por razón da súa dobre maternidade.

Así, conclúese que “non se trataba de alterar as bases desta convocatoria, nin alterar o principio de igualdade de trato do resto dos/as candidatos/as”, senón de interpretalas de conformidade cos principios de igualdade e non discriminación que deben rexer nestes procesos. Ao non cumprir con este requisito ábrese, por tanto, a situación de desigualdade, xa que se considera que “interrompeu a súa actividade por circunstancias ligadas á súa condición de muller”, como o embarazo, o parto e a lactancia.

O precedente

Segundo destaca María de la Fuente, esta sentenza senta un precedente cara a situacións semellantes que se poidan dar. Todos os Organismos de Investigación, estatais ou autonómicos, que realicen avaliacións de traxectorias científicas en réxime de concorrencia competitiva,” estarán obrigados pola sentenza, e tamén por decencia pública e reputacional das Institucións públicas, a establecer medidas correctoras en convocatorias de contratos de investigadoras, o que sen dúbida marcará un antes e un despois na loita de xénero a favor das mulleres científicas e nais”, expón De la Fuente.

En relación á sentenza, a científica valora que “é moi importante, xa que hoxe en día seguimos coñecendo casos de persoas ás que lles está acontecendo o mesmo”. En Galicia, a instancias da reclamación de científicas que dispuxeron do permiso de maternidade durante as súas axudas á investigación posdoutoral, a Valedora do Pobo instou recentemente á Xunta de Galicia a solucionar a “discriminación obxectiva e unha vulneración dos principios de igualdade de trato e igualdade de oportunidades”, que se deriva das bases destas convocatorias.

Para María de la Fuente, a sentencia chega tarde para moitas investigadoras “que quedaron no camiño, que perderon a oportunidade e tiveron que mudar de profesión por obrigación, ao non ser avaliadas en igualdade de oportunidades”, alén da temporalidade e precariedade crónicas da profesión.

Insiste ademais que, ás portas do 11F, é preciso visibilizar estas loitas, alén de fomentar vocacións científicas femininas. “Temos que espertar vocacións, pero dicirlles que o poden facer de verdade, e que non vaian atoparse obstáculos por cuestións de xénero. Hai que dicirlles tamén que teñen que loitar polos seus dereitos, e que estes se gañan con pequenas batallas no día a día”, resume.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.