Domingo 28 Abril 2024

A Foto 51, divulgación con perspectiva de xénero para o Día da Muller e a Nena na Ciencia

A matemática Elena Vázquez Cendón abre cunha charla-coloquio con estudantes a celebración do 11F do Concello de Pontevedra

O Teatro Principal de Pontevedra levanta este venres o pano para acoller durante dous días o ciclo A Foto 51, unhas xornadas de divulgación científica con perspectiva de xénero promovidas polo Concello de Pontevedra co gallo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia e nas que colabora GCiencia.

A doutora en Ciencias Matemáticas e Premio María Josefa Wonenburguer 2022, Elena Vázquez Cendón, será a encargada de inaugurar, ás 12.00 horas, as xornadas cunha conferencia-coloquio dirixida a estudantes de Secundaria, que leva por título O saber e o sabor das Matemáticas de proximidade. 

Publicidade

Docente da área de Matemática Aplicada, investigadora centrada na Matemática Industrial e decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago (USC), foi merecedora do Premio María Josefa Wonenburguer 2022 pola súa traxectoria investigadora e contribucións significativas ás leis de balance hiperbólicas coa metodoloxía de volumes finitos. E tamén polo seu compromiso coa divulgación  —está á fronte do proxecto Estímulo do Talento Matemático (Estalmat-Galicia)—  e o combate contra o nesgo de xénero nas disciplinas STEM. Nas súas propias palabras “a ecuación buscada é a da igualdade, a solución correcta é a do equilibrio”.

Na súa intervención compartirá co alumnado sensacións e reflexións dos esgresados e esgresadas de Estalmat-Galicia, e falará dos seus referentes e espellos nos que se mirou e mira, así como da súa experiencia investigadora que comezou resolvendo as correntes na ría de Pontevedra. As súas reflexións no perderán de vista o marco referencial do 11-F, a realidade da muller na ciencia.

Elena Vázquez conxuga a docencia e investigación coa divulgación, captación de talento matemático e o compromiso feminista, que a leva a pór o foco sobre o nesgo de xénero no ecosistema STEM e a traballar a prol da igualdade.

Encontro

Este sábado 11 de febreiro, o Teatro Principal encherase de ciencia cun encontro de divulgadoras científicas nunha xornada na que tamén se estreará o roteiro urbano A pegada de mulleres científicas en Pontevedra.

No encontro, no que se abordarán distintas temáticas, as científicas participantes farán intervencións de 10 minutos. O evento inclúe un concurso de nanocharlas para persoas que queiran dar os seus primeiros pasos na divulgación.

Roteiro

O roteiro  A pegada das mulleres científicas en Pontevedra vai dirixido ao público xeral (recomendable maior de 12 anos) e terán tres quendas máis: o 12 de febreiro e os días 25 e 26 de febreiro. A saída será, en todos os casos, ás 11 horas dos Xardíns de Colón. Para participar é preciso anotarse en apuntate.pontevedra.gal e a inscrición é de balde.

Así foi o roteiro do 2022.

O percorrido porá en valor e visibilizará a unha ducia de mulleres científicas e investigadoras vencelladas á cidade de Pontevedra e reivindicará o papel de científicas galegas, mulleres que foron quen de abrirse paso en espazos ocupados tan só por homes ata que elas chegaron e que marcan un camiño pola igualdade que non ten volta atrás.

Son todas elas mulleres referentes nas súas áreas, respectadas e recoñecidas a nivel nacional e internacional e, porén, descoñecidas para gran parte da veciñanza.

Entre as protagonistas do roteiro atoparemos tres premios Wonenburger: a recentemente falecida María Inmaculada Paz Andrade, referente internacional en Microcalorimetría, primeira catedrática da Facultade de Física da USC e primeira muller que recibiu a Medalla de Ouro da Real Academia Española de Física; Isabel Aguirre de Úrcola, arquitecta e paisaxista, que redeseñou ambientalmente a Illa das Esculturas e foi a primeira muller en recibir o Premio Nacional de Arquitectura Manuel de la Dehesa, en 1997; e Alicia Estévez Toranzo, microbióloga e investigadora referente en patoloxía e acuicultura e a segunda académica da Real Academia Galega das Ciencias. E tamén a investigadoras de prestixio como a botánica e expertas en plantas ornamentais Carmen Salinero Corral, directora do Areeiro e ligada vital e profesionalmente á camelia ou a enxeñeira de Montes, Josefa Fernández López que adicou anos ao estudo do castiñeiro.

Axenda A Foto 51

Venres, 10 de febreiro:

  • O saber e o sabor das matemáticas de proximidade, conferencia de Elena Vázquez Cendón. A partir das 12.00h no Teatro Principal de Pontevedra

Sábado, 11 de febreiro:

  • Roteiro: A pegada das mulleres científicas en Pontevedra. Saídas ás 11.00 horas dos Xardíns de Colón. Posibilidade de inscrición en apuntate.pontevedra.gal.
  • Micro-charlas e concurso de nanocharlas. As participantes intervirán na seguinte orde no Teatro Principal de Pontevedra:
    • 11.00h – Presentación do evento 
    • 11.15h – Iria Veiga – O terceiro que Camiña a miña beira: alucinacións históricas 
    • 11.25h – Paula Otero – Previr o cancro a golpe de xeringa
    • 11.35h – Concurso Nanocharlas (apuntate.pontevedra.gal
    • 12.00h – Descanso
    • 12.20h – Elena Vázquez – Números máxicos 
    • 12.30h – Laura Veiga – Máis diversidade, mellores resultados 
    • 12.40h – Sandra Román – A cultura anti-dieta 
    • 12.50h – Olalla López – Historia das mulleres dos mortos
    • 17.00h – Xurxo Mariño – O dilema obstétrico 
    • 17.10h – Joana Magallaes – Tecedeiras de duplas hélices
    • 17.20h – Eva Cabanelas – Aos gatos nin tocalos 
    • 17.30h – Descanso 
    • 17.50h – África González – Inmuno Power: coñece e fortalece as túas defensas
    • 18.00h – Estíbaliz Espinosa – Cosmos en perspectiva e poema
    • 18.10h – Tamara Pazos – A perversión do benestar 
    • 18.20h – Premio concurso Nanocharlas 18.30 – Espectáculo co Piano-Bar Periódico ‘Elemental’ 

Outras actividades:  

  • A pegada das mulleres científicas en Pontevedra. Días 12, 25 e 26 de febreiro. Saídas ás 11.00 horas dos Xardíns de Colón. Posibilidade de inscrición en apuntate.pontevedra.gal.
  • Obradoiros para a rapazada

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Grandes mulleres científicas que loitaron para romper o teito de cristal

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de Katalin Karikó é a flamante gañadora do último...

A UVigo adica febreiro a accións divulgativas polo Día da Muller e a Nena na Ciencia

O programa da Universidade de Vigo polo 11F inclúe obradoiros, feiras divulgativas, charlas e certames

Cinco libros para agasallar ciencia este Nadal

Unha listaxe con opcións para adultos e nenos que mostra o mundo científico e a súa historia en lingua galega

A eternidade por fin comeza un luns

Artigo gañador da VI edición do IGFAE C3, o concurso de comunicación científica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías