A xustiza paraliza as obras do parque eólico do Oribio, no Courel

O TSXG desautoriza o acordo da Xunta mentres non se actualice a declaración de impacto ambiental, que data do ano 2005

A sala do contencioso administrativo nº 3 do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), a través dun auto, anunciou a suspensión cautelar do proxecto do parque eólico na serra do Oribio, entre os concellos de Triacastela e Samos, “mentres tanto non se actualice a declaración de impacto ambiental, do ano 2005, e se xustifique a prevalencia do uso industrial que afecta a valores ambientais, paisaxísticos, forestais e culturais”.

A decisión chega a raíz do recurso presentado pola plataforma Salvemos o Iribiopara paralizar as obras que xa se estaban desenvolvendo na zona, incluída na Rede Natura. A agrupación, que denunciou en varias ocasións estas actuacións, xa remitiu unha petición á Consellería de Economía, Emprego e Industria e aos concellos afectados para que en menos de 24 horas fagan executar o auto e ordenen a paralización inmediata das obras, advertindo de que se non o fan, poderían estar incorrendo en delito penal.

Publicidade

O pasado 27 de xuño, o Consello da Xunta aprobou a modificación da aprobación definitiva do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico Serra do Oribio, que foi publicado no DOG o 14 de agosto. Porén, o auto do TSXG argumenta que “desde a declaración de impacto ambiental de 2005, teñen cambiado as circunstacias tecnolóxicas, enerxéticas e ambientais e aprobouse o Plan Director da Rede Natura 2000 en Galicia que, entre outras medidas, prohíbe a instalación de novos parques eólicos nos espazos na Rede Natura”. Aquela declaración fora aprobada en agosto de 2005 polo último goberno en funcións de Manuel Fraga.

Obras xa realizadas no Oribio.
Obras xa realizadas no Oribio.

A “destacada riqueza” do Oribio

O tribunal expón tamén que o Oribio posúe unha “destacada riqueza en valores etnográficos e culturais”, sendo unha importante área para a conservación de especies ameazadas incluídas no catálogo galego de especies ameazadas, como a tartaraña cincenta ou a gatafornela; ou para outras especies en perigo de extinción, como o oso pardo (que na actualidade é obxecto dun plan europeo LIFE para a súa conservación no Courel) ou a aguia real. Tamén se subliña que a zona está dentro da área de protección do BIC Camiño de Santiago Francés e que con este proxecto se podería poñer en perigo o antigo Camiño Real de comunicación co a Meseta e o seu patrimonio asociado (Ventas do Retorno, de Brañas, o Portádego do Iribio, mámoas e demais elementos).

Publicidade

Para a plataforma Salvemos O Iribio (composta por entidades como Adega, Fundación Oso Pardo, Fundación Uxío Novoneyra ou a Sociedade Galega de Ornitoloxía, entre outras) o auto do TSXG é “un logro destacado” na loita contra a instalación do parque eólico. Recollen que “o auto estaría invalidando cautelarmente, non só o Acordo da Xunta do 27 de xuño, senón tamén as autorizacións urbanísticas e actos posteriores que estean amparados por este acordo, como a resolución de aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico emitida pola Consellaría de Economía, Emprego e Industria ou as licenzas outorgadas polos concellos de Samos e Triacastela para a execución das obras.

A plataforma apunta que “ningunha destas autorizacións poderían ser de aplicación mentres non se realice un estudo de impacto ambiental acorde cos valores naturais, paisaxísticos e ambientais que actualmente están recoñecidos na Serra do Iribio, e non se xustifique por que o uso industrial debe prevalecer sobre a preservación destes valores de interese público”.

Aeroxeradores con motivos xacobeos

Así, o TSXG conclúe que que a declaración de 2005 “podería resultar obsoleta e que o desenvolvemento do parque eólico podería ser incompatible coa preservación desta riqueza natural e cultural, máxime tendo en conta que o proxecto eólico orixinal se modificou para dotar de maior dimensión aos seus aeroxeradores, incrementando un 20% a lonxitude das pás. Para o tribunal, este é un “importante impacto” que non elimina nin corrixe o feito de que no proxecto se ofrecera a opción de pintar os aeroxeradores “con motivos xacobeos”.

Alén disto, o texto vincula unha “posible incompatibilidade” do parque do Oribio coa exposición pública da declaración de reserva da Biosfera da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel efectuada pola Xunta o pasado 9 de agosto de 2019″.

Con este auto, Salvemos O Iribio expoñen que “esta medida cautelar pode supór o primeiro paso cara a anulación total do proxecto eólico aprobado na Serra do Iribio, xa que de ter que sometelo a unha nova avaliación de impacto ambiental e ás disposicións normativas vixentes, o máis probable é que non dea superado a tramitación ambiental”.

Mobilización no Oribio.
Mobilización no Oribio.

E engaden: “Como xa apunta no seu auto o Tribunal Superior de Xustiza, hoxe en día está prohibida a instalación de novos parques eólico en Rede Natura polo que este parque eólico, malia a estar aprobado desde 2007, non foi executado e, por tanto, debe considerarse como unha nova instalación sobre a cal se aplique a normativa actual”.

O comunicado da plataforma conclúe lamentando que “de novo teña que ser a sociedade civil a que acuda aos tribunais para obrigar ás administracións públicas a cumprir co seu deber de preservar os espazos naturais protexidos e defender os intereses colectivos fronte os intereses privados dunha empresa que só busca o rédito económico”.

Lembran tamén que nestes cinco meses presentaron “multitude de denuncias contra estas obras por parte dos colectivos membros desta plataforma ante os concellos de Samos e Triacastela e ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas de doutros organismos competentes”, sen que “se dispuxese aínda ningunha medida para frear o avance das mesmas, poñendo en perigo a preservación dos valores naturais, culturais, paisaxísticos e ambientais que ten esta serra”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

De Altri a Ence: os oito conflitos ambientais en Galicia dos que alerta un mapa europeo

Unha ferramenta interactiva ofrece información detallada sobre a loita social contra proxectos polémicos como os eólicos

Garantir o futuro da Herba Cheirenta en Galicia: así é o obxectivo dun proxecto da USC

O grupo ACUIGEN leva anos estudando as poboacións de árnica na comunidade coa finalidade de entender as súas dinámicas reprodutivas e preservar a súa supervivencia

Para que servía Corro dos Mouros? Estas son as dúas hipóteses dun xacemento único

Un equipo da USC retoma os traballos arqueolóxicos do 2023 coa fin de realizar dúas sondaxes e un rexistro con dron

Estes son os sitios de Galicia onde haberá treboadas este mércores

A DINA prognosticada pola Axencia Estatal de Metereoloxía afectará principalmente o interior da provincia de Lugo con fortes treboadas