Publicidade

Os novos mapas dos campamentos militares romanos na Gallaecia

O equipo de investigación de Roman Army revoluciona a historia da conquista romana do Noroeste describindo 22 asentamentos das lexións

Non foi pacífica. Unha nova investigación desmonta a idea tradicional de que Roma non atopou case oposición na súa ocupación do Noroeste da península Ibérica. Entre os anos 29 e 19 antes de Cristo, o Imperio Romano tivo que vencer unha forte resistencia nas coñecidas como guerras asturcántabras, que tamén afectaron á Gallaecia. O colectivo científico Roman Army, no que participa a Universidade de Santiago de Compostela, vén de trazar o mapa máis preciso dos campamentos militares romanos construídos no país, dos que a metade eran completamente descoñecidos ata o de agora. Entre eles, dous xigantes, con máis de 20 hectáreas que acolleron ata 14.000 lexionarios cada un: o de Viana do Castelo, en Portugal, e o de Lobeira, en Ourense.

Nos mapas publicados polos investigadores na revista Mediterranean Archaeology and Archaeometry, atopamos a nova distribución dos campamentos militares romanos na Gallaecia En amarelo, aparecen os 22 campamentos localizados no Noroeste. Os cadrados correspondena a campamentos, os círculos a ‘castella’ e os que teñen cruz, a fortalezas.

Publicidade

Relevo do campo de Santa Baia.

Os pequenos campamentos, de entre 1,5 e 2,5 hectáreas, podían alcoller algo máis de 1.000 homes divididos entre dúas ou tres cohortes. Nesta categoría entran campamentos como O Penedo dos Lobos (Manzaneda, Ourense), Cova do Mexadoiro (Trazo, A Coruña), Coto do Rañadoiro (Carballedo, Lugo) e Alto da Pedrada (Arcos de Valdevez, Viana do Castelo).

Os de tamaño medio xa acollían varios milleiros de homes e tiñan unha maior autonomía táctica, para desenvolver accións sobre o territorio. Aquí sinalan os sitios arqueolóxicos de Cabianca (Láncara, Lugo), Campos (Vila Nova de Cerveira, Viana do Castelo), A Cortiña dos Mouros (Cervantes, Lugo / Balboa, León). O caso de Santa Baia (A Laracha, A Coruña) é moi chamativo pola súa proximidade á antiga cidade de Brigantium e debido a que o campamento foi disposto na zona exterior dun castro, acolléndoo no seu interior.

Publicidade

Distribución das áreas de influciencia dos campamentos romanos. Romanarmy.

A partir de 10 ou 15 hectáreas estaban xa os grandes campamentos, que podían acoller unha lexión romana completa, con aproximadamente 6.000 homes e unha grande liberdade operativa. A maior parte deles están ubicados na zona oriental de Galicia (Monte da Chá e Monte da Medorra (Láncara/Sarria, Lugo), A Penaparda (A Fonsagrada, Lugo / Santalla d’Ozcos, Asturias), O Monte de Ventín (Pol, Lugo) e O Cornado (Negreira, A Coruña).

Pero había recintos militares todavía máis importantes, con dimensións por riba das 20 hectáreas, que poderían ter acubillado auténticos corpos do exército con entre dez mil e catorce mil homes.  Os investigadores de Roman Army localizaron entre o río Limia e o río Miño dous grandes recintos na Serra do Leboreiro/Laboreiro: Lomba do Mouro (Melgaço, Viana do Castelo / Verea, Ourense) e Chaira da Maza (Lobeira, Ourense). No caso de Lomba do Mouro, a existencia dunha segunda liña defensiva podería indicar unha necesidade dos ocupantes para fortalecer a posición da fortificación.

Campamentos principais por número de tropas. Romanarmy.

Finalmente, os investigadores atoparon castela ou fortificacións estacionais de pequeno tamaño. Aínda que o número, polo momento, é escaso, trátase dunha serie de recintos xa documentados noutros puntos do norte peninsular. Trátase de A Recacha (Navia de Suarna, Lugo), nas montañas orientais; Outeiro de Arnás (Verín, Ourense) controlando un bo tramo do val do Támega; e O Castrillón (Touro, A Coruña). A eles súmanselle outros asentamentos fortificados como Alto da Cerca (Valpaços, vila Real) e O Castelo (A Estrada, Pontevedra).

O equipo de Roman Army sorpréndese coa dispersión sobre o territorio dos sitios arqueolóxicos, que parecen identificar distintas zonas de operacións. Os investigadores defenden a hipótese de que os campamentos ubicados na zona oriental de Galicia poderían estar vinculados a un episodio ou escenario secundario do conflito cántabro-astur (29-19 a.C.).

Os recintos militares encaixan na lóxica seguida polo exército romano durante o conflito, no que se desenvolveron accións a gran escala contra os grupos indíxenas, que nalgunhas áreas parecen amosar segundo as fontes unha gran capacidade de organización e mobilización de efectivos, así como unha notable autonomía política.

Aquí podes ler e descargar en pdf o novo artigo científico de Roman Army

Novos achados revolucionan a conquista romana da Gallaecia

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:00:39

Gravan unha moto de auga molestando arroaces na ría de Vigo

O vídeo, captado desde o peirao de Soutomaior, xa están en mans da Garda Civil para que investigue un posible delito

Esborralle térmico: unha dina provocará unha baixada de 10 graos en menos de 24 horas

Despois dunha fin de semana de verán os termómetros caerán por baixo dos 20 graos en menos dun día pola volta do aire frío en altura

Unha nova terapia baseada na edición do ADN salva a un bebé cunha doenza metabólica rara

O sistema CRISPR utilízase para tratar outras enfermidades como a beta talasemia ou as células falciformes

Armas contra a desinformación: a UVigo reúne a expertos para un uso responsable da tecnoloxía

Profesionais de ámbitos como a cultura xuvenil, o xornalismo, a informática ou a psicoloxía conforman un programa que comeza o 26 de maio cun obradoiro en liña