Sábado 20 Abril 2024

Xabaríns e corzos provocan case 4 accidentes de tráfico diarios en Galicia

Unha estrada con baixa visibilidade, nunha zona na que sexan numerosas as poboacións de xabarís ou corzos, podería ser vista como o punto no que é máis probable ter accidente cun animal salvaxe. Mais un estudo realizado polo grupo de investigación AF4, da Escola de Enxeñaría Forestal, desmonta esta e outra serie de ideas respecto dos accidentes de tráfico causados por fauna salvaxe, causante en Galicia de 3,5 colisións ao día. Tras estudar os accidentes provocados por ungulados (animais con pezuño ou casco) nas estradas rexionais galegas ao longo de cinco anos, o grupo AF4 conclúe que os accidentes con fauna salvaxe adoitan darse con maior frecuencia en estradas anchas e con boa visibilidade, nas que é posible circular a velocidades máis elevadas.

Un xabaril, retratado polo vídeo nocturno dos alumnos do Courel.
Un xabaril, retratado nunha vídeo-trampa no Courel.

Segundo os datos da antiga Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas dos que parte esta investigación, entre 2006 e 2010 tiveron lugar 9.386 accidentes con animais nas preto de 15.000 estradas que compoñen a rede viaria rexional, a escollida para este estudo por ser a máis numerosa e por non estar valadas. Destes 9386 accidentes, 6255 foron provocados por ungulados, maioritariamente xabaril e corzo, e foron estes os analizados polos profesores Enrique Valero, Juan Picos e Xana Álvarez nun estudo que deu pé a un artigo publicado na revistaWildlife Research, no que tamén dan conta dunha “metodoloxía moi específica”, empregada para asociar cada accidente a un quilómetro cadrado concreto. “O que vimos é que os accidentes non se distribúen ao azar, concéntranse en certas seccións das estradas, non podemos dicir que atendan a un modelo, pero si se pode explicar porque teñen lugar en determinadas zonas”, apunta Álvarez, que incide que son múltiples os factores, desde a climatoloxía ao uso do solo, que inflúen na frecuencia dos accidentes con fauna salvaxe, ao igual que as propias características das estradas.

Publicidade

Ancares, Courel e Macizo Central teñen alta incidencia de accidentes

“Lugares como Os Ancares, O Courel ou o Macizo Central ourensán teñen unha alta densidade desta fauna, polo que podes pensar que, como hai moitos animais, hai máis accidentes, e realmente non é así, os tramos con máis accidentes non son onde máis fauna hai”, salienta Valero, director da EE Forestal. Pola contra, o estudo sitúa os puntos con maior densidade de accidentes en estradas cun maior volume de tráfico e un maior ancho da estrada e da beiravía, así como unha mellor visibilidade e outra serie de factores que contribúen á que a velocidade sexa máis elevada. De feito, a análise realizada asocia os puntos con maior frecuencia de accidentes a tramos nos que esta é superior aos 60 quilómetros por hora.

“Isto non significa que con boas estradas vaias a ter máis accidentes, non é directamente proporcional”, subliña Picos, que, non obstante, si recoñece que a análise realizada permite refutar algúns tópicos, como os de vincular os accidentes coa mala visibilidade. “Nun tramo con menor visibilidade o condutor reduce a velocidade, aínda que a estrada teña uns límites elevados, e ademais vai máis alerta, polo que se nese treito se lle cruza un animal, a súa capacidade de reacción é maior”.

Se ben o estudo realizado polo grupo AF4 demostra que as características da estrada inflúen nos accidentes con ungulados, non son estas os únicos factores que determinan a súa frecuencia. Tamén inflúe, como explica Álvarez, o número de estradas que conflúan nunha mesma zona. “Nos espazos montañosos, a probabilidade de que un ungulado sexa atropelado é menor canto menor é a densidade de estradas”, apunta esta investigadora dun estudo que tivo en conta as moitas ramificacións da rede viaria galega, motivo polo que a densidade dos accidentes foi estudada por quilómetros cadrados, en lugar de, como é máis habitual, por quilómetros lineais.

Os investigadores defenden crear ‘pasos de fauna’ nas estradas galegas

Do mesmo xeito, o estudo tamén amosa que os accidentes poden darse tanto nas zonas nas que residen as poboacións destes animais como naquelas que poidan considerarse lugares de paso. Nese senso, a investigación pon o acento na “fragmentación de hábitats” que pode derivarse da construción de estradas. “Se coa rede viaria fragmentas todo o espazo, loxicamente, vas ter accidentes”, admite Valero, que subliña a importancia de crear nestes casos pasos de fauna, “uns espazos acondicionados para o paso dos animais, nos que non vexan moita diferenza co seu hábitat natural”, ao tempo que admite “que o realmente efectivo sería planificar as estradas adecuadamente”.

A investigación que ten a súa orixe nun proxecto de I+D que o grupo AF4 realizou para a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que proporcionou os datos de accidentes analizados, segundo os que os atropelos a animais supoñen unha media de cinco accidentes diarios en Galicia, dos que preto de 3,5 corresponden a fauna salvaxe, fundamentalmente xabaril, en máis do 60% dos casos, e corzo, nun 33%. De aí que Picos apunte que “os resultados suxiren que sería necesario aumentar a concienciación do condutor, é dicir, as medidas baseadas na información pública e na formación viaria, así como advertencias específicas e limitacións de velocidade”. Do mesmo xeito, os investigadores da EE Forestal tamén aluden aos beneficios que podería achegar á prevención o desenvolvemento de aplicacións para móbiles e navigadores GPS que advirtan dos tramos con alto risco de accidentes. Así mesmo tamén inciden na importancia dunha “nova orientación na planificación e deseño das infraestruturas e a mellora das existentes, provéndoas de medidas de mitigación como pasos de fauna”, actuacións que “faríanas máis seguras para os condutores e para a conservación da biodiversidade”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

Os antepasados dos pontevedreses tiñan desgaste dental severo polo consumo de peixe

Un equipo da USC demostra a relación entre dieta e saúde bucal despois de analizar restos óseos de 34 individuos que viviron entre os séculos XIII e XVII

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas