Martes 23 Abril 2024

Por que Vigo ten a peor calidade do aire de España (segundo iPhone)

A nova funcionalidade da aplicación meteorolóxica de Apple califica reiteradamente de "moi desfavorable" a presenza de contaminantes no aire dunha ampla zona galega

A contaminación do aire non só é un importante risco medioambiental. Tamén o é para a nosa saúde. Logo, que o móbil indique de forma reiterada que a calidade do aire que se respira na túa cidade non é de todo favorábel e que está entre os peores niveis de todo o Estado, pode ser motivo de algún que outro susto. Polo menos, para aquelas persoas da zona de Vigo con iPhone após a última actualización do seu sistema operativo.

Cun mapa non só da cidade, senón de case toda a provincia de Pontevedra, tintado de vermello, os datos da aplicación meteorolóxica do móbil sinalan decotío a calidade do aire en como Desfavorable ou Moi Desfavorable. Unha cualificación que vén dada, especialmente, polo nivel de materia particulada en suspensión menor a 2,5 micróns (PM2,5). Esta situación ambiental, segundo apunta o dispositivo, pode facer que calquera sufra efectos adversos para a súa saúde, sendo moito máis graves no caso dos grupos de risco. Isto é, as crianzas, os anciáns ou as persoas con enfermidades como a asma. 

Publicidade

Código vermello, tamén en MeteoGalicia

Do mesmo xeito, un dos datos que ofrece a web de MeteoGalicia é acerca da calidade medida a través da Rede de Calidade do Aire de Galicia. Na estación de tráfico en área urbana situada do barrio de Coia, os niveis de PM2,5 sitúanse nos 40 microgramos por metro cúbico de aire (µg/m3). Na estación industrial Este —localizada dentro do recinto da Stellantis de Vigo—, os índices de PM2,5 chegan aos 46 µg/m3. As outras dúas estacións da cidade, sen datos sobre esta materia particulada máis fina, recollen valores superiores aos 40µg/m3 para PM10.  

Para avaliar a calidade do aire galego combínanse os datos subministrados polas estacións de medición da rede, situadas ao longo do territorio, e polo modelo de predición CHIMARE. Un modelo que, como indican desde MeteoGalicia, “permite avisar con antelación á poboación ante episodios de mala calidade do aire e minimizar os seus efectos sobre a saúde“. Ente estes episodios, o acontecido ao longo da semana pasada, cando tamén se detectaron niveis negativos na cidade de Vigo, entre outras localidades galegas. Algo “puntual”, segundo o servizo dependente da Consellería de Medio Ambiente, e debido á “intrusión e permanencia de po sahariano —xa que o anticiclón impide a dispersión habitual das partículas—, e ao incremento da calefacción nas cidades, debido ás xornadas de frío que se rexistran”.

Os datos do móbil, de onde veñen?

Para informar sobre a calidade do aire, a aplicación do iPhone usa datos de BreezoMeter. Unha compañía que emprega a intelixencia artificial para compilar e comprender a información de múltiples fontes. No caso de España, a información provén do Índice Nacional de Calidad del Aire do Ministerio de Transición Ecolóxica. Un mecanismo que facilita a comprensión do estado do aire ambiente sen precisar coñecementos previos sobre este, representando a calidade mediante un código de cores que vén dado polo intervalo de concentración dos contaminantes (expresada en µg/m3).

Información no Índice Nacional de Calidad del Aire sobre os niveis recollidos pola Estación Este de Vigo
Información no Índice Nacional de Calidad del Aire sobre os niveis recollidos pola Estación Este de Vigo

Como o móbil da mazá, o ICA sinala seis categorías de calidade do aire: boa, razoablemente boa, regular, desfavorable, moi desfavorable e extremadamente desfavorable. Categorías asignadas en función dos datos medidos a tempo real nas estacións da Red Nacional de Vigilancia —da que tamén forma parte a Rede de Calidade do aire de Galicia— ou complementados co Sistema de Monitorización da Atmosfera do Sistema Copernicus (CAMS) da Unión Europea. Os contaminantes que se consideran no índice son: ozono troposférico (O3), dióxido de nitróxeno (NO2), dióxido de azufre (SO2) e as partículas en suspensión, tanto PM10 como PM2,5.

MeteoGalicia considera que a situación é “puntual” e débese á “intrusión e permanencia de pó sahariano”

Os niveis do ICA establecéronse tendo en conta os riscos relativos asociados á exposición a curto prazo destes contaminantes, de acordo coas directrices da Organización Mundial da Saúde (OMS) e cos adoptados pola Axencia Europea de Medio Ambiente (EEA) para o Índice europeo. Porén, apuntan desde MeteoGalicia, é preciso ter en conta que o índice reflicte a unha situación a curto prazo, polo que o total anual podería diferir de xeito significativo co valor do índice. Así mesmo, a normativa de calidade do aire establece obxectivos moito máis estritos que os diarios ou mensuais, o que fai do ICA unha ferramenta pouco axeitada para avaliar o cumprimento desta normativa.

O perigo dun aire cargado de partículas

Tanto diaria como a longo prazo, existe unha estreita correlación cuantitativa entre a exposición habitual a altas concentracións de partículas en suspensión e o aumento da mortalidade ou morbilidade, indica a OMS. Debido á súa capacidade de penetración nas vías respiratorias e o fluxo sanguíneo, a materia particulada afecta a máis persoas que ningún otro contaminante. Amais, a exposición a estas partículas deriva en efectos sobre a saúde mesmo en concentracións moi reducidas, e non ten sido posíbel identificar o umbral debaixo do cal non se observen danos.

Así, a materia particulada ten repercusións xa nos niveis de exposición que experimentan moitas persoas, vivan en zonas urbanas como nas rurais, e tanto en países desenvolvidos como en aqueles en desenvolvemento. Con todo, a presenza desta adoita ser moito máis alta nas cidades que rexistran actualmente un rápido crecemento. Amais, nos países de ingresos baixos e medios, a exposición a contaminantes no interior e ao redor das vivendas, por mor do uso de combustibles en estufas abertas ou cociñas tradicionais, incrementa o risco de infeccións agudas das vías respiratorias inferiores, así como de cardiopatía, neumopatía obstrutiva crónica e cancro de pulmón.

Pantallazo do iPhone do pasado 19 de xaneiro.

Secasí, a exposición á materia particulada non é a única que supón un grave risco para a saúde. Acontece do mesmo xeito coa presenza de ozono troposférico (O3), de dióxido xofre (SO2) ou de dióxido de nitróxeno (NO2). O O3 é un factor importante na mortalidade ou morbilidade por asma, mentres que o SO2 e o NO2 poden ir asociados non só a esta enfermidade pulmonar crónica, senón tamén a síntomas bronquiais, alveolite ou insuficiencia respiratoria. Igual que no caso da materia particulada, as concentracións máis elevadas destes elementos acostuman darse nas zonas urbanas dos países de ingresos baixos e medios.

As cidades galegas suspenden en aire

“Galicia, a día de hoxe, cumpre cos valores establecidos pola Unión Europea en 2008, aínda vixentes, en materia de calidade do aire”, aseguran desde MeteoGalicia. Porén, no pasado ano, Vigo foi unha das grandes cidades do Estado que máis empeorou nos niveis de contaminación de dióxido de nitróxeno (NO2), cun incremento do 14% e só superada por Valladolid. Así o indica un informe do Observatorio de Sostenibilidad, a partir das tendencias na calidade do aire no 2021 recollidas pola Axencia Europea de Medio Ambiente. Non obstante, o aire vigués rebaixou nun 7% a presenza de partículas de PM10.

Lugo, pola súa parte, sería vila na que máis tería aumentado a contaminación do aire, incrementándose a presenza de partículas nun 20%. Así e todo, e precedida só por Marbella, A Coruña foi a segunda cidade con maior contaminación de partículas PM10 en todo o Estado, con 31,2 microgramos por metro cúbico. Con todo, a localidade herculina presenta unha rebaixa do 9% respecto ás cifras de 2020.

Con case 25 microgramos, Ourense está na decimocuarta posición entre as cidades con peores datos de partículas PM10. O Observatorio indica que este dato podería estar debido a un réxime climático moi específico que favorecería a concentración de contaminantes na cidade, ao permanecer estábeis grandes masas de aire sobre a súa área urbana. No que ás partículas PM2,5 respecta, a cidade da Coruña volve estar entre os postos altos do estudo, ocupando a sétima posición en peor calidade do aire por este tipo de materia particulada, pero cunha redución do 5% fronte ao 2020. Así mesmo, e en Santiago, a contaminación de tipo PM2,5 descendeu nun 3%.

Principais recomendacións

Pese a esas lixeiras melloras na calidade do aire, o número mundial de mortes e de anos de vida saudábeis perdidos ten diminuído pouco ao longo das últimas décadas. E iso que, segundo a OMS, un 90% das mortes relacionadas coas partículas PM 2,5 poderían evitarse. Logo, calquera medida que supoña unha redución das emisións a curto medio o longo prazo terá repercusións positivas non só na mellora da calidade do aire, senón na propia saúde das persoas. Deste xeito, é necesario avaliar que accións políticas poden ser as máis efectivas para diminuír a contaminación atmosférica, asegurando que os niveis de dióxido de nitróxeno e de partículas teñan o menor impacto na poboación.

Por iso, e respecto ao NO2 e a materia particulada, obsérvase a necesidade de reducir o tráfico, establecendo zonas peonís, favorecendo o uso de bicicletas ou vehículos eléctricos, facilitando un transporte público non contaminante, máis accesíbel e con maiores frecuencias e implementando medidas desincentivadoras do coche privado. Nesta liña, a declaración de zonas de baixas emisións é un paso adiante na loita contra a concentración de contaminación no centro das cidades.

Do mesmo xeito, tamén son necesarias medidas que reduzan as emisións das grandes industrias, mesmo se estas se atopan a quilómetros dos núcleos poboacionais, como as incineradoras, os polígonos industriais ou as empresas de xestión de residuos. Unha mellora na calidade do aire non só significa menores emisións e menor efecto sobre o cambio climático. Tamén é sinónimo de mellor saúde para todos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha crista subtropical disparará as temperaturas en Galicia ata os 30 graos

A semana comeza con intensas precipitacións provocadas pola borrasca Pierrick pero un cinto de altas presións producirá un cambio radical de tempo a partir do mércores

Un tren de borrascas regará Galicia durante toda a semana

As precipitacións de principios de abril virán acompañadas dun importante ascenso térmico a partir do mércores