Xoves 2 Maio 2024

Vigo, entre as seis cidades da península con maior aumento de calor extrema

En 1961 a temperatura máxima era de 30 graos, hoxe, o limiar sitúase en 33, o que supón un aumento de tres graos en 61 anos

O que antes era calor extrema agora é unha temperatura habitual. O sistema climático mundial cambia a unha velocidade anómala. O quecemento global antropoxénico medra a un ritmo sen precedentes e as últimas avaliacións meteorolóxicas amosan como aumentan os valores que antes se consideraban máximos. En 1961, a temperatura extrema de Vigo situábase en 30 graos. A día de hoxe, en 33. Xunto con Tortosa, Madrid, Zamora, Navacerrada e La Molina consolídase como unha das cidades con maior aumento de España. Isto supón un aumento de tres graos en 61 anos, un limiar moi alto e que evidencia que a calor actual non era a de antes, aínda que se escoite na rúa: “Esta calor hóuboa sempre”.

Os datos desmontan esta versión. O seguinte mapa, realizado polo meteorólogo Roberto Granda de eltiempo.es, foi realizado a partir dos datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET). Segundo explica, tomouse o valor percentil 95 en períodos de dez anos para as máximas dos seis meses máis cálidos (de maio a outubro). En xeral, en toda a península aumentan as temperaturas, a excepción de Cádiz e Alicante, que baixan. Granda explica que isto pode deberse ao efecto estabilizador das brisas mariñas, que rebaixan as temperaturas en puntos costeiros. Con todo, en Vigo non sucede así. Por que?

Publicidade

Alberto Martí, xeógrafo físico da Universidade de Santiago (USC) explica que poden influír dous factores. En primeiro lugar, afirma que non existe ningún motivo espacial ou xeográfico que explique esta variación irregular co resto de lugares de Galicia. "O caso de Vigo chama a atención e é comparable ao de Tortosa. Pode suceder que, se os datos están tomados dende o aeroporto de Vigo, non se chegue a notar a influencia do mar nos termómetros. Sería diferente se o observatorio estivese situado na costa", alega.

Estes limiares están realizados para as temperaturas de verán. En Galicia, habitualmente, durante a época estival sitúase ao noroeste o anticiclón das Azores, o que contribúe a recibir ventos do nordés. Aquí radica a segunda posible explicación para entender a subida de temperaturas en Vigo. Os ventos do nordés favorecen a nubosidade e as temperaturas máis frescas en todo o norte. Conforme descenden cara ao sur, prodúcese o efecto foehn: os ventos que viaxan secan e requecen. Os observatorios que se atopan ao sur de Galicia ou da península son os que normalmente rexistran as temperaturas máis elevadas. "Nas últimas décadas, esta situación do nordés está sendo máis frecuente e puido incrementar o limiar", sostén o investigador.

Incremento de días sobre o limiar de calor extrema. Fonte: Roberto Granda, eltiempo.es

Como se pode observar no mapa, as zonas de interior son nas que máis se incrementa a temperatura. O municipio de Tortosa, en Cataluña, rexistra con respecto a 1961 unha diferenza de 3,7 graos; ségueo Madrid, onde o limiar de temperatura máxima pasou de 33,6 a 37,2 graos, o que supón unha diferenza de 3,6 graos; por detrás, Zamora, onde os valores máis altos medraron 3,2 graos; e, á par que Vigo, Navacerrada e La Molina, en Xirona, que subiu tres graos os seus picos de temperatura.

Neste senso, os datos tamén permiten identificar que cantidade de días se superaron estas temperaturas máximas. E aquí pode observarse que estas aumentaron. Por exemplo, en Santiago, entre 1961 e 1970, houbo 80 días nos que se superaron os valores considerados extremos; entre 2013 e 2022, foron 174, é dicir, 74 días excesivamente calorosos. A Coruña suma un mes máis de altas temperaturas con respecto a 1961. Vigo é tamén a cidade galega con peores datos ao que climatoloxicamente se refire: hai unha diferenza de 118 días, onde os termómetros superaron os graos de temperaturas que marcan as alertas.

"Os indicadores de temperatura en verán son os que mellor reflicten o cambio climático"

ALBERTO MARTÍ, investigador da USC

Alberto Martí recoñece que as diferenzas de temperatura son moi altas, e que non é unha excepción, senón unha tendencia. "O verán é a estación onde o cambio climático afecta máis. Os días con temperaturas calorosas están aumentando. Son os indicadores que mellor reflicten o cambio climático", alega o investigador. Hai 60 anos, 30 graos eran algo circunstancial. Con todo, estase a converter en algo frecuente. "Son os valores que provocan problemas de saúde nas persoas", apunta Martí.

Os gases de efecto invernadoiro, no seu punto máis alto

Cincuenta científicos expertos publicaron un estudo en Earth System Science Data no que particiou o investigador español José Manuel Gutiérrez, do Instituto Física de Cantabria (CSIC-UC). Esta investigación demostrou como mudaron os indicadores clave do clima: os gases de efecto invernadoiro chegaron na última década (2012-2021) ao seu punto más alto, cunha actividade humana equivalente a miles de millóns de toneladas de dióxido de carbono que liberan á atmosfera de media cada ano.

Segundo explica o CSIC nun comunicado, o quecemento inducido polos seres humanos, causado, en gran medida, pola queima de combustibles fósiles, alcanzou unha media de 1,14 graos na última década (2013-2022), por encima dos niveis preindustriais. Unha cifra superior aos 1,07 graos rexistrados entre 2010 e 2019. Polo tanto, este quecemento antropoxénico está a aumentar a un ritmo de máis de 0,2 graos por década.

O obxectivo dos científicos é manter o aumento da temperatura global dentro de 1,5 graos. A próxima conferencia sobre o clima, a COP28, que terá lugar en decembro en Dubái, terá que poñer enriba da mesa os progresos ou os retrocesos realizados. Segundo o profesor Piers Forster, que coordina o proxecto de indicadores do Cambio Climático Global, esta é unha "década crítica para o cambio climático". Con todo, apunta que hai probas de que o ritmo de aumento das emisións de gases diminuíron. "As decisións que se tomen agora influirán no aumento das temperaturas no grao e gravidade das consecuencias", expón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Volve a chuvia a Galicia: unha borrasca atlántica deixará unha fin de semana de inestabilidade

O mércores será un día de transición e o xoves empezarán as precipitacións polo aire frío situado nas capas altas da atmosfera

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

A lamprea, en caída libre en Galicia: de 23.000 quilos capturados a 3.000 en dez anos

O catedrático da USC Fernando Cobo apunta que a presión pesqueira e a captación de auga ilegal fomentan a diminución de especies

Unha DANA trae aire africano a Galicia e dificulta a predición para Semana Santa

Esta fin de semana agárdase tempo seco na comunidade pero a partir do luns aumentan as probabilidades de chuvia