A USC desenvolve un novo método para a entrega directa de fármacos no interior celular

Un equipo do Centro en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago (USC) logrou mimetizar a composición da membrana de células tumorais e desenvolver un novo vehículo que se fusiona coa membrana da célula anfitrioa para liberar moléculas bioactivas no seu interior. “Unha das grandes limitacións á hora de levar fármacos ou outras moléculas de interese ao interior da célula ten que ver co carácter foráneo que presenta a superficie dos transportadores empregados”, explican dende o equipo investigador.

A pesar da dispoñibilidade de sofisticados métodos para encapsular a carga, estas nanopartículas sintéticas son a miúdo recoñecidas como forasteiras por células fagocíticas, o que provoca unha activación inmune que pode xerar respostas adversas, como unha inflamación, ou que a substancia transportada se acumule en sitios non desexados. Ante este escenario, os vehículos biomiméticos xorden como unha alternativa para evadir as defensas do organismo e mellorar a eficacia terapéutica dos sistemas de entrega. 

Publicidade

“Aproveitando as súas propiedades homotípicas, estes vectores biomiméticos presentan maior afinidade co microambiente celular ao que se dirixen, o que permite mitigar a resposta inmune e achandar o camiño de entrada”, engaden. O achado do CiQUS consiste nunha combinación moi precisa entre lípidos catiónicos (con carga positiva) e neutrais ensamblados en fragmentos de membranas celulares que lle confire ao nanotransportador esta interesante propiedade fusoxénica que propicia a súa fusión coa membrana plasmática.

Equipo investigador do CiQUS.

“Estas propiedades fusoxénicas xunto ás características biomiméticas dos nanotransportadores permitiunos levar distintos compostos de interese biolóxico ao interior de células vivas, dende pequenas moléculas ata macromoléculas ou nanopartículas”, explica a investigadora do CiQUS Ester Polo, membro do grupo responsable do descubrimento, BioNanoTools. A fusión coa membrana permite liberar as substancias no citoplasma de maneira rápida e directa, mellorando a eficacia terapéutica do sistema de entrega e a biodispoñibilidade dos compostos que transporta. 

Publicidade

BioNanoTools especialízase no desenvolvemento de materiais multifuncionais con aplicacións en medicina e bioloxía. Neste caso, os investigadores conseguiron dotar o novo sistema dunha dobre funcionalidade que busca aumentar a especificidade e seguridade na entrega de fármacos respecto a outros métodos convencionais: “Estes nanotransportadores derivados de células cancerosas presentan unha alta selectividade, que vén dada polas súas propiedades homotípicas, xunto á capacidade fusoxénica que implementamos a través dunha combinación específica de lípidos e que permite a liberación da carga de maneira moito máis eficiente”, conclúe a investigadora.


Referencia: Fusogenic Cell-Derived nanocarriers for cytosolic delivery of cargo inside living cells (Publicado en Journal of Colloid and Interface Science)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos

O CiQUS desenvolve materiais orgánicos porosos semicondutores sen necesidade de dopantes

O traballo, froito da colaboración entre tres grupos de investigación, permite incorporar portadores de carga directamente na estrutura, preservando as súas propiedades cristalinas

Das augas residuais ao combustible do futuro: así produce hidróxeno verde o novo sistema do CiQUS

O equipo de María Giménez-López emprega a urea como materia prima para impulsar unha nova estratexia máis sostible e eficiente

O CiQUS, na elite da ciencia co selo María de Maeztu: “É un recoñecemento ao traballo dos últimos anos”

O investimento previsto para o centro da USC impulsará a captación de talento, a creación de novas infraestruturas e liñas de investigación