“Hoxe Galicia é unha terra viva e clara que se sinte agarimada”

Juan Ramón Vidal Romaní foi durante decenios unha das referencias da xeoloxía en Galicia.
Juan Ramón Vidal Romaní foi durante decenios unha das referencias da xeoloxía en Galicia.

Juan Ramón Vidal Romaní (Tarragona, 1946) ofrecerá este venres a súa derradeira lección. O investigador, unha das referencias da xeoloxía en Galicia, foi nomeado recentemente como profesor emérito da Universidade da Coruña. A institución vaille render homenaxe despois desta última clase, que levará por título Galicia: unha historia de 1.160 millóns de anos, na que resumirá o traballo que leva facendo desde as aulas, os laboratorios e camiñando por todo o país desde hai decenas de anos. Coa homenaxe a Vidal Romaní, a UDC abre unha nova actividade que pretende instaurar como homenaxe académico ao profesorado que remate a súa actividade docente. O xeólogo conversou con GCiencia con motivo da súa xubilación.

– Como se sinte por este recoñecemento outorgado pola UDC?

– É un orgullo que a UDC, da que son profesor fundador, incorporase a Xeoloxía aos coñecementos científicos impartidos desde a Universidade. Tamén é unha honra e que me conceda o feito de ser o primeiro en impartir públicamente esta belida e emotiva derradeira lección.

– Que balance fai, botando a vista atrás, de toda a súa traxectoria investigadora e docente? Con que se queda?

– No que abrangue á investigación en xeoloxía, hai que subliñar que se desenvolviu, maiormente, cos meus alumnos biólogos e químicos, aos que primeiro dei aulas e despois guiei e introducín no mundo da xeoloxía. Quizais este é o logro máis importante: conseguir, cos estudantes educados na UDC, os mellores resultados científicos, competitivos incluso cos de outras universidades que si tiñan títulos propios en Xeoloxía.

Vidal Romaní recuperou e dirixiu o Laboratorio Xeolóxico de Laxe, creado por Isidro Parga Pondal

– Cales foron os principais fitos de todos estes anos de carreira?

– Rescatar do esquecemento o antigo Laboratorio Xeolóxico de Laxe e transformalo no actual Instituto Universitario de Xeoloxía. Tamén habería que destacar o mellor coñecemento do Cuaternario en Galicia, e a definición da sua escala cronolóxica. É dicir, a paleontoloxía clásica do Cuaternario, pero tamén a súa paleontoloxía molecular, e paleobioxeoquímica, dinámica glacial e interglacial, os medios subterráneos cársticos e graníticos ou xeomorfoloxia granítica. E sen dúbida, outro achado máis recente: o de Elba, a pastora mesolítica, o resto humano máis antigo atopado en Galicia.

– Que importancia ten a Xeoloxía na historia de Galicia?

– Galicia sen historia xeolóxica é apenas unha pedra sen idade sobre a que aprenderon a vivir os neandertais. Con xeoloxía é unha longa singradura de 1.160 millóns de anos durante a que se foron xuntando os anacos do que hoxe é a nosa terra. Isto aconteceu hai 350 millóns de anos, cando naceu Galicia como unidade. A vida en Galicia medrou desde unha poeira de granito desfeito sobre a que se construíu unha casa de pedra de gran. Esta é a esencia de Galicia, como decía Celso Emilio Ferreiro en Longa noite de pedra.

– Como estaba a materia cando vostede empezou, e como está agora?

– Cando eu comecei a traballar en xeoloxía, Galicia apenas era un mundo escuro de prospectores de minerais e rochas a procura de algo que vender a alguén. Galicia apenas servía para tirarlle o zume e botar o resto para o lixo. Agora é unha terra viva e clara que se sinte agarimada. Por eso cada día nos conta novas historias que nos axudan a entender o que pasou desde o día da unión, hai 350 millones de anos, ata hoxe.

– Que futuro lle agarda á Xeoloxía en Galicia?

-Esgotada a minería e resoltos todos os problemas sobre a historia xeolóxica do sustrato rochoso galego, no futuro a investigación da xeoloxía en Galicia vai ser desenvolvida por unha nova xeración con potente formación en química e bioloxía. É esta caste de científicos a única que pode resolver a parte aínda descoñecida da historia xeolóxica de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.