O curioso verdello que cobre as paredes de San Martiño Pinario

Unha investigación afonda nas peculiares características do biofilm que se acumula no claustro do mosteiro compostelán

O verdello é un compañeiro inseparable en moitas construcións galegas. A humidade, unida á pouca exposición á luz solar, provoca que as paredes de moitos elementos do patrimonio se vexan cubertos por unha cor verdosa que lles outorga unha peculiar capa de encanto. Porén, ás veces pode converterse nun risco para a conservación, e por iso precisa ser estudado e analizado para evitar problemas. No caso dun dos edificios máis salientables do casco histórico de Santiago de Compostela, o mosteiro de San Martiño Pinario, o claustro da Portería ou Procesións posúe un biofilm que foi obxecto de análise nun artigo publicado recentemente na revista International Biodeterioration & Biodegradation por investigadores das universidades de Santiago, A Coruña e Milán.

No marco dun traballo sobre a iluminación do claustro, o equipo investigador observou as peculiaridades do biofilm que se acumula nas zonas máis altas da parede. “Cando empezamos a estudar o lugar, tivemos que humedecer o biofilm para medir a cor, así como a fluorescencia da clorofila, e vimos que era altamente hidrófobo, algo que nos pareceu moi curioso”, explica Patricia Sanmartín, científica do grupo GEMAP adscrito ao departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC.

Publicidade

Imaxe que amosa o carácter hidrófobo do verdello analizado. Foto cedida por Patricia Sanmartín.
Imaxe que amosa o carácter hidrófobo do verdello analizado. Foto cedida por Patricia Sanmartín.

As análises revelaron que estaba formado por unha única especie, a alga verde Apatococcus lobatus. “Comprobamos que a alta hidrofobia debíase á matriz do biofilm formado por esta”, sendo a matriz a masa que da estrutura ao biofilm, e que describía un deseño moi particular, en ondas, sobre a superficie da parede. “Ao falar cos habitantes do mosteiro dixéronnos que as paredes levaban polo menos 50 anos sen limpar, polo que descartamos que a pouco habitual forma en ondas deseñada polo polo biofilm puidese deberse ao efecto dalgunha limpeza pasada. Foi entón e tras estudar con detalle as características do Claustro cando caemos na conta de que, o límite do verdello é o limite da superficie atinxida pola luz directa nas paredes do claustro, polo que concluimos que a súa ocurrencia debiase ao microclima xerado (principalmente pola condensación da auga) na parte alta das paredes”, engade Sanmartín.

Unha das preocupacións dos investigadores era observar se este biofilm estaba danando a pedra do monumento, recentemente declarado como Ben de Interese Cultural de cara ao ano Xacobeo 2021. “En ocasións pode causar danos, pero hai veces nas que a colonización biolóxica mesmo axuda a manter a consistencia da pedra. Pero neste caso encontramos que o efecto era neutro, nin positivo nin negativo, para o substrato lítico, simplemente producía una afección estética, en caso de  querer considerarse así , xa que este aspecto entra no campo do subxectivo”.

Publicidade

Equilibrio entre patrimonio e biodiversidade

O estudo dos biofilms no patrimonio achega unha interesante visión á hora de buscar as mellores opcións e atopar o equilibrio entre a protección da biodiversidade e a conservación destes edificios. “Antes adoitaban eliminarse todos estes organismos porque se pensaba, por norma xeral, que danaban as edificacións. Pero sería interesante abordalo desde outros enfoques, unha especie de win-win, defendendo que o patrimonio se vexa enriquecido por estas características peculiares”, conclúe Patricia Sanmartín.


Referencia: Characterization of a biofilm and the pattern outlined by its growth on a granite-built cloister in the Monastery of San Martiño Pinario (Santiago de Compostela, NW Spain). (Publicado en International Biodeterioration & Biodegradation).

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O misterio da gran xoia desaparecida de Galicia: unha investigación achega novas pistas da cruz de Afonso III

Un estudo de Francisco Prado Vilar revisa os expedientes xudiciais do roubo da reliquia, que se produciu en 1906, e localiza fotografías inéditas

Ten sentido fixarnos no pasado para conservar o lobo?

A súa distribución presente e futura verase condicionada pola densidade das presas silvestres máis que pola do gando. Por Alejandro Martínez Abraín (UDC) e Daniel Oro

Un programa pioneiro permitirá coñecer as avelaíñas do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia

A primeira mostraxe da Xunta en Cortegada rexistrou 127 exemplares de máis de 40 taxóns nunha soa noite

A ciencia redefine o coello de monte: Galicia alberga unha especie diferente e máis ameazada

O estudo conclúe que existe unha separación evolutiva con realidades ecolóxicas e necesidades de conservación distintas entre os exemplares ibéricos e europeos