Xoves 28 Marzo 2024

A USC participa nun proxecto pioneiro de selección xenómica en Rubia Galega

Os traballos desenvolvidos con chips de alta densidade son claves para incorporar a raza a estándares internacionais

Un equipo de investigación da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC) mantén unha participación activa nun programa pioneiro de selección xenómica en raza Rubia Galega con chips de alta densidade, unha iniciativa coordinada pola Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga) que se antolla clave para incorporar esta raza autóctona a estándares internacionais na aplicación de metodoloxías xenómicas orientadas a precisar os procesos de selección, a fin de responder así ás demandas do sector e do propio mercado.

Esta actuación, financiada pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia a través de convocatorias do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia (2014-2020), permitiu aplicar por vez primeira un programa de selección xenómica en raza Rubia Galega, na que se xenotiparon 3.500 animais co chip Axyom, que inclúe 67.000 marcadores SNPs.

Publicidade

Datos xenotípicos

Entre as reses desta raza autóctona xenotipadas figuran 486 machos con máis de 50 descendentes e 207 con máis de 10. Asemade, das femias analizadas, 754 tiñan máis de cinco fillos, segundo se desprende da memoria do proxecto. Os datos xenotípicos serviron para obter información sobre a base xenética dos caracteres obxecto de selección e para identificar xenes candidatos útiles para avaliar modelos más precisos de selección. Tamén se fixo unha análise de asociación do xenoma completo para o carácter ‘supervivencia’, medido a través do número de partos que pode acadar unha vaca.

A información obtida polos investigadores implicados neste proxecto posibilitou tamén avaliar a estrutura xenética da Rubia Galega, así como a súa relación con outras razas de vacún de carne españolas. De feito, os resultados destas pescudas deron pé á identificación dun subconxunto de marcadores acaídos para empregarse nos procesos de asignación de raza e dos seus híbridos, así como para o desenvolvemento dunha ferramenta molecular de baixo custe que permita diferenciar as razas de carne.

Selección con máis precisión

Os traballos desenvolvidos ao abeiro deste proxecto piloto permiten avanzar cara a un proceso de selección de vacún de carne de raza Rubia Galega máis preciso que o actual e ofrecen a posibilidade de incluír outros caracteres de interese relacionados coa reprodución e o benestar, ademais doutros parámetros difíciles de caracterizar fenotipicamente. Ademais, tamén se abre a posibilidade de substituír a análise de parentesco de microsatélites a un coste semellante e con maior nivel de precisión.

Os resultados acadados representan o comezo dun camiño para potenciar a raza Rubia Galega, situada entre as mellores razas de carne españolas, manteñen os investigadores, que tamén ven nestas novas tecnoloxías unha oportunidade que reportará beneficios para os gandeiros.

Un proxecto integrado por diferentes especialistas

O proxecto piloto desenvolvido por un consorcio no que xunto cos investigadores de Xenética de Poboacións e Xenómica da USC tamén participaron expertos de xenotipado SNPs de Xenética Fontao, así como especialistas en Xenética Cuantitativa e Selección Xenómica da Universidade de Zaragoza, contou tamén coa implicación de especialistas da Facultade de Veterinaria da USC en Produción e Mellora Animal, así como doutros investigadores do Campus de Lugo con acreditada experiencia no campo da avaliación de consanguinidade xenómica e pegadas de selección mediante metodoloxía ROH.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Atopado o talón de Aquiles da rata toupa, a praga que azouta a montaña luguesa

O estudo do órgano vomeronasal deste mamífero subterráneo avala o uso de químicos para diminuír a súa poboación e frear o seu impacto na agricultura

Os cubículos e corredores reducidos nas granxas de Lugo afectan a produción de leite

A tese de Sonia Verdes Gil conclúe que as superficies incómodas prexudican a saúde e a hixiene das vacas

Galicia avanza para contar cos seus propios medicamentos CAR-T nos próximos anos

A finais de ano abrirá un centro de produción en Santiago e un proxecto de investigación traballa para aplicalos en tumores sólidos