A rede pretende estimar a abundancia das poboacións de libélulas. Na imaxe, exemplar da especie 'Euphaea ornata'.
A rede pretende estimar a abundancia das poboacións de libélulas. Na imaxe, exemplar da especie 'Euphaea ornata'.

Unha rede mundial de voluntarios para estudar as poboacións de cabaliños do demo

O investigador da Escola de Enxeñaría Forestal da UVigo Adolfo Cordero participa na rede internacional de entomólogos que impulsa este proxecto

Aínda que o traballo desenvolvido pola comunidade científica fai posible ter cada día un maior coñecemento das preto de 6.000 especies de libélulas e cabaliños do demo existentes no mundo e da súa distribución, son moi limitados os datos referidos á súa abundancia, ao tamaño das poboacións, o que pode resultar fundamental para a súa preservación. Co propósito de corrixir esta falta de información, 32 entomólogos e entomólogas de 13 países, entre os que se atopa o catedrático da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero, presentan, nun artigo publicado na revista BioScience, a súa proposta para constituír unha “rede global de voluntarios” que faga posible obter unha serie de datos que permitan estimar a abundancia das poboacións e detectar posibles variacións.

“Como indicamos no artigo, sabemos cada vez máis a lista de especies de moitos lugares, pero non temos datos para inferir tendencias na abundancia e isto é relevante, porque se podemos detectar se as especies están diminuíndo, podemos ter un tempo para actuar e corrixir as tendencias negativas”, salienta Cordero, coordinador do grupo EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación). No artigo publicado na revista do Instituto Americano de Ciencias Biolóxicas, este grupo de expertos e expertas presentan un plan básico para a creación  desta rede de voluntarios; unha iniciativa que, recoñece Cordero, “estamos discutindo xa como poñela en marcha, aproveitando sistemas similares que se están a desenvolver, por exemplo, con bolboretas”.

A idea da que parte este proxecto xurdiu en xullo do pasado ano no International Congress of Odonatology, celebrado na cidade estadounidense de Texas, no que “varios dos autores estabamos presentes e decidimos iniciar esta colaboración”, baixo o liderado do profesor da Universidade de Illinois Jason Bried. Autor principal do artigo, o investigador norteamericano foi, como lembra Cordero, quen “organizou o esqueleto” da proposta, á que, “en varias rondas secuenciais”, foron sumando as súas achegas outros 31 entomólogos e entomólogas de universidades e organismos de investigación de Estados Unidos, Canadá, México, Brasil, Holanda, República Checa, Reino Unido, Francia, Suráfrica, Australia, Suecia e Alemaña e España, país do que o investigador do campus pontevedrés é o único representante.

O catedrático Adolfo Cordero é un dos impulsores da rede. Foto: Duvi.
O catedrático Adolfo Cordero é un dos impulsores da rede. Foto: Duvi.

Ademais de afondar en por que é importante coñecer a abundancia das poboacións de odonatos, insectos que constitúen un “indicador de cambios ambientais a grande escala”, o artigo aborda as diferentes iniciativas que en materia de recollida de datos sobre as súas poboacións, leváronse a cabo, principalmente por voluntarios, en Europa, América do Norte e África. A partires de aí, este grupo de expertos e expertas presenta un plan básico para a creación desta rede, abordando a súa posible estrutura organizativa, o recrutamento de voluntarios e voluntarias e a toma e envío de datos. O artigo afonda na importancia de que a rede estea vinculada a unha institución con experiencia no establecemento de redes internacionais, de dotarse de coordinacións a nivel nacional e rexional e de definir unha “metodoloxía universal ou amplamente aplicable” para a compilación e envío de datos, que sexa así mesmo “amigable” para as e os participantes.

Esta recollida levaríase a cabo en “pequenas ventás de detección”, que, como explica Cordero, implicarían “centrarse en lugares e momentos propicios”, establecendo nestes “un transecto e contar a ambos lados un ou dous metros de distancia”, evitando así o reconto de todos os individuos visibles no lugar, para que así a “probabilidade de detección sexa a mesma”. A compilación de datos, engade, levaríase a cabo mediante “táboas estandarizadas”, ás que habería que engadir “a estimación do número e o tempo empregado no seguimento para poder cuantificar densidades”. Ademais, sinala, prevese o deseño e emprego de aplicacións móbiles para a introdución directa dos datos no campo cando sexa posible.

Tendo en conta as flutuacións que presentan as poboacións de insectos ao longo do ano, reunir datos que permitan coñecer tendencias respecto da abundancia das especies requirirá de “series longas” de recollida. “Por iso a axuda de naturalistas afeccionados é tan importante”, salienta Cordero. De feito, o artigo sinala que farán falta probablemente 10 ou 15 anos para poder obter “patróns de abundancia e determinar onde están diminuíndo as poboacións e en que grao”. A isto súmanse por outra banda, como lembra Cordero, o feito de que se ben levar a cabo estas tomas de datos “xa é posible en moitas rexións, aínda non o é en boa parte de América Latina, Asia e Oceanía, por falta de libros ou materiais”, como guías de campo, que fagan posible a súa identificación por parte das e os afeccionados ás libélulas.


Referencia: Towards Global Volunteer Monitoring of Odonate Abundance (Publicado en BioScience).


Podes consultar a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.