Unha planta acuática invasora está a poñer en risco ríos e praias galegas

Adega leva anos alertando sobre unha incipiente expansión do xacinto acuático no litoral e nas zonas húmidas de Galicia

Aspecto das masas esparexidas na lagoa das Cachadas con data 7 de agosto de 2018. Foto: Emilio Martínez Sabarís.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) leva meses alertan sobre unha incipiente expansión do xacinto acuático (Eichhornia crassipes), unha planta exótica invasora que actualmente está a proliferar en numerosas praias das Rías Baixas, á vez que está a poñer en perigo as zonas húmidas galegas, como as lagoas das Cachadas, en Sanxenxo, ou o rego de Trabe en Culleredo.

A asociación ecoloxista condena “a introdución presuntamente deliberada de especies invasoras no medio natural” e reclama ás administracións públicas competentes na Xunta e no Estado “que se ateñan ao disposto polo artigo 8, do Real Decreto 630/2013, de 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras”.

As toneladas desta planta que están a aparecer nos areais galegos poderían mesmo invadir regatos próximos ou ser transportados a xardíns e novas zonas húmidas, segundo explican dende Adega. Dende o colectivo, instan ao Goberno galego a que eliminen “de xeito inmediato” as poboacións de xacinto acuático tanto da barreira das Cachadas en Sanxenxo como das outras poboacións detectadas, en especial a do rego de Trabe en Culleredo.

Tamén apremian a unha revisión bimestral de tódolos puntos onde se teñan detectado xacintos acuáticos, mesmo se houbo eliminacións na procura de eventuais poboacións desta planta invasora. Por útlimo: “Pedimos unha investigación sobre a orixe de procedencia dos xacintos acuáticos, sexa unha empresa comercializadora ou particulares, coa preceptiva depuración de responsabilidades”.

Unha planta perigosa

Segundo figura no informe do Grupo de Especialistas en Especies Invasoras da Unión Internacional pola Conservación da Natureza, o xacinto acuático é unha das cen especies invasoras máis perigosas do mundo, detectada xa en 50 países dos cinco continentes. Trátase dunha planta vascular de orixe sudamericana, con crecemento moi rápido, con poboacións que se duplican en tan só doce días e que chegan a tapar a luz solar no fondo de zonas húmidas, diminuíndo a concentración de osíxeno e reducindo a diversidade florística de especies somerxidas.

Na Península Ibérica infesta numerosos cursos de auga en Portugal (desde o distrito de Viana do Castelo ao sur ata o Algarve), así como ríos en Extremadura e Andalucía. No Estado español está prohibida a súa comercialización desde o ano 2011, e dous anos despois incluíuse no Catálogo Español de Especies Invasoras.

O (mal) exemplo de Sanxenxo

En agosto de 2018, o ecoloxista Emilio Martínez Sabarís detectou por primeira vez en varias das lagoas de Rouxique e A Fianteira (Sanxenxo) fragmentos de xacintos acuáticos en zonas doadamente accesibles destas barreiras, “suxerindo unha introdución deliberada e moi recente“, explican dende Adega. As barreiras eran regularmente visitadas por naturalistas, mesmo no mes anterior á detección deste evento, polo que, dende Adega, conclúen que se produciu en días precedentes.

Tras esta suposta introdución, varios naturalistas locais realizaron unha urxente labor de eliminación desas novas masas incipientes de xacinto acuático, e denunciárono perante as autoridades. “Así e todo, co paso do tempo non houbo control por parte da gardaría do espazo natural e o xacinto acuático aínda se mantiña acantoado nunha das barreiras de Rouxique (a das Cachadas)”, denuncian dende Adega. Os veráns calorosos de 2021 e, especialmente, de 2022, deberon facilitar o crecemento dos propágulos que non se puideron eliminar derivando a día de hoxe “nunha faixa de xacinto acuático moi preocupante na barreira das Cachadas”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.