Xoves 18 Abril 2024

Unha tese analiza o impacto dos pequenos ríos nas rías galegas

Os ríos, explica o investigador Miguel Ángel Álvarez, son a principal ruta de entrada de materia nas zonas costeiras. Se ben o transporte continental foi amplamente estudado a través de grandes ríos, recalca, “existe un baleiro no coñecemento sobre as achegas dos pequenos ríos”, a pesar da súa relevancia en zonas como o noroeste peninsular. Co obxectivo de avanzar no coñecemento neste eido, na súa tese de doutoramento, realizada no CSIC e na Universidade de Vigo, Álvarez Vázquez afondou nas alteracións naturais e nas provocadas polo home nos fluxos bioxeoquímicos fluviais en seis sistemas río-ría de Galicia.

Había “un baleiro de coñecemento” sobre a influencia dos pequenos ríos nos sistemas río-ría de Galicia

A tese, titulada Achegas continentais á zona costeira: alteracións naturais e antropoxénicas dos fluxos bioxeoquímicos fluviais e a súa trazabilidade no compartimento sedimentario, acadou a cualificación de sobresaínte cum laude. Coa súa presentación culminou un traballo de investigación de cinco anos realizado no marco do Programa de Doutoramento Do*Mar baixo a dirección de Ricardo Prego, profesor de investigación do CSIC, e de Elena Pilar de Uña, profesora titular de Xeografía da Universidade de Vigo. O obxectivo deste traballo, sinala o seu autor, foi “incrementar o coñecemento científico sobre o transporte continental na fronteira terra-océano, utilizando para iso os elementos traza e outras variables físico-químicas como indicadores de alteracións provocadas polas singularidades de cada conca de drenaxe, ben de orixe natural (influencia da litoloxía) ou antropoxénica (influencia das actividades humanas)”.

Publicidade

O investigador da Universidade de Vigo estudou un total de nove pequenos ríos en seis sistemas río-ría de Galicia, como son Viveiro-río Landro; Ortigueira-río Mera; Cedeira-ríos Condomiñas, Das Mestas e Forcadas; Ares-río Eume; Betanzos-río Mandeo; e Arousa-ríos Ulla e Umia). “O interese dos pequenos ríos radica en que, aínda que a súa variabilidade natural é moi elevada, son moi sensibles ás diferenzas a nivel local e adoitan estar suxeitos a un reducido número de factores de presión humana, o que permite identificalos e estudalos de maneira illada”, sinala Miguel Ángel Álvarez. Sobre a relevancia de levar a cabo este estudo nas rías galegas, o investigador lembra como “a riqueza das rías galegas está determinada pola chegada de nutrintes durante eventos de afloramento costeiro, ao que se unen achegues fluviais, que poderían ser relevantes en condicións de non afloramento”.

Miguel Ángel Álvarez tamén analizou en que medida a acción do home alterou os fluxos naturais

A investigación céntrase no transporte fluvial (terra-océano) de sales nutrintes, materia orgánica e especialmente elementos traza. Os elementos traza, indica Miguel Ángel Álvarez, son empregados no estudo para definir, de maneira cualitativa e cuantitativa, os fluxos xeoquímicos que alcanzan as zonas costeiras a través de pequenos ríos e empréganse tamén como indicadores de impacto ambiental de orixe humano para avaliar en que medida as accións antropoxénicas teñen alterado os fluxos naturais. Estes elementos, sinala o investigador, son elementos químicos que se atopan en moi baixa concentración e que teñen un carácter divalente como esenciais ou tóxicos. “En pequenas cantidades son micronutrintes esenciais para a vida e en concentracións maiores poden resultar daniños para o ecosistema. Son, ademais, potentes indicadores ambientais, xa que algúns deles están moi relacionados coas actividades humanas, por exemplo o cobre ou o chumbo, e introducíronse no medio ambiente en grandes cantidades, especialmente desde que se globaliza a industrialización a mediados do século XX”, sinala o xa doutor.

Como principais resultados da investigación, Miguel Ángel Álvarez subliña que se “pode destacar que se atoparon enriquecementos localizados de orixe natural dalgúns metais traza (por exemplo cromo, níquel ou arsénico) causados pola litoloxía e que, de non ser identificados, poderían confundirse con contaminación”. Tamén, indica, se caracterizou a pegada humana, destacando a importancia dun correcto tratamento das augas residuais mesmo en pequenas poboacións. “Mentres que a vertedura de augas residuais tratadas non é constitutivo dun impacto significativo, a ausencia de tratamento pode significar achegas de nutrintes e contaminantes ás rías susceptibles de alterar os fluxos bioxeoquímicos naturais”, comenta o investigador. Segundo apunta tamén se describiron na súa tese os efectos das zonas urbanas e de infraestruturas como presas.

A tese tamén aporta datos de referencia de elementos traza

A tese ofrece datos de referencia de elementos traza tanto en auga fluvial como para sedimentos de estuario. “Debido á escaseza deste tipo de datos en pequenos ríos, os valores achegados son útiles tanto a unha escala local ou rexional como a nivel internacional”, comenta o investigador. En función das variables analizadas, tres dos ríos estudados (Das Mestas, Mera e Landro) foron clasificados como prístinos, “o que é moi raro na zona tépeda da terra, que é a máis poboada e por tanto a que máis sufriu o impacto humano”, explica Álvarez Vázquez. Segundo sinala describíronse ademais “anomalías de orixe natural relacionadas coa litoloxía como enriquecementos no transporte de metais como cobalto, cromo, molibdeno ou níquel con orixe no complexo xeolóxico de Cabo Ortegal”. “Identificar estas anomalías é crítico xa que de non facelo poderían confundirse con contaminación”, destaca. Na investigación tamén se abordaron diferentes factores de presión humana, como a vertedura de augas residuais e procesos de urbanización en xeral; as actividades mineiras e o represado de ríos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204