Isótopos de carbono para medir a gravidade dos lumes

As científicas Irene Fernández e Ana Cabaneiro, do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas, propoñen un novo enfoque para avaliar os danos

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), no marco das investigacións que desenvolve en Galicia na área agroforestal, avalía o potencial dunha técnica isotópica para determinar a intensidade dun incendio forestal no solo a través do establecemento do impacto causado sobre a composición isotópica da materia orgánica edáfica.

Os primeiros resultados, que se están dando a coñecer a través da súa publicación en revistas científicas, apuntan a que “se podería estar diante dunha técnica viable para avaliar a intensidade dun lume forestal a través dos cambios producidos na composición isotópica do solo”, sinalan Irene Fernández e Ana Cabaneiro, autoras do estudo.

Publicidade

“As consecuencias ambientais dos incendios forestais xustifican a necesidade de apostar por investigacións nas que se estude o seu impacto sobre as propiedades do solo, especialmente na calidade da súa materia orgánica, debido á súa vulnerabilidade e importancia na estrutura e fertilidade do solo, recurso non renovable”, sinalan as científicas do CSIC.

A técnica axuda a determinar a posteriori a temperatura acadada polo solo durante o lume

“Non resulta fácil determinar a posteriori a temperatura alcanzada polo solo durante os incendios forestais para poder relacionala cos correspondentes efectos sobre o mesmo. Hai métodos subxectivos, como observacións baseadas en certas características físicas, e outros analíticos, como os que se centran na diminución das fraccións orgánicas de maior labilidade térmica en función da severidade do lume. Ata o momento, non nos consta que se indagou con detalle sobre o potencial da espectrometría de masas con este obxectivo, polo que o noso grupo, que xa obtivera previamente interesantes resultados coa súa aplicación na monitoraxe das transformacións da materia orgánica en diferentes compartimentos do ecosistema, recorreu á utilización destas técnicas isotópicas para o estudo de chans queimados”, sinalan.

Neste contexto, o grupo deseñou unha investigación exploratoria co fin de obter un método obxectivo e fiable de determinación da intensidade do incendio no solo, aproveitando a sensibilidade das técnicas isotópicas, mediante a caracterización da distribución dos isótopos estables do carbono dentro a materia orgánica edáfica.

Estas técnicas permiten comparar con gran precisión a relación entre o Carbono-13 e o Carbono-12 a niveis de abundancia natural e avaliar os cambios inducidos polo aumento da temperatura na proporción de Carbono-13 para utilizalos como indicadores da intensidade do lume.

Para levar a cabo o estudo, en primeiro lugar, seleccionáronse solos graníticos de ecosistemas correspondentes a bosques de piñeiros situados nas provincias de Ourense e Pontevedra. No laboratorio levou a cabo o procedemento de quecemento do solo baixo condicións controladas cun amplo intervalo de temperaturas comprendido entre 150 e 490ºC, seleccionándose finalmente para os estudos isotópicos as mostras de solo sometidas ás temperaturas de 220 e 350ºC como as máis equiparables a incendios forestais de moderada e alta intensidade.

Técnica isotópica

“Tal como era de esperar, ao realizar a caracterización dos solos quentados a diferentes temperaturas observáronse cambios en distintos parámetros edáficos asimilables aos resultados atopados previamente polo noso grupo ao estudar incendios forestais non controlados e que permitiron vincular os efectos das distintas temperaturas aplicadas no laboratorio cos producidos por incendios naturais catalogados como moderados ou intensos no seu momento”, explican.

“Con respecto á posible utilidade destas técnicas isotópicas para a obtención dun índice fiable da severidade dos incendios non controlados, observamos que os cambios na relación 13 C/12 C da materia orgánica edáfica están directamente relacionados coa temperatura alcanzada durante o proceso de quecemento e, por tanto, coa intensidade de combustión do chan”, conclúen as científicas, quen aposta por “continuar indagando na posibilidade de xeneralizar o uso dos cambios na firma isotópica do solo como indicador da intensidade dunha queima. As técnicas isotópicas aplicadas a diversos campos de investigación poden prover unha visión integral e cuantitativa das interaccións químicas, biolóxicas e ecolóxicas na natureza”, conclúen.

O grupo Ciclo Biogeoquímico do Carbono Edáfico, fundado por Ana Cabaneiro nos anos 90, ten como principal cometido o estudo do ciclo do carbono nos ecosistemas forestais. A súa liña fundamental de investigación do grupo está orientada a profundar no coñecemento dos factores que inflúen de forma significativa sobre o ciclo bioxeoquímico do carbono dos solos forestais, centrándose nas características bioquímicas da materia orgánica edáfica co fin de favorecer a conservación dos bosques atlánticos e valorar o seu posible papel na mitigación do cambio climático, xa que nos solos destes ecosistemas almacénanse de forma estable substancias orgánicas con elevados tempos de vida media.


ReferenciaTemperature-induced changes in humus quality and δ13 C signatures as a proxy indicator of soil burn intensities after forest wildfires (Publicado en Silva Balcanica).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa do ministerio contabiliza ata 5.400 verteduras legais nas augas galegas

Nas demarcacións hidrográficas de Galicia-Costa e Miño-Sil hai 4.088 puntos de orixe urbana e 1.304 que proveñen da industria

Unha proteína antibacteriana, nova diana terapéutica contra o cancro de páncreas

Unha investigación liderada polo CSIC describe como as células nai do tumor se aproveitan de PGLYRP1 para evadir o sistema inmune

Descuberto un planeta xigante tan lixeiro como o algodón de azucre

O novo astro é un 50% máis grande que Xúpiter, pero con unha densidade aproximada á décima parte da do xigante gasoso

A fronteira con Portugal é a área de Galicia con maior presenza do mosquito da malaria

O insecto leva anos na comunidade pero o parasito non está en circulación, polo que o risco de transmisión autóctona é baixo