Desembocadura e foz do Miñor, onde se concentran os problemas de contaminación fecal. Á esquerda, praia de Ladeira e Baiona e á dereita, Praia América. Fonte: Google Maps.
Desembocadura e foz do Miñor, onde se concentran os problemas de contaminación fecal. Á esquerda, praia de Ladeira e Baiona e á dereita, Praia América. Fonte: Google Maps.

O sumidoiro fecal que afoga Praia América e a foz do Miñor

Científicos e colectivos veciñais e de mariscadoras denuncian os “dantescos” niveis de bacterias coliformes na auga da zona

Ata hai poucas décadas, a cadelucha, tamén coñecida como coquina (Donax trunculus) era un bivalvo ben abundante na foz do Miñor, na baía entre Nigrán e Baiona na que se enmarcan as praias de Ladeira, América e Panxón. Ata se celebraban festas gastronómicas de exaltación, onde se despachaban miles de quilos de marisco recollido por decenas de mariscadoras da zona. Hoxe, nas mesmas augas apenas quedan media ducia de mulleres faenando, porque da cadelucha non hai noticias desde a época na que se abriu a depuradora de Nigrán. A deficiente depuración converteu este espazo nun “sumidoiro a ceo aberto”, en palabras de Ricardo Beiras, catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo e membro do grupo de investigación Ecotox.

As análises constatan que toda a foz do Miñor ten un estado da auga "peor ca malo". Fonte: Ecotox.
As análises constatan que toda a foz do Miñor ten un estado da auga “peor ca malo”. Fonte: Ecotox.

Nos últimos anos, Beiras e o seu equipo, coa colaboración dos técnicos da confraría de Baiona, están a desenvolver mostraxes periódicas para estudar estes niveis de contaminación, que levaron a catalogar a foz do Miñor como Zona C. A Xunta de Galicia encargou entre 2017 e 2018 un estudo para investigar por que a cadelucha se esvaecera de Praia América, como en gran parte da zona. Había, canto menos, coincidencia no tempo entre o aumento de bacterias fecais e a apertura do emisario da depuradora de Nigrán. “Cando os mergulladores baixaron a ver onde estaba o problema, viron que o emisario estaba roto a menos de 500 metros de Praia América”. Un panorama que xa se atoparan os investigadores noutras importantes zonas de produción marisqueira, como na ría de Arousa á altura da Pobra do Caramiñal.

Alén destes dous puntos, as deficientes redes de depuración e saneamento causan constantes quebradeiros de cabeza ás administracións en Galicia, o que levou á Unión Europea a sancionar a España e advertir con novas medidas se non se soluciona un problema que acada enorme magnitude en lugares como a ría do Burgo, na Coruña.

“O marisqueo está reducido á mínima expresión. Cos niveis de coliformes que adoitan saír, cunha media de 20.000 UFC/100 g e picos de máis de 100.000, (cando o máximo en Zona B é de 4.600) o marisco ten que ir directamente a unha conserveira, co que se paga moito menos, xa que nin sequera é posible envialo a depuradora”, explica José A. Santiago, técnico da confraría de Baiona.

A problemática da contaminación, aínda que se coñece desde hai preto de 20 anos, non ten por agora visos de atopar solución, e tanto científicos como representantes da confraría denuncian que “non se está tomando en serio o tema”, a pesar de que organismos como o Intecmar definen o estado como “peor ca malo” nunha zona que está protexida como Rede Natura. Ricardo Beiras exemplifica o malestar ante a situación: “Pídennos informes e facémolos, identificamos os problemas e propoñemos solucións pero despois vemos que, alén de parches, non se fan os investimentos e as actuacións precisas para evitar estes vertidos”.

O nivel de bacterias fecais é tal que mesmo chegou a provocar a hospitalización de bañistas en Praia América en 2017 pola intoxicación con coliformes, con diarrea e vómitos. Aínda que o risco é maior no verán, pola maior presenza de persoas na zona, a contaminación esténdese ao longo de todo o ano. “Cando chove moito, a depuradora supera a súa capacidade e parte das augas pasan directamente sen ser tratadas, e chegan á foz con niveis dantescos”, explica Beiras.

Entre as solucións, aínda non acometidas, Beiras apunta cara á “mellora da rede de saneamento, moi en particular no Concello de Gondomar”. É un asunto complexo, xa que involucra á Xunta de Galicia e diversos municipios (Baiona, Nigrán e Gondomar), pois o problema de contaminación procede tamén de augas arriba, segundo expuxeron plataformas como Salvemos Monteferro (que levou o problema ante o Parlamento Europeo en 2011) e constatan os datos das análises realizadas polo grupo Ecotox: máis do 60% da contaminación vén achegada polo río Miñor, que xa amosa síntomas de contaminación antes da EDAR de Gondomar.


Máis información: Avaliación microbiolóxica do impacto das augas fecais na Foz do Miñor (2018). Ver en PDF nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.