Ás oito da mañá saímos dende o porto de Fisterra cara mar aberto. Ao chegar ao pantalán, un home saúdanos cun español con acento estranxeiro: é Brett McBride, líder dos pescadores e co-capitán do buque estadounidense Ocearch. Unha hora máis tarde alguén contaría que aquel home de aspecto tranquilo é o encargado de “capturar” aos tiburóns brancos e subilos á plataforma do barco para poder examinar a súa saúde. Porén, naquel momento o único no que se podía pensar era no frío e na néboa que cubría pouco a pouco as casas dos veciños desta vila mariñeira.
Contra o medo
Partimos nunha planadora co beneplácito do arroaz Confi: un par de xornalistas, un grupo de científicos e dous membros de Ocearch. Debuxada nas costas de McBride lín unha frase que escoitaría moitas veces horas máis tarde: “Os feitos por enriba do medo“. Esta especie de mantra guía aos membros da ONG dende que comezaron a súa aventura no ano 2007. Eles téñeno claro: a única maneira de preservar os océanos é dando a coñecer a importancia da vida que habita neles e, en particular, a función do Gran Tiburón Branco como o director dunha orquestra complexa, onde a acción do ser humano está a estragar unha melodía que leva millóns de anos soando.
Deste animal contáronnos moitas cousas, mais ningunha era certa. Entre a néboa divisamos as luces do Ocearch. Estamos a sete millas da costa, xusto enriba dunha plataforma continental de 300 metros de profundidade: é o sitio ideal para atopar ao gran branco (Carcharodon carcharias), xa que as chemineas submarinas empuxan os nutrientes cara á superficie. Onde queira que miremos, auga. O único que irrompe a soidade do buque é a compañía dalgunha pardela e das gaivotas.
Días antes, os distintos integrantes do buque anunciaban en Vigo o inicio dunha campaña para buscar poboacións de tiburón branco nas costas de España, Francia e Irlanda. A aventura comezaba onde todo remata, no final do noso mundo. Durante dous meses percorrerán as augas do Cantábrico e o Atlántico coa intención de capturar por primeira vez un exemplar desta especie na outra cara do océano que compartimos. O obxectivo principal, din, é concienciar á poboación sobre a importancia do gran branco, do cal depende a saúde da vida mariña, e dar a coñecer a incrible beleza dun animal ao cal nunca comprendemos.
Cruzar o Atlántico nunha misión vital para a preservación
A tripulación traballa nos preparativos para a que será a primeira xornada de exploración da ONG en augas do Atlántico este. A expedición “Save the Med“, a número 46 do buque, comezou hai case un mes cando decidiron cruzar o océano dende os Estados Unidos co obxectivo principal de entender cal é a situación deste emblemático animal no mar mediterráneo. Trátase dunha tarefa difícil, explican, pero a experiencia avala ao equipo do Ocearch: os máis de 400 animais mariños identificados e rastreados amosan a capacidade dos integrantes deste buque para traballar nunha contorna complexa, onde a climatoloxía e o medio deciden moitas veces por eles.
Agora emprenden unha nova viaxe, pero cun mesmo obxectivo: ser capaces de “capturar” polo menos un espécime deste tiburón para estudar a súa saúde e avaliar a súa vulnerabilidade, nesta ocasión nas nosas costas. “Para nós o máis importante é o benestar do animal, de modo que sempre tentamos que este proceso sexa o menos invasivo e estresante posible”, explica a líder científica de Ocearch, Harley Newton. Unha vez que os veterinarios realizan as probas e “insertan” na aleta do tiburón o xeo localizador que lles permitirá rastrear os seus movementos, devólveno ao mar.
Algunhas imaxes doutras expedicións de Ocearch:
Tiburón branco… en Galicia?
Do gran branco aínda se descoñece moito, como por exemplo cal é a súa distribución xeográfica real. Segundo comentan os científicos a bordo do Ocearch, hai rexistros de avistamentos do Carcharodon carcharias tanto na costa do levante como nas Illas Baleares. No ano 2021 a aparición deste animal na dársena de Punta Langosteira (A Coruña) deixou claro que a posibilidade de que o tiburón branco estivese cada vez máis presente nas nosas augas xa non era pura especulación. O seu metabolismo e as súas características físicas failles manter o corpo máis quente que a auga que os rodea malia ser animais de sangue frío, o cal podería permitirlle a esta especie vivir en zonas hostís para outros tipos de tiburón.
A gardería dos tiburóns brancos podería ser o mediterráneo
Pablo García-Salinas, investigador no Oceanogràfic de Valencia, é un dos integrantes do equipo científico que vai formar parte da expedición Save the Med durante a campaña do Ocearch en España. Segundo García-Salinas, a principal hipótese que manexan para explicar a presenza do tiburón branco nas augas do mediterráneo é que as femias poderían empregar esta zona do mundo como unha especie de gardería. As augas do mediterráneo, moito máis tranquilas e recollidas, son un lugar moi interesante para que esta especie deposite os seus ovos.
Porén, ata o día de hoxe non se atopou a ningunha femia embarazada (os ovos permanecen dentro do corpo da nai mentras os embrións van crecendo), e iso é precisamente o obxectivo principal destes científicos: atopar a un tiburón branco que se atope nese estado, ou atopar exemplares xuvenís desta especie nas costas do Atlántico: “Isto daría moita forza á nosa hipótese, e sería unha chamada de atención de cara a protexer todo o posible estas costas”. O máis probable, din, é que estes tiburóns abandonen o mediterráneo e vaian cara as nosas costas buscando alimento, principalmente focas e golfiños.
Ao mesmo tempo, a especial vulnerabilidade do mar mediterráneo, que actualmente se atopa nunha situación moi grave debido á sobrepesca e a contaminación, estaría afectando de maneira crítica ao tiburón branco: “Este animal atópase na cima da cadea alimenticia. Todo o que afecte ás especies que se atopen por debaixo vai ter unha consecuencia para el”, engade outro dos investigadores do equipo.
Colaboración internacional
A xornada vaise desenvolvendo ante a expectante mirada dos científicos que soben por primeira vez ao Ocearch. O buque ten como norma colaborar cos científicos da zona onde fan cada expedición: “Eles son os maiores expertos nas súas augas”, explica Newton. Durante o tempo que dure Save The Med e nos anos posteriores, os datos que recollan dos tiburóns brancos empregaranse en máis de trinta proxectos de investigación, cada un deles centrado en aspectos distintos desta especie: no caso de España cóntanse ata 13 proxectos, liderados por institucións punteiras como o Oceanográfic de Valencia, o Instituto de Ciencias do Mar (CSIC, Barcelona), o CIBIO (Universidade de Alicante), a Universidade de Las Palmas de Gran Canaria, a Universidade de Cádiz ou o centro AZTI no País Vasco.
Unha soa picada, todo o que precisamos
Os investigadores españois centraranse en aspectos como a reprodución do tiburón branco, o seu microbioma, os parasitos que conviven coa especie, a dieta destes animais ou, incluso, como está a afectar a contaminación do ser humano á súa saúde: “Só precisamos unha picada. Con un só espécime aumentaríamos moitísimo a comprensión que temos na actualidade do tiburón branco no Mediterráneo e o Atlántico”. Para a totalidade dos investigadores, “poder subir neste buque e facer investigación da man desta xente experta na captura do tiburón branco é algo único e que non poderíamos facer doutro xeito”, contan.
Cando se estreou a película Tiburón, feita no ano 1975 e dirixida por Steven Spielberg, a conmoción foi xigante para moitos. O realismo das escenas gravadas, xunto coa elección dun animal cunha fisionomía impactante, levou á creación dunha imaxe do tiburón branco como “máquina de matar humanos” que aínda perdura a día de hoxe. Aínda así, comenta García-Salinas, “Tiburón motivou a unha cantidade inimaxinable de persoas ao estudo desta especie incrible: é algo que sabemos, porque a comunidade de científicos que nos dedicamos ao seu estudo é relativamente pequena”.

A vulnerabilidade dunha especie considerada irredutible
Mais tamén hai parte negativa. O descoñecemento e o medo levaron no pasado á caza masiva deste animal, o cal está considerado a nivel mundial como unha especie vulnerable. Ademais, os aceites que se atopan no fígado do tiburón emprégase moi a miúdo na cosmética: “Se a túa crema da cara leva escualeno, agora xa sabes de onde sae”, explican os investigadores. En outras ocasións, a pesca accidental tamén termina matándoos, e o mercado negro trafica con estes animais en zonas como a costa norte de África.
A maioría da xente ten unha visión negativa deste animal, e a mitoloxía ao redor do tiburón branco non axuda a mudar esa percepción. Aínda así, os datos amosan xusto o contrario: na totalidade dos reportes de ataques de tiburón branco, a morte das persoas prodúcese por perda de sangue, o cal é terrible, pero tamén nos di que non somos o seu prato preferido. Se vemos ataques a outros animais mariños como as focas, entendemos que o tiburón branco non erra: “No caso dos ataques a humanos, o máis probable é que se achegasen por curiosidade. O mellor que nos pode pasar se sufrimos un accidente no mar e aparece un tiburón deste tipo é ter unha ferida aberta e que cheiren o noso sangue. Desta forma, non estarán interesados en nós dende o primeiro momento”, explican os investigadores.
Aínda que na actualidade a pesca do tiburón está prohibida na maioría dos océanos e mares do planeta, estímase que cada ano morren ata 100 millóns de tiburóns de todas as especies pola acción do ser humano: “Mentras estamos falando, cada minuto que pasa, morren 160 tiburóns no mundo”, engade García-Salinas. Miro a taza de café que teño entre as mans, cun debuxo dun tiburón branco e a aleta caudal a modo de asa. Estremezo.
Chris Fischer, unha vida adicada á conservación
Toda a historia de Ocearch débese, en parte, a un home: Chris Fischer leva toda a súa vida vencellado ao mar. Pescador, documentalista da National Geographic e agora, gran defensor do tiburón branco. Sentado frente ao mar, coa cabeza tapada cun sombreiro Panamá marrón e lentes escuras, comeza a lembrar vivencias que recordan ás aventuras de Jacques Cousteau. Os que nos atopamos xunto a el escoitamos atentamente, sempre pendentes de calquer aviso que dea a entender que o gran branco está preto do buque.
Segundo Fischer, a súa vida cambiou cando se atopaba gravando un documental na costa de Alaska e o equipo decidiu involucrar a uns científicos, os cales lle deron unha motivación máis que suficiente para plantexarse a súa vida: “Se os tiburóns seguen morrendo, non haberá peixes no futuro, nin para comer nin para investigar”. A preservación converteuse no seu motor vital. “Ocearch é a aventura máis grande da miña vida”, di.
O principio, recorda, foi difícil. Manter a ONG a flote costoulle máis dunha perda a nivel persoal: “Non tiña opción. En realidade, ninguén a ten. Todo o mundo debería pensar no seguinte: eu non quero que chegue o día no que o meu neto me diga: “Por que me deixaches sen nada? Por que a vida é máis complexa agora?” Temos que movernos xa, xuntos, e na dirección axeitada, para que no futuro eles poidan dicir que os seus avós foron a xeración que logrou que o mediterráneo e outros mares voltasen a ser os mesmos que foron no pasado”.
Hai solución
E pódese facer. Segundo Fischer, as costas dos Estados Unidos están agora máis vivas grazas ás medidas de preservación da natureza e, especialmente, do gran tiburón branco. Os pasos son sinxelos: “O primeiro é prohibir a caza do tiburón e perseguir a quen a siga practicando. O segundo, prohibir a pesca de arrastre. Despois hai que acoutar o tamaño dos peixes que forman parte da dieta principal deste tiburón. Precisamos que os grandes exemplares de bonito, por exemplo, non se poidan pescar, xa que son os que maior capacidade reprodutiva teñen. Finalmente, hai que protexer a pesca masiva dos pequenos peixes que son alimento do alimento: se os bonitos morren, o tiburón tamén”.
A principal motivación para facelo xa non é preservar a un animal marabilloso e do cal aínda gardamos moitas incógnitas. Os tiburóns son os encargados de manter a saúde dos mares e dos océanos, gardando o equilibrio da cadea trófica. “O noso futuro depende deste animal”, comenta Fischer. Ao noso redor, tintoreras, baleas e golfiños achéganse curiosos ante a expectación da xornada. “Este mar aínda ten moita vida“.
Chegamos ao porto de Fisterra pola tarde, de novo coa compañía de Confi. Aquel día non capturamos ao gran branco, pero quedounos unha cousa clara, e é a importancia e o valor da xente que adica a súa vida a coñecer máis deste animal. Ben sexan mariñeiros, científicos ou xente extraordinaria como Fischer, o futuro dos nosos mares está de seguro protexido se vén da man dos gardiáns do tiburón branco.