Publicidade

A Sociedade de Historia Natural denuncia que os trofeos de caza de raposo vulneran a lei

Diante da celebración, esta fin de semana, dos campionatos provinciais de caza do raposo organizados pola Federación Galega da disciplina, que están xerando protestas de colectivos animalistas e ecoloxistas, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) anunciou este mércores a presentación dun escrito de protesta ante a Consellería de Medio Ambiente  pola vulneración da Lei 13/2013 de caza de Galicia“, manifestando o seu “rexeitamento” á celebración destas actividades.

Tal e como recorda a lei, no seu artigo 1, esta norma “ten por obxecto regular o exercicio da caza na Comunidade Autónoma de Galicia coa finalidade de protexer, conservar, fomentar e aproveitar ordenadamente os seus recursos cinexéticos de xeito compatible co equilibrio natural e cos distintos intereses afectados”. Porén, para a SGHN, “a celebración indiscriminada destas actuacións en nada fomentan os recursos cinexéticos e o medio natural”.

Publicidade

No mesmo sentido, a entidade ecoloxista expón que, ata onde lle consta, “a Xunta carece de datos propios que avalíen as densidades dos raposos tanto a nivel local como a nivel global galego”. E engade que “solicitou á Xunta información sobre este extremo, que estudos ten desenvolvido, de que ano, autores e tendencia das poboacións desta especie”.

“Papel sanitario” do raposo no medio natural

No marco desta situación, a entidade defende tamén “o papel sanitario” do Vulpes vulpes no medio natural, “controlando as poboacións de pequenos vertebrados, que poden ser prexudiciais para o ser humano e axudando a manter o equilibrio ecolóxico, e eliminando restos de animais mortos que poden resultar focos de enfermidades para a fauna silvestre”.

Publicidade

A isto hai que engadir, subliña a SGHN, “a parte ética dunha caza, presuntamente deportiva, que simplemente é matar por matar, sen ningún tipo de aproveitamento, pois a diferencia doutras especies, o raposo non ten interese culinario. Non se pode entender como deporte unha actividade que conleve a morte gratuíta de calquera especie e que ademais incide negativamente no equilibrio ecolóxico e indirectamente na saúde das persoas”, conclúe o comunicado da sociedade.

Resposta da Federación Galega de Caza

Respecto as críticas dos últimos días, a Federación Galega de Caza, que en Galicia conta con arredor de 20.000 afiliados, difundiu de novo un comunicado no que defende estas prácticas como unha medida de “control poboacional da especie para garantir as súas óptimas densidades no ecosistema actual”, un escenario “no que a presenza do home o modifica e no cal se precisa o control de determinadas especies como por exemplo o corzo, o xabaril e neste caso o raposo en beneficio de outras especies silvestres”. Unha visión que choca coa da SGHN, que sostén que “a celebración indiscriminada destas actuacións en nada fomentan os recursos cinexéticos e o medio natural”.

A agrupación de caza sostén o seu argumento en que “a xestión das especies silvestres conleva numerosas actuacións encamiñadas a manter as poboacións en equilibrio co medio no que se atopan e o control sanitario”, aludindo a problemas como a posible transmisión de doenzas a outras especies.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Quiñón, serventía, choupín… Unha escolma de termos para reivindicar a ciencia en galego

A UVigo publica un mini-dicionario de palabras enxebres relacionadas co ámbito xurídico, medio ambiental e micolóxico

O proxecto da UVigo que aposta pola pesca sostible do bonito a través da innovación

A iniciativa, liderada dende o País Vasco, promove prácticas pesqueiras responsables e respectuosas co medio ambiente

A desaparición da ostra salvaxe en Galicia revela a deterioración do leito mariño

Un equipo europeo con participación do IEO de Vigo elabora o rexistro máis completo sobre a antiga extensión da especie bentónica nun estado silvestre

‘Come san, come sostible’: o xogo da USC para aprender a coidar a saúde e o medio ambiente

Un equipo de Santiago deseña un novo recurso didáctico para alumnado de Primaria baseándose na alimentación e na pegada de carbono