Lapislázuli atopado durante a investigación que publica Science.

As manchas nos dentes dunha monxa que resultaron ser lapislázuli

Unhas manchas azuis nos dentes dunha monxa do Medievo resultaron ser unha pedra preciosa: o lapislázuli. Este achado intrigante ten fondas consecuencias para a historia da Idade Media e pode demostrar algo que non está na historiografía máis común: as mulleres tamén se encargaban de decorar os códices medievais.

O lapislázuli incrustado na placa dental calcificada dunha muller do Medievo suxire que podería tratarse da primeira escribana e pintora de manuscritos iluminados xamais atopada. Este achado non só desafía a crenza de que unicamente os homes ilustraban eses textos, senón que tamén revela a sorprendente historia dunha muller relixiosa que viviu na Alemaña rural hai máis de 900 anos.

Durante a época medieval en Europa, os manuscritos iluminados foron obras creadas para ser utilizadas polos membros das institucións relixiosas e a nobreza. Xeralmente, estes textos caracterízanse por estar acompañados de bordos, miniaturas e letras capitais embelecidas, nalgúns casos, con pinturas e pigmentos luxosos como as láminas de ouro e prata ou o ultramarino.

Incrustación fosil de lapislazuli analizada.

Ata agora, este desempeño artístico fora exclusivamente asociado aos homes da época. Con todo, un estudo publicado en Science Advances suxire que as mulleres tamén puideron participar de xeito activo na elaboración destes manuscritos.

Esta nova formulación histórica apóiase no achado de pigmentos de lapislázuli –un mineral de cor azul intensa empregado en pintura e ornamentación– incrustados na placa dental calcificada da mandíbula dunha muller de hai máis de 900 anos, que foi atopada e analizada polos investigadores do Instituto Max Planck para a Ciencia da Historia Humana (Alemaña) e a Universidade de York (Reino Unido), entre outros.

Segundo afirman os expertos, este descubrimento inesperado dun pigmento tan valioso na boca dunha muller do século XI na Alemaña rural non ten precedentes, pois podería ser un indicio directo da implicación da muller na creación destes manuscritos.

A placa dental foi achada en 2014 nun antigo cemiterio dun mosteiro medieval de mulleres relixiosas localizado en Dalheim, Alemaña central.

Aínda que son poucos os rexistros que quedan deste mosteiro, estímase que esta comunidade de mulleres se formou durante o século X. Os primeiros escritos coñecidos do mosteiro datan de 1244 d. C. e suxiren que albergou aproximadamente 14 mulleres desde os seus inicios, ata que foi destruído nun incendio durante unha batalla no século XIV.

Incrustacións de lapislázuli.

Sergún explica Christina Warinner, principal autora do estudo do Instituto Max Planck, case ningún elemento do mosteiro sobrevive na actualidade. “Sen arte, sen libros, case sen artefactos. Incluso o edificio está en gran parte destruído. Todo o que queda hoxe son os alicerces e un cemiterio”, comenta a investigadora.

Warinner e o seu equipo comezaron a analizar os restos atopados no cemiterio co fin de investigar os hábitos alimenticios e o estado de saúde das persoas na idade media. As primeiras observacións estimaron que esta mandíbula pertencía a unha muller que se atopaba entre os 45 e 60 anos de idade no momento da súa morte, que tivo lugar entre 1000 e 1200 d. C.

Ademais, non se identificou ningunha patoloxía no esqueleto, nin evidencias de trauma ou infección no corpo. Con todo, ao estudar máis a fondo os restos comezaron a observar que esta muller tiña máis historia que contar. A colíder do estudo, Anita Radini, da Universidade de York, lembra que foi “unha verdadeira sorpresa ver como, a medida que o cálculo se disolvía, este liberaba centos de pequenas partículas azuis”. “Descubrimos o pigmento azul no cálculo dental por accidente. En realidade estabamos a realizar un estudo dietético e buscando grans de amidón e pole. Unha vez que o atopamos, tratamos de identificar o que era, e logo, o que significaba”, engade Warinner.

Mediante varias técnicas puideron determinar que estas partículas proviñan do lapislázuli. “Examinamos moitos escenarios posibles nos que este mineral podería incrustarse no cálculo (sarro e placa acumulados nos dentes e fosilizados co paso do tempo) dos dentes desta muller”, comenta Radini.

“Baseándonos na distribución do pigmento na súa boca, concluímos que o máis probable era que ela mesma estivese a pintar co pigmento e lambendo o extremo do pincel mentres pintaba”, afirma a coautora do estudo, Mónica Tromp do Instituto Max Planck.

Poderíamos estar ante unha evidencia directa das mulleres como ilustradoras de códices medievais

En definitiva, esta podería ser “unha evidencia directa dunha muller, non só pintando, senón empregando un pigmento moi raro e caro, e nun lugar moi apartado. A súa historia podería permanecer oculta para sempre sen o uso destas técnicas e faime preguntarme cantos outros artistas poderiamos atopar nos cemiterios medievais se mirásemos con máis atención”, segundo explicou Warinner.

O pigmento lapislázuli, tamén coñecido como pigmento ultramarino, foi un dos materiais artísticos máis caros da Idade Media europea. Moído e refinado a partir da pedra lapislázuli, a cor utilizouse para representar os ceos e as vestiduras da Virxe María.

O emprego deste pigmento e a súa pedra, xunto co do ouro e a prata, foi reservado aos máis expertos. “Só lle confiaban o seu uso aos escribanos e pintores cunha habilidade excepcional”, sinala Alison Beach, historiadora do proxecto e investigadora da Universidade Estatal de Ohio (Estados Unidos).

Desde a súa orixe nas minas de Badakhshan en Afganistán, o lapislázuli comercializábase por terra a cidades do Levante e Exipto, desde onde se enviaba a Venecia, o principal porto de entrada a Europa.

Tendo en conta estes datos históricos, os expertos deducen que o lapislázuli analizado neste estudo viaxou máis de 6.000 quilómetros para chegar ata o seu destino final, naquela pequena comunidade relixiosa de mulleres en Alemaña.

“Esta muller estaba conectada a unha vasta rede comercial global que se estendía desde as minas de Afganistán ata a súa comunidade na Alemaña medieval, pasando polas metrópoles comerciais do Exipto islámico e a Constantinopla bizantina.

A crecente economía da Europa do século XI espertou a demanda do precioso e exquisito pigmento que viaxou milleiros de quilómetros a través de caravanas e barcos de comerciantes antes de servir á ambición creativa desta muller artista”, explica o historiador e coautor Michael McCormick, da Universidade de Harvard.

Aínda que é sabido que Alemaña foi un centro activo de produción de libros durante ese período, foi particularmente difícil para os historiadores identificar as contribucións das mulleres por aquel entón. En gran parte esta complexa procura debeuse principalmente á ausencia da firma dos artistas que omitían o seu nome nas obras como signo de humildade.

“Agora podemos ter unha nova maneira de identificar os artistas no rexistro arqueolóxico. Sospeito que isto pode dar lugar a bastantes sorpresas sobre a historia da arte, tanto na Europa medieval como noutros lugares”, conclúe Warinner.

Referencia bibliográfica: 

Warinner, C. et al. “Medieval women’s early involvement in manuscript production suggested by lapis lazuli identification in dental calculus”, enero 2019, Science Advances, DOI: http://advances.sciencemag.org/content/5/1/eaau7126

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.