Venres 29 Marzo 2024

Sementes galegas na Arca da Fin do Mundo

O búnker do Banco Mundial de Sementes, situado nas illas Svalbard, no Ártico, acolle tamén variedades típicas de Galicia

Un búnker nas illas Svalbard, no Océano Glacial Ártico, garda o maior banco de sementes do planeta Terra. Alcumado ‘A arca da fin do mundo‘, foi construido polo goberno de Noruega no ano 2008 e conta co apoio de institucións científicas de varios países, ademais da FAO, a axencia alimentaria das Nacións Unidas.

Neste lugar afastado, nun arquipélago boreal onde viven menos de 3.000 persoas, hai xa almacenadas máis dun millón de variedades distintas de sementes. E algunas delas son propias de Galicia. Especies endémicas do país galego poderían así recuperarse nun futuro, cumprindo a misión desta ‘Arca de Noé‘ construida para resistir grandes cataclismos.

Publicidade

Porque a Cámara Global de Sementes non é un banco xenético ao uso ao que poidan recorrer os investigadores. Foi creado para que os bancos xenéticos de todo o mundo almacenen nel mostras das súas coleccións de sementes e dese xeito poidan replicar as que se perdan como consecuencia de conflitos bélicos, actos terroristas ou catástrofes naturais.

En Pontevedra hai un importante Banco de Xermoplasma situado na Misión Biolóxica de Galicia, pertencente ao CSIC, que almacena especies autóctonas. Pero o concepto é distinto… A arca do Ártico ten consideración de derradeiro recurso mundial.

Xa no ano 1984, Noruega creou o Banco Xenético Nórdico de Agricultura e Horticultura que se inaugurou en 1984 nunha explotación mineira en desuso. Pero, tras a aprobación do Tratado Internacional sobre os Recursos Fitoxenéticos para a Alimentación e a Agricultura (TRFAA), que entrou en vigor en xuño do 2004, apareceu a idea de facer un gran depósito internacional de sementes.

A construción do Banco Mundial de Sementes custou uns 9 millóns de dólares, que asumiu Noruega. No seu décimo aniversario en 2018 elaborouse un proxecto de mellora que inclúe un novo túnel de acceso e outro edificio para unidades refrixeración.

A única institución que ata agora reclamou sementes depositadas en Svalbard foi Siria no 2015, por mor da guerra no país. O International Center for Agricultural Research in the Dry Areas (ICARDA) de Alepo acollía 148.000 variedades adaptadas a zonas áridas, pero o conflito fixo que o almacén quedara totalmente destruído. Por sorte, enviara un 80% de duplicados das súas mostras ao banco de Svalbard.

Estrutura interna do búnker do Banco de Sementes de Svalbard.

E que sementes propias de Galicia poderíamos atopar nesta grande Arca de Noé? A realidade é que ningunha institución de España colabora diretamente co Banco Mundial de Sementes noruegués. Pero outras institucións botánicas internacionais recolleron mostras na península Ibérica, algunhas delas galegas. E remataron aquí, porque todos os anos se reciben novos envíos, o último a comezos de febreiro de 2020, cando entraron no Banco vellas sementes do trigo dos indios Cherokees, por exemplo.

Nas Svalbard, poderíamos atopar por exemplo o noso toxo, o Ulex europaeus, do que se conservan 517 sementes nos silos do banco á temperatura habitual de -18 graos.

Para buscar especies características de Galicia empregamos o buscador da web do propio biobanco. E, seguindo ao gran investigador botánico galego Francisco Javier Silva Pando, no seu estudo de 2008 ‘As plantas endémicas e subendémicas de Galicia‘, podemos unha ducia de especies que conforman moitas paisaxes de Galicia. Un exemplo é a Poa pratensis,  cuxo nome traducido do latín queda claro: ‘herba dos prados’. En Svalbard hai 11.200 sementes, aínda que non está unha das subespecies que tamén aparece en Galicia: a legionensis galega.

Na provincia de Lugo, na area dos ríos e regatos, podemos atopar a Lysimachia vulgaris L.  da que se conservan 500 sementes no banco de Noruega. Tamén outra herba dos prados de montaña de Lugo e Ourense, a Potentilla recta, da que hai outras 500 sementes en Svalbard.

Acceso á Arca da Fin do Mundo nas illas Svalbard.

De Lotus angustissimus hai 2.000, sementes, aínda que non da variedade latifolius descrita polo eminente botánico galego Baltasar Merino, quen tamén atopou outra planta de pantanos e pastizais galego, a Euphorbia exigua. En Svalbard poderíamos recuperar a Dianthus lusitanus, planta de solos ácidos e granítico como os galegos, ou o Antirrhinum meonanthum, amiga de medrar fisuras de rochas e paredes calizas e atopada en Lugo.

Tamén poderíamos recuperar no banco mundial de Noruega plantas medicinais típicas de Galicia como a Anthyllis vulneraria coa súa capacidade para cortar hemorraxias e de cicatrizar feridas. Ou a Rumex acetosa, que medra en prados e na beira dos ríos e ben coñecida en Galicia como Aceda o Herba acedeira, que resulta deliciosa en ensaladas polo seu peculiar sabor ácido.

Así que nun búnker no Océano Glacial Ártico hai un banco que conserva o tesouro vexetal da nosa Terra. E con el algunhas especies de plantas que poderíamos recuperar en caso de cataclismo. E, por se alguén ten curiosidade, a resposta é afirmativa: si, tamén teñen sementes de eucalipto, en concreto das súas variedades Eucaliptus grandis e Eucaliptus largiflorens. Aínda que para moitos o cataclismo neste caso sería reimprantalos…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.