Parecen só uns pequenos bechos que se moven polo chan, pero son moito máis. As miñocas de terra son compoñentes clave dos ecosistemas dos solos, xa que realizan funcións esenciais para a descomposición e o ciclo de nutrientes que é a base destas comunidades. Cómpre, por tanto, coñecer ben a súa distribución, diversidade, abundancia e biomasa para comprender mellor o papel que xogan. Ese é o traballo que realizou durante anos un equipo de 140 científicos de todo o mundo, coordinados polo German Centre for Integrative Biodiversity Research (iDiv), que analizou a situación das miñocas en todo o planeta, incluíndo diversos datos ambientais.
No artigo, que publica hoxe Science, participan tamén tres investigadores da Universidade de Vigo: a catedrática de Ecoloxía e Bioloxía Animal María Jesús Iglesias Briones, experta internacional na biodiversidade do solo; e Raúl Piñeiro e Javier Rodeiro Iglesias, da Escola de Enxeñaría Informática de Ourense.

Os expertos compilaron a maior base de datos de miñocas no mundo, que inclúe 6.928 localidades de 57 países. A maior diversidade local e a maior abundancia e biomasa destes animais atópanse en rexións temperadas como Europa, o norte de Estados Unidos e Nova Zelandia, segundo o estudo.
Impacto do cambio climático nas miñocas
“Atopamos que as precipitacións e a temperatura son os factores ambientais que máis inflúen na distribución global das miñocas, polo que é de esperar que o cambio climático provoque cambios drásticos nas comunidades destes animais”, explica Mónica Gutiérrez, investigadora do grupo de Zooloxía do Solo da Universidad Complutense de Madrid, segundo recolle a Axencia Sinc.
As miñocas de terra son consideradas enxeñeiras dos ecosistemas e prestan importantes servizos que non foron adecuadamente valorados pola sociedade: mesturan compoñentes minerais e orgánicos do solo, aceleran os ciclos de nutrientes facéndoos máis accesibles para as plantas, melloran a retención de auga, contribúen á dispersión das sementes e aumentan a fertilidade dos solos.
“Son o grupo de animais máis importante para a biomasa nas zonas temperadas”
“As miñocas son o grupo de animais máis importante para a biomasa nos solos de zonas temperadas (pode haber máis biomasa de miñocas que de mamíferos). Toda esta biomasa é a base de alimentación doutros animais como moitas aves e pequenos mamíferos”, apunta Juan B. Jesús, tamén investigador do grupo de Zooloxía do Solo da Complutense.
Segundo o estudo, a súa abundancia media por metro cadrado a escala global é de 78 individuos e a biomasa pode chegar a ser de ata dous quilos nalgúns puntos concretos. É por iso que os expertos cualifican de “motivo de preocupación” a forte relación entre as variables climáticas e as comunidades de miñocas, xa que o clima continuará cambiando debido ás actividades humanas durante as próximas décadas.
“Isto afectará as funcións e os servizos que estes animais desempeñan no ecosistema producindo un efecto fervenza sobre outros organismos como os microorganismos, os insectos ou as plantas”, aseguran.
Protección
Ademais, os científicos advirten de que as áreas protexidas poderían non estar a cumprir a súa función no caso das miñocas. A biodiversidade é un elemento esencial á hora de definir espazos protexidos como os parques naturais, entre outros. O solo segue sendo a gran caixa negra no estudo desta biodiversidade e non se tivo en conta para as políticas de conservación.
Referencia: Global distribution of earthworm diversity (Publicado en Science).