Martes 16 Abril 2024

As salinas do Ulló en 3D: un proxecto pon en valor a súa historia e biodiversidade

O Concello de Vilaboa e o CSIC desenvolven unha páxina web e tres puntos de visión de realidade aumentada sobre o patrimonio natural

As salinas do Ulló e Larache, en Vilaboa, son o maior complexo salineiro que se conserva en Galicia. No século XVIII, cando os xesuítas foron expulsados de España, as salinas abandonáronse. Agora, o concello acaba de desenvolver un proxecto de valorización deste espazo dirixido polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) para a “promoción dun turismo sostíbel e de calidade e á vez como un medio cultural ancorado na historia e a identidade local” a través dunha páxina web e sinalización informativa no lugar, así como tres puntos de visión de realidade aumentada.

“O proxecto non se limitou ás antigas salinas, senón que abordou a valorización da transformación da enseada do río Ulló ao longo do tempo. Entre os séculos XVII e XVIII, nun momento no que hai un incremento na demanda de sal, constrúense varias salinas xunto á desembocadura do río Ulló e na enseada de Larache. A explotación do sal neste lugar da ría de Vigo non tivo moito éxito e en pouco tempo as salinas foron abandonadas“, explican dende o CSIC. Un século máis tarde, contruíuse no lugar un muíño que funcionaba coa forza das mareas e que na actualidade está practicamente desaparecido. Xunto co fondo da ría de Vigo, as salinas do Ulló e Larache están incluídas dentro da Rede Natura 2000 como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais da Unión Europea. 

Publicidade

Reconstrución virtual das Salinas. Fonte: salinasdoullo.gal

O litoral de Galicia, dende a Idade Media, converteuse nun espazo altamente produtivo para as salinas, xa que permitía a conservación dos alimentos. No complexo das salinas de Ulló creouse un gran estanque rectangular artificial a partir dunha enseada natural do fondo da ría. Existía unha zona de almacenaxe, onde a auga permanecía estancada. Unha vez acadaba o nivel de concentración axeitada, trasladábase á zona de evaporación. Despois, a temperatura da auga aumentaba ata os 22º graos ou 24º graos e cristalizábase. Eran os marnotos ou os mestres salineiros os que realizaban este labor de maneira manual, empregando angazos, padiolas, carretas, rolos e pas. Aínda se conserva unha gran habitación, a granxa das salinas, que foi o lugar de administración do negocio. O edificio aínda conserva a súa monumental lareira e pode visitarse.

A granxa das salinas. Fonte: salinasdoullo.gal

Bosques de ribera

Algúns hábitats presentes nestas salinas teñen unha prioridade máxima ao estar protexidas pola normativa europea. Os principais son a zona intermareal de lama, as marismas e os bosques de ribeira. Están situados en áreas diferentes e nalgúns deles hai condicións cambiantes en cada marea. Os movementos bruscos de auga no fondo da ría fan aparecer lamas. Na zona mariña e intermareal medran pasteiros acostumados á salitre da auga, son as chamadas marismas e xunqueiras. Ao redor da marisma levántase un bosque aluvial composto por unha mestura de árbores como o amieiro e o freixo. Agora, durante a primavera, os montes cóbrense das flores das uces, toxos e queirogas, aínda que tamén existen especies invasoras, como pode ser o eucalipto, que poñen en perigo as especies autóctonas.

Bosque de ribera. Fonte: salinasdoullo.gal

Fauna e Flora

Estudos científicos detectaron máis de 300 especies de seres vivos que aquí residen, tanto na auga como na terra, e 69 están protexidas. Unha das especies presentes neste lugar son as chamadas leitugas no mar, unha alga con propiedades culinarias que medra nas rochas, na area ou sobre outros seres vivos. Tamén medra a ‘xesta das vasoiras‘, que, como indica o propio nome, se empregaba antigamente para facer vasoiras. Entre as árbores destaca o castiñeiro, que outorgaba alimento a humanos e animais. Ao pé deles e dos amieiros e freixos medra a xirbardeira, que ten un froito vermello cunha planta que é un antiinflamatorio. Confúndense ás veces co acivro.

Nesta zona mariña conviven mexillóns, lapas e arneiróns, animais que son capaces de vivir fóra da auga durante un tempo pegados ás rochas, ademais, son un indicativo da saúde do mar. Tamén no interior e entre os insectos atopamos moluscos, lesmas, caracois e anélidos. A Señoriña dos Brañais é unha especie de bolboreta de alas alaranxadas, que comparte voo neste lugar co abellón europeo autóctono e coas velutinas.

Salinas do Ulló. Fonte: Concello de Vilaboa.

Xa dentro do mar atópanse os muxos, a ra ibérica, a ra de Santo Antón, O sapo corriqueiro, as píntegas e a pintafontes; é común ver na ría de Vigo o arroaz, que amosa as súas costas na superficie da auga; as lontras, un mamífero de catro patas chegan ás salinas buscando cangrexos, peixes e invertebrados; e aves como as gaivotas, corvos mariños e patos. E por último, pero non menos importante, un mamífero que en ocasións pode achegarse á marisma é o raposo. En definitiva, as salinas do Ulló conforman un gran espazo de atractivo turístico, agora con toda a información dispoñíbel para o visitante tanto en 3D dende calquera dispositivo móbil, como na propia contorna a través de códigos QR.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte

Un hidroxel permite cultivar células neurais para reparar lesións medulares

O material desenvolvido polo CSIC combínase con campos magnéticos, un avance na busca de novas terapias

Que fai a supercomputación galega nun xacemento exipcio de hai 3.500 anos?

O CESGA almacena nun repositorio seguro a información das campañas de escavación que se desenvolven na antiga cidade de Tebas