Un río atmosférico subtropical traerá chuvias intensas a Galicia na recta final do ano

O escenario aínda é incerto de cara á Noitevella, pero agárdase que o 2024 comece con influencia anticiclónica

Tempo solleiro e frío, pero sen trazo algún de chuvia. Ese é o resumo da Noiteboa e do día de Nadal en Galicia. Con todo, a influencia das altas presións comeza a debilitarse na última semana do ano e as precipitacións volverán con intensidade a partir deste mércores. Un río atmosférico de orixe subtropical alimentará as frontes do Atlántico, que impactarán en Galicia na segunda metade da semana, especialmente nas provincias occidentais. No que respecta á Noitevella, o escenario aínda é incerto. A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) agarda que entren novas frontes atlánticas moi activas entre o sábado 30 e o domingo 31. Porén, espérase que o 2024 arrinque con influencia anticiclónica, que se estendería durante a primeira semana do ano.

Todos os servizos de meteoroloxía concordan que este mércores 27 de decembro entrará por Galicia unha fronte moi activa e potenciada por un río atmosférico sutropical. Pode que as precipitacións xa cheguen este martes pero, en todo caso, serán chuvias débiles que adquirirán intensidade durante o mércores. Segundo explican dende Meteogalicia, a fronte chegará na segunda metade do día pola fachada atlántica e as precipitacións iranse estentendo polo resto do país conforme avance a noite. No que respecta ás temperaturas, manteranse estables e roldarán os 15 graos de máxima.

Publicidade

A fronte irá abandonando progresivamente Galicia durante o xoves, aínda que se esperan precipitacións nas primeiras horas da mañá. As chuvias iranse debilitando conforme avance o día, que estará marcado por ceos nubrados. O meteorólogo Samuel Biener prognostica que este xoves as precipitacións serán máis abundantes no sur de Galicia; unha tónica que continuará durante o venres. “Manteranse no noroeste, pero con tendencia a debilitarse”, indica o experto nun artigo publicado en Meteored. A AEMET concorda con esta previsión e indica no seu avance informativo que as precipitacións serán máis dispersas durante a xornada do venres.

O nivel de incerteza aumenta considerablemente coa chegada da fin de semana. “É probable que novas frontes atlánticas máis activas que a anterior percorran a península con precipitacións que serán máis abundantes no terzo noroeste e o extremo norte”, indican no documento publicado por AEMET. O tempo que vaia facer durante a Noitevella aínda non está de todo claro. Pode que sexa un día de transición entre as baixas presións e a recuperación da influencia anticiclónica. De ser así, e segundo expoñen en Meteogalicia, producirase un descenso das temperaturas.

Publicidade


DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ano novo, hábitos vellos: por que empezar é fácil e manter é difícil

O 1 de xaneiro funciona como un "interruptor psicolóxico" e parece máis doado imaxinar unha versión mellorada dun mesmo

Que é a crista atlántica e como afectará Galicia nos primeiros días de 2026

Unha borrasca chegará na primeira fin de semana do ano e traerá aire morno e chuvias intermitentes

Por que nos custa tanto cumprir os bos propósitos de Aninovo?

A neurociencia ofrece algunhas respostas que convidan a reflexionar sobre a dificultade de acadar as metas propostas para 2025

A unión da borrasca Aitor coa humidade do Caribe deixará acumulados de ata 200 litros

Toda Galicia está en alerta por intensas precipitacións, fortes refachos de vento e temporal marítimo