REGATA: A liga de investigadores galegos para unha auga limpa

Regata, este é o nome elixido para a recentemente constituída Rede Galega para o Tratamento de Augas, unha nova iniciativa na que se reúnen dez grupos de investigación das tres universidades galegas cun obxectivo común: aproveitar sinerxías na investigación sobre o tratamento de augas. En total son máis de 56 profesores e 117 investigadores que no período 2011-13 acadaron un financiamento de máis de 9 millóns de euros en proxectos estatais e europeos e en contratos con empresas. Agora teñen ante si numerosos retos, entre outros, a recuperación de recursos de augas residuais (auga, enerxía, produtos químicos, bioplásticos, fertilizantes…), a creación de sistemas máis eficientes en consumo e en produción de enerxía, a eliminación eficaz de microcontaminantes ou a minimización de emisións de gases de efecto invernadoiro ou compostos orgánicos volátiles (liberados pola queima de combustibles como gasolina, madeira… ou, simplemente, por disolventes, pinturas…).

Un dos retos é non depurar augas gastando enerxía excesiva que prexudique o medio ambiente

Para os promotores, “non resulta coherente” reducir a contaminación hídrica a costa de incrementar a atmosférica mediante emisións de gases de efecto invernadoiro (GHG) ou compostos orgánicos volátiles (VOCs). Por outra banda, debe asegurarse a calidade de auga en termos de macrocontaminantes pero tamén de contaminantes prioritarios que, aínda que en moi baixas concentracións, poden exercer efectos nocivos sobre o medio. Tampouco resulta viable, explican os expertos, atinxir unha calidade de efluente a costa de aplicar unha enerxía excesiva que, ademais, poda supoñer custes económicos inabordables.

Publicidade

Retos concretos

Por todo isto, a rede formúlase como retos concretos, entre outros, a recuperación de recursos de augas residuais (auga, enerxía, produtos químicos, bioplásticos, fertilizantes…), a creación de sistemas más eficientes en consumo e en produción de enerxía, a eliminación eficaz de microcontaminantes e compostos recalcitrantes e a minimización de emisións de GHG e VOCs.

A estrutura da rede comprende cinco bloques temáticos, complementarios, que van permitir abordar o campo de tratamento de augas baixo diferentes ópticas, cunha orientación pluridisciplinar e coherente. O primeiro bloque constitúeno cinco grupos que traballan en distintas tecnoloxías de tratamento, mentres que o segundo se corresponde con tres equipos cunha enorme experiencia en determinacións analíticas, especialmente referidas a compostos microcontaminantes e contaminantes emerxentes e prioritarios. O terceiro bloque aborda a xestión ambiental e o cuarto, de microbioloxía, estuda a evolución da ecoloxía microbiana en función das tecnoloxías consideradas, das condicións operativas e da natureza dos influentes. Finalmente incorpórase un quinto bloque sobre nanomateriais.

Publicidade

O profesor da Universidade de Santiago Juan M. Lema coordina toda a rede de investigadores

Coordinada polo profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan M. Lema, a rede conta coa participación de tres grupos de investigación da Universidade de Vigo: o grupo de Bioprocesos, dirixido por Ángeles Sanromán; o Laboratorio de Microbioloxía da profesora Teresa Pérez Nieto e  TeamNanoTech de Miguel A. Correa.“O noso papel céntrase en empregar a nanotecnoloxía para desenvolver novas estratexias para a detección de contaminantes emerxentes e tamén para eliminar calquera outro tipo de contaminante”, subliña Correa, quen en 2008 recibira o Premio Galicia de Investigación na categoría de mozos investigadores e agora lidera TeamNanoTech, un grupo de recente constitución (xaneiro 2013) do que forman parte dous investigadores permanentes, un investigador do SERGAS e seis estudantes de doutoramento.

Ampla experiencia

No caso do Laboratorio de Microbioloxía “podemos achegar unha experiencia moi ampla en estudos de diversidade microbiana e de caracterización, tanto de bacterias como de parasitos”, subliñou Pérez Nieto, ao que engadiu que “o feito de participar investigadores de moi diversos ámbitos fai que nos complementemos moi ben e se abarquen gran cantidade de campos”.

O terceiro grupo vigués na rede é o de Bioprocesos, un equipo de máis de vinte investigadores, que traballan en campos como a tecnoloxía medioambiental, a biotecnoloxía ou a química verde.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cambio climático: o pasado conta

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js O cambio climático actual é antropoxénico (de orixe humana). O consenso...

Un investigador da UVigo axuda a resolver un dos enigmas dos ciclos das idades de xeo

O achado, que emprega unha técnica analítica que permite datar rexistros paleoclimáticos ata hai 600.000 anos, axudará a prognosticar con maior precisión o clima futuro

A IA predí como será a vida dos pacientes de esclerose múltiple dentro de 10 anos

Investigadores galegos empregan as resonancias magnéticas dos pacientes para prognosticar a evolución da enfermidade autoinmune cunha certeza do 90 %

Este cranio de quen é? Como identificar restos humanos con imaxes de antes e despois da morte

Un investigador do CITIC desenvolve un sistema que axudará a mellorar a metodoloxía da superposición craniofacial