A produción de mel cae un 40 por cento pola seca e as velutinas

Factores climáticos e a propagación da praga da vespa velutina explican a caída dun 40% da produción de mel nos bosques galegos este ano, aínda que en zonas da provincia de Ourense a caída elévase ata o 80%, segundo datos facilitados pola Asociación Galega de Apicultura (AGA). O único sector que rexistra bos números e o da mel procedente de eucalipto (centrada na franxa costeira) que acadou niveis moi altos de produción nesta campaña. Porén, a produción deste tipo de mel so representa un 20% do total.

Xesús Asorey, portavoz de AGA, apunta que gran caída da produción en Ourense explícase sobre todo porque sufriu xeadas en primavera e seca durante o verán. Nesta provincia a incidencia da velutina é menor que nas outras aínda que este ano a praga xa chegou tamén a esta provincia. No resto de Galicia xa viña afectando á produción ao diminuír o número de colmeas de abella e, ademais, esta ano hai que sumar os efectos da seca que está a afectar a boa parte do territorio galego.

Publicidade

Os apicultores colocaron este ano 500 trampas eléctricas que demostraron a súa utilidade

No que se refire a resposta que debería darse á extensión da velutina en Galicia, Asorey sinala que é necesario un plan integral contra a praga que aposte pola colocación de trampas para as vespas coa axuda de diversos colectivos que poderían ir desde os escolares, pasando por xardineiros municipais, apicultores e horticultores. Neste sentido, engadiu que este ano os apicultores colocaron un total de 500 trampas eléctricas que demostraron a súa utilidade contra a velutina porque lograron o obxectivo de protexer ás colmeas desta praga. A propia AGA promove este dispositivo na súa páxina web.

Asorey sinala que as trampas non son a solución a longo prazo pero poden permitir limitar a incidencia das velutinas. Ademais sería necesario investigar as posibilidade da loita biolóxica contra esta praga. Precisamente este é un dos aspectos que está previsto nun convenio asinado entre a Deputación de A Coruña e a Universidade de Santiago para loitar contra a velutina. Asorey agarda que ao longo deste mes de setembro haxa unha nova convocatoria por parte da Xunta da Comisión de Seguimento desta praga e alí os apicultores presentarán as súas propostas. Segundo os seus cálculos unha inversión dun millón de euros podería ser suficiente para poñer en marcha as medidas que propoñen.

Os prognósticos cumpríronse e a praga xa se estendeu por toda Galicia

Polo de agora o certo é que os prognósticos cumpríronse e a praga xa se estendeu por toda Galicia, con excepción das zonas altas e as máis frías. Os apicultores apuntan que sería necesario levar a cabo un trampeo masivo na próxima primavera para eliminar a maior cantidade posible de raíñas fundadoras de velutina e así limitar o impacto da praga no próximo verán.

A loita contra a praga será longa e tódolos medios empregados poden ser efectivos, como se pode ver pola proliferación de trampas caseiras por todo o país que están a dar resultados. Porén hai que ter coidado en cómo se empregan para non afectar ás propias abellas, por iso os apicultores promocionan un sistema propio que as respecta. Este verán a praga fíxose moi presente nas áreas urbanas e por iso a AGA considera necesario implicar aínda máis aos xardineiros municipais na loita contra a velutina, especialmente naqueles xardíns con presencia de camelia japónica onde esta especie gusta de instalarse.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego cuantifica por primeira vez un “probable canceríxeno” en fórmulas para lactantes

O traballo, que vén de desenvolver e validar un novo método para analizar contaminantes nos alimentos, detectou acroleína en varias mostras

Detectada no norte de España a carracha que transmite o novo virus chinés

A investigadora da USC Rita Sánchez-Andrade revela que a especie 'Haemaphysalis concinna' identificouse en Asturias e Cantabria

Un estudo da USC valida a implantación clínica de medicamentos mastigables impresos en 3D

O traballo de Lucía Rodríguez aborda a tecnoloxía de extrusión para preparar remedios individualizados e fáciles de inxerir

Os incendios forestais xorden cada vez máis preto das casas no norte de España

Un estudo da USC analiza a tendencia e características de máis de 100.000 lumes entre os anos 2007 e 2015 no país e en California