O primeiro informe experimental dos ‘pellets’ revela novas substancias

O grupo de investigación de Química Analítica Aplicada da UDC confirma a presenza maioritaria de Tinuvin, un estabilizante de luz ultravioleta

O grupo de investigación de Química Analítica Aplicada (QANAP) da Universidade da Coruña (UDC) realizou o primeiro informe experimental dos granulados de plástico que chegan ás praias galegas dende o 13 de febreiro. As mostras foron recollidas na praia de Nemiña, en Muxía, e as análises determinan a presenza de novas substancias químicas máis alá das reveladas nos dous primeiros informes feitos públicos pola Xunta, que só se baseaban na ficha técnica proporcionada polo fabricante. Os resultados deste novo estudo confirman a presenza maioritaria de UV622, un estabilizante de luz ultravioleta (UV) e unha lista doutras 14 substancias: novos estabilizadores UV de base amina, octilfenol e tres antioxidantes.

O estudo realizado polo grupo que pertence ao Instituto de Medio Ambiente (IUMA) da UDC conclúe que o aditivo encontrado en maior proporción é o Tinuvin 622, que se emprega como fotoestabilizador na fabricación de plásticos. A súa solubilidade na auga é baixa, o que quere dicir que os seus compostos terán máis dificultade de verterse ao medio acuático. A catedrática de Química Soledad Muniategui nunha entrevista en La Sexta, explicou que estes granulados non son “virxes’’, xa que están formados por polietileno cerca dun 90 %, ademais dun aditivo que se emprega para aportar propiedades para fabricar produtos.

Publicidade

Neste senso, Muniategui alega tamén que o Tinuvin 622 aparece nunha “proporción importante” e que as demais substancias minoritarias que poidan aparecer nas análises poden ser “impurezas” dese filtro solar e estabilizante. O equipo de investigación en Ecotoxicoloxía e Contaminación Mariña da Universidade de Vigo (Ecotox) pronunciábase tamén a raíz da publicación do informe do Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM) por parte da Xunta para sinalar dúas novas substancias químicas sintéticas e a súa toxicidade: un antioxidante fenólico denominado Irganox-1010, con toxicidade acuática crónica nivel 3 (nunha escala de 1 a 4 onde 1 é o máis alto), e un antioxidante organofosforado, Irganox-168.

Este grupo de investigación está recopilando a información ecotoxicolóxica destas substancias así como das identificadas polo informe da UDC, “algunhas delas moi escasas”, apuntan. A catedrática da UDC María José Abad do Grupo de Polímeros realizou un estudo preliminar sobre os pellets para coñecer a matriz plástica. Nunha entrevista publicada en Diario de Ferrol explica que “normalmente todas as matrices plásticas deben estar aditivadas para mellorar algunha das súas propiedades”. Neste caso, sobre Tinuvín, traslada que se descoñecen as aplicacións finais, pero podería servir tanto para envases para alimentos, deterxentes ou incluso para os invernadoiros.

Tamén, a investigadora expón que “o polietileno non reviste nunha toxicidade e o aditivo, sempre e cando estea dentro do polietileno, tampouco vai producir ningunha toxicidade por contacto e nin sequera porque nos comamos os granulados”. Sinala, entón, que serían os animais os peor parados por confundir estes grans de plástico con alimento, podendo causarlles obstrucións nos seus aparatos dixestivos. O informe CETIM si que alertaba que, “en caso de vertedura accidental, indícase non inhalar o pó, evitar o contacto coa pel, os ollos e a roupa cando se proceda á limpeza do vertido”.

A Xunta de Galicia continúa á espera do segundo informe do CETIM que si que revelaría a totalidade das substancias químicas presentes nos pellets e a súa toxididade. De momento, os dous documentos publicados polo goberno galego só se basean nas características técnicas e non son experimentais. Estes plásticos seguen chegando ás praias galegas aínda que, debido ás condicións meteorolóxicas desta fin de semana, non se produciou o aluvión de plástico que se agardaba por parte das autoridades.


Referencias:

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O tempo cambiará de maneira radical en Galicia: volve a chuvia e caen as temperaturas 10 graos

A partir do luns, unha fronte fría asociada a unha borrasca atravesará a comunidade

A fronteira con Portugal é a área de Galicia con maior presenza do mosquito da malaria

O insecto leva anos na comunidade pero o parasito non está en circulación, polo que o risco de transmisión autóctona é baixo

Unha dorsal anticiclónica disparará os termómetros por riba dos 30 graos

O mércores e o xoves serán os días máis calorosos da semana, con valores térmicos que superan a media de maio

Praga de moscas en 21 concellos galegos: as causas dunha invasión que vén para quedar

As variacións bruscas de temperatura e o cambio climático son factores que inflúen na multiplicación dos insectos