Premio mundial para a ‘gridshell’ do campus de Lugo

O Congreso Mundial de Enxeñaría da Madeira celebrado en Seúl (Corea do Sur) premiou a estrutura de madeira de eucalipto (‘gridshell‘) instalada en Lugo polo grupo de investigación Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade), dirixido polo catedrático Manuel Guaita.

O galardón, outorgado pola reunión máis importante do mundo sobre Enxeñaría da Madeira, recoñeceu as investigacións desenvolvidas para o deseño e construción da estrutura situada no Campus Terra.

Publicidade

A de Lugo é a primeira cuberta deste tipo construída no mundo con madeira de eucalipto

O traballo foi desenvolvido por enxeñeiros e arquitectos da USC e da Politécnica de Madrid: Antonio José Lara Bocanegra, Antonio Roig, Almudena Majano Majano e Manuel Guaita, que presentaron unha nova cuberta de tipo gridshell elástica, a primeira realizada en España e primeira no mundo que emprega como material de construción a madeira de Eucalyptus globulus.

A técnica da ‘gridshell’

gridhsell de Pemade componse de láminas de madeira en retícula curvadas elasticamente. Estas láminas constrúense a partires de pezas rectas e idénticas de madeira serrada. Esta técnica permite crear estruturas de grandes dimensións dobremente curvadas simplemente entrecruzando as láminas en capas sucesivas, coma se dun tecido se tratase.

Publicidade

Este primeiro prototipo de gridshell, ademais de destacar pola súa estética, cumpre tamén un cometido funcional, xa que serve de cuberta dun espazo habilitado como almacén para madeira de Pemade. A súa estrutura ten 24 metros de lonxitude, e dado que se apoia unicamente nos seus lados curtos, logra salvar unha luz de 15 metros e ten 4,5 metros de voo en cada extremo.

O investigador Antonio José Lara recolle o galardón para a gridshell no Congreso Mundial de Enxeñaría da Madeira celebrado en Seúl. Foto: USC.
O investigador Antonio José Lara recolle o galardón para a gridshell no Congreso Mundial de Enxeñaría da Madeira celebrado en Seúl. Foto: USC.

O emprego de madeira de Eucalyptus globulus vén dado pola súa idoneidade e polas súas propiedades resistentes, ademais de por tratarse dunha madeira que non presenta practicamente nós. Daquela, cómpre lembrar que se trata da especie forestal clasificada en Europa para uso estrutural con maiores propiedades resistentes.

Este traballo achega varias novidades no ámbito das gridshell de madeira como un concepto estrutural de cuberta longa apoiada só nun dos seus lados curtos e o emprego dunha terceira dirección de láminas dobradas para proporcionar rixidez á cizalladura no plano da cuberta.

A estrutura é o resultado dun traballo desenvolvido no marco do LIFE Lugo+Biodinámico, un proxecto impulsado polo Concello de Lugo, como entidade coordinadora, e no que participa a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade Politécnica de Madrid. O proxecto está financiado pola Unión Europea, a través do programa LIFE, e a  Deputación Provincial de Lugo.

1 comentario

  1. ¿Iso non é o que sempre se chamou unha estructura en cerchas ? A madeira de eucalitpo non parece a mellor pero entendo que está tratada. Arquitectonicamente gustame moito.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ailanto, estrela de fogo e eucalipto: as 60 especies que ameazan a biodiversidade galega

Un proxecto colaborativo lanzado dende a SGHN reúne datos de máis de 26 autores no 'Atlas da Flora Exótica Invasora' para frear a súa expansión e protexer os ecosistemas

Os datos do eucalipto confirman as sospeitas: a moratoria de 2021 causou un ‘efecto chamada’

A polémica especie crece un 6% en dous anos, o dobre do que a Xunta anticipaba para o período 2021-2025

Como inflúen as especies arbóreas no solo? Un estudo analiza os seus efectos en Rianxo

A investigación da USC mostra que os terreos baixo eucalipto teñen un contido de auga medio do 13%, significativamente menor que o das matogueiras

Unha moratoria con gretas? Así pode o eucalipto gañar terreo en Galicia

A normativa anunciada pola Xunta permitirá novas plantacións nos terreos de piñeiros afectados pola banda marrón de forma temporal