Portugal busca testemuñas do gran sismo de 1969

O maior sismo desde o gran maremoto de Lisboa de 1755, de magnitude 7,9, sacudiu o país hai agora 50 anos, na madrugada do 28 de febreiro

Non tremera tan forte a terra en Europa desde a catástrofe do maremoto de Lisboa o Día de Todos os Santos de 1755. Hai agora 50 anos, na madrugada do 28 de febreiro de 1969, un sismo de magnitude 7,9 sacudiu Portugal, sobre todo na súa parte sur. Ás 3.40 da mañá, un tremor con epicentro a 180 quilómetros ao suroeste de Sagres espertou ao país.

Ademais do sismo principal, houbo decenas de réplicas que tamén se notaron no suroeste do país. O terremoto provocou pánico e alarma na poboación. Faleceron 13 persoas, 2 como consecuencia directa e 11 de forma indirecta. Tamén se rexistraron falecementos en Marrocos. A maior intensidade na escala de Mercalli (VIII) foi no Algarve, e en Lisboa chegou a VI, e chegou a haber rexistros de que se notara tamén ata en Burdeos ou nas Illas Canarias.

Publicidade

Co gallo da efeméride, o Instituto Português do Mar e da Atmosfera (IPMA), organismo encargado da investigación sísmica, acaba de poñer en marcha unha iniciativa a través da rede para recoller testemuñas daquel suceso. Xa hai respostas moi próximas a Galicia, no norte de Portugal, polo que é posible que algún galego ou galega puidera lembrarse do terremoto e dar conta hoxe del.

“Hoxe comprendemos mellor a fronteira que separa a placa Euroasiática da placa Africana”, explican desde o IPMA. Unha fronteira constituída por unha rede de fallas activas con gran potencial para xerar sismos e tsunamis. “Percibimos cientificamente mellor a propagación das ondas sísmicas, a atenuación da enerxía a partir das fallas, a forma na que os solos amplifican ou atenúan a enerxía das ondas sísmicas, e como os edificios se comportan baixo o efecto destas ondas. Mais hai moito aínda por comprender”, conta a entidade.

Publicidade

Por este motivo, coa axuda das novas tecnoloxías, o IPMA non perdeu a ocasión para desenvolver unha recollida de datos “moito máis detallada” que aquela. Os relatorios do sismo (tamén publicados na rede) dan conta de que o tremor se percibiu tamén en localidades como Pontevedra, polo que é posible que desde Galicia se poida colaborar na iniciativa.

Os datos recollidos, do mesmo xeito que fai o IGN cando se produce un sismo detectado pola súa rede, serán utilizados en traballos de investigación que contribuirán a caracterizar mellor a perigosidade sísmica de Portugal e a prepararse mellor para futuros sismos, aclara o IPMA.

Se sentiches sismo do 28 de febreiro de 1969, ou coñeces a alguén que o sentira, podes acceder ao cuestionario nesta ligazón.

Máis información sobre o sismo, na páxina do Instituto Português do Mar e da Atmosfera.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro

Científicos galegos e arxentinos desvelan o potencial do cacho de gambón para protexer a retina

Un estudo desenvolve nanopartículas antioxidantes derivadas de residuos pesqueiros con resultados prometedores en probas in vitro