Venres 26 Abril 2024

Por que molesta tanto Greta Thunberg?

A moza sueca esperta agresivas críticas que desprezan a súa idade, o seu xénero e mesmo atinxen á súa síndrome de Asperger

Un artigo de Sergio Ferrer / Axencia SINC

No estrado, unha nena. Fronte a ela, representantes de todos os países do mundo, xornalistas, políticos e empresarios. Comeza a falar: “[Veño] a dicirvos que os adultos debedes cambiar os vosos modos. Non teño unha axenda oculta. Estou a loitar polo meu futuro. […] Todo isto está a pasar diante dos vosos ollos e aínda así actuamos coma se tivésemos todo o tempo do mundo. […] Os adultos dicides que nos queredes, pero rétovos, por favor, a que as vosas accións refllictan as vosas palabras. Grazas”.

Publicidade

Se imaxinou a Greta Thunberg pronunciando estas palabras nalgún congreso sobre o clima, equivócase. Este duro discurso foi pronunciado pola activista Severn Cullis-Suzuki, que tiña entón 12 anos, durante o Cumio da Terra de Río de Janeiro de 1992. A moza canadense, con todo, non sufriu as críticas que hoxe recibe a rapaza sueca. Se non oíu falar da súa intervención é porque, como moito, foi ignorada.

“Mentalmente inestable”, “nena petulante” e “mesías profundamente perturbada” son só algúns dos insultos que recibe

Certo é que Cullis-Suzuki, ao contrario que Greta Thunberg, vivía nun mundo sen internet. Aínda así cabe preguntarse por que a sueca recolle, aos seus 16 anos, ataques feroces que superan aos recibidos por Al Gore hai máis dun decenio. No caso de Thunberg, moitas das críticas van alén do seu discurso, chegan ao terreo persoal e mesmo fan diana nas súas condicións de saúde. “A mascota internacional do alarmismo climático”, “mentalmente inestable”, “nena petulante” e “mesías profundamente perturbada” son só algúns exemplos.

Os principais sospeitosos de tanta carraxe son os negacionistas, que rexeitan que o cambio climático teña lugar ou que sexa debido á acción do ser humano. Trátase dunha postura con pouco apoio entre os españois –que están entre os cidadáns máis preocupados por este tema–, pero con bastantes adeptos en países como Estados Unidos, Reino Unido e Noruega.

O perfil do negacionista: home e conservador

“Desquicia aos negacionistas, sobre todo homes de Estados Unidos, porque as súas tácticas non funcionan con ela, que pasa do que din os demais”, explica a SINC o divulgador ambiental Andreu Escrivà.

Non son poucos os estudos e enquisas que tentaron trazar un “perfil do negacionista climático”, que tende a ser home e conservador. Isto levou a algúns investigadores para analizar a posible relación entre negacionismo e misoxinia. O sociólogo da Universidade Chalmers (Suecia) Martin Hultman é un deles.

“Hai tres grupos de negacionistas climáticos: executivos de industrias extractivas, políticos financiados por elas e homes conservadores”, resume Hultman á Axencia SINC. “Cando unha muller presenta resultados que implican que estes individuos, negocios, ideoloxías e estruturas necesitan cambiar, non é de estrañar que queiran matar o mensaxeiro”.

Hultman refírese a un tipo de mentalidade que “non ve a natureza como algo vulnerable que pode ser destruído” senón como algo a explotar porque “o crecemento económico é máis importante que a supervivencia da humanidade”.

As enquisas mostran, explica Hultman, que esta forma de pensar é máis frecuente en homes conservadores, que aceptan os argumentos negacionistas con maior frecuencia. De feito, un estudo de 2016 sinalou que un motivo polo que eles son menos respectuosos co medioambiente é porque perciben a súa defensa como unha actitude feminina.

“Moitos ven a Greta como unha evanxelizadora que che di como tes que vivir ti, un señor de 40 anos dun país desenvolvido, e non fala de China ou India, que teñen un crecemento brutal en emisións de CO2”, comenta Escrivà, que reflexiona: “De verdade pensamos que unha adolescente ten que dar todos os discursos para todas as cuestións? Xa fai bastante con dar un toque de atención aos que vivimos nunha sociedade occidental”.

Adultos fronte a nenos

Negacionistas e misóxinos aparte, Escrivà considera que os 16 anos de Greta Thunberg supoñen un choque xeracional que pode ser contraproducente para transmitir a súa mensaxe. “Paréceme positivo reivindicar o futuro, pero se lle di aos maiores que son culpables, cando hai moita xente que non o é, e iso galvanízate contra a mensaxe. Unha cousa é que lle dea leccións a unha estrela da música que ten un avión privado e outra, que lle diga o que facer a xente cuxa vida xa é difícil”.

A psicoterapeuta da Universidade de Bath (Reino Unido) Caroline Hickman analizou por que algúns adultos parecen rexeitar á moza activista. “Moitos proxectan os seus propios medos e ansiedades nela, e rexéitana de maneira insconsciente como unha forma de librarse deles”, di.

Considera que é un exemplo de nenos que se comportan como adultos e adultos que o fan como nenos: “Estes ataques son perrenchas infantís de adultos que non teñen a madurez psicolóxica necesaria para conter as súas respostas emocionais. En canto aos que insultan a Greta Thunberg, considera que “fan bullying para tentar recuperar un poder que senten que perderon”.

En defensa da neurodiversidade

Parece unha nena moi feliz”, burlouse Donald Trump a través de Twitter tras o discurso de Greta na ONU. O presidente estadounidense facía caso omiso ao feito de que a moza activista se exprese de forma normal para unha persoa con síndrome de Asperxer, quen respondeu engadindo dita descrición ao seu perfil.

O neurobiólogo da Universidade de Salamanca especializado en autismo José Ramón Alonso considera que un dos motivos do rexeitamento a Greta Thunberg pode ser nosa falta de hábito a ver pacientes con trastorno do espectro autista (TEA) na esfera pública.

A súa popularidade visibiliza a achega que fan ao noso mundo as persoas asperger, afirma o neurobiólogo José Ramón Alonso

“Son persoas que teñen problemas para transmitir emocións coa linguaxe corporal e o ton de voz, e cústalles moito adaptarse a situacións distintas”, explica Alonso. “Non estamos afeitos a que alguén teña expresións pouco axustadas a unha situación, e é inxusto que llo pidamos a ela”.

O investigador considera que a súa popularidade pode ser positiva para visibilizar non só a crise climática, senón tamén “a achega que poden facer ao noso mundo as persoas con TEA”. Isto, sempre e cando vaia acompañada dunha “educación”. “Se non, volveremos á discriminación e os prexuízos, e a dicirlle ás familias que os seus fillos están mal educados”.

Pode ser a síndrome de Asperger, tal e como Greta afirma, un “superpoder” na loita contra o cambio climático? “É verdade que [as persoas asperger] se centran nun tema que para eles é de importancia suma e ás veces non saben transmitilo ou sacarlle partido. A súa atención aos detalles é clave, aínda que logo teñan maiores dificultades na interacción social”.

Greta Thunberg, no Parlamento Europeo en abril deste ano.

A isto súmase o feito de que os demais adolescentes adoitan estar “moi pendentes das xerarquías”. “[Os asperger] iso enténdeno menos e din as cousas cunha crueza e sinceridade que en moitos casos é un valor positivo”.

Neste sentido, parte das críticas a Greta recaen nos seus pais por permitir que unha adolescente con síndrome de Asperger se faga activista. “Coñezo a unha nai que dicía que o seu fillo ía ser un ‘autista moderno’”, di Alonso, “no canto de recortar as súas posibilidades”.

Por todo isto, defende que debemos ser mellores con eles e darlles o seu espazo. “Hai persoas diferentes e a solución non pode ser a talla única. É responsabilidade nosa facerlles un sitio, valoralos e entendelos”.

Unha verdade incómoda

Por moitos factores que poidan contribuír ao rexeitamento de Greta, só serven de escusa para repudiar a súa mensaxe. Ela avoga por cambios no noso modo de vida e no propio sistema e, por riba, con emerxencia. “Di que hai que poñerse as pilas e que cada un debe facer o que poida para frear isto. Iso a moita xente non lle gusta porque ninguén quere cambiar os seus hábitos”, explica o catedrático de Física Aplicada na Universidade de Alcalá Antonio Ruiz de Elvira Serra.

“A moita xente non lle gusta porque ninguén quere cambiar os seus hábitos”, explica Antonio Ruiz de Elvira

“Cando confrontas á xente con decisións reais que ten ao alcance da súa man para loitar contra o cambio climático, incomódala moitísimo”, di Escrivà. “Impactoume cando Greta foi a The Daily Show, dixo unha parrafada moi ben dita e o público empezou a aplaudir”, lembra. “Pensei que se fosen capaces de traducir as súas palabras a un nivel de recorte de emisións na súa vida diaria non ían aplaudir, e menos nos Estados Unidos, que é o país cunha maior pegada ecolóxica por persoa”.

Un estudo de 2017 explorou como as recomendacións para reducir as emisións adoitan obviar as accións máis efectivas. “Reciclar, manter a temperatura xusta e instalar LED é o que menos conta. O que máis é a enerxía renovable, diminuír o consumo de carne e deixar o coche e o avión”, explica o divulgador. “Son cousas que pican moito máis e a xente, cando entende iso, alucina”.

“Illar a casa e deixar o coche é complicado e non todos poden, pero podemos demostrar a políticos e empresas que se apuntaron a patrocinar a COP25 que non lles compramos os seus produtos se non cambian”, di Ruiz de Elvira. “Isto é unha mensaxe que lles chega… non vexas como!”, engade sobre os motivos polos que a mensaxe de Greta “proe” a tantos.

Coidado coas solucións máxicas

Escrivà ten clara a súa principal crítica a Greta: “Perpetúa unha cosmovisión na que hai unha solución máxica que os políticos non están a aplicar, pero que poderían facelo se escoitasen aos científicos”.

O divulgador considera que presupoñer que a actuación contra o cambio climático non despega por culpa da falta de información é “moi simplista” e defende que os políticos “levan moito tempo escoitando aos científicos”. Asegura que a inacción política “responde a intereses, curtoplacismo, inercias, medo a asumir o custo político, dificultades para cambiar o noso modo de vida e a que a cidadanía non quere”.

“Estamos con Greta Thunberg, pero externalizamos o noso activismo ambiental a base de likes a ela e pensamos que con iso xa somos verdes”. Isto “sepáranos dos cambios reais que debemos incorporar e promover, porque a acción debe ser colectiva, non só dos políticos”.

Escrivà lamenta que a moza activista non exemplifique ese cambio de valores, xa que leva a cabo acciones dificilmente imitables polo resto da poboación, que non pode depender de que a familia Grimaldi lle deixe un barco. “O cambio real non é vir de calquera forma a España. É preguntarse: preciso ir a Madrid? Non dou mellor exemplo a moita xente se vou a unha reunión tan importante como a COP25 por videoconferencia?”.

Por iso, teme que esa hiperperfección leve a moita xente, incapaz de prescindir dos plásticos ou o coche da noite para a mañá, a tirar a toalla. “Impórtame máis que o 80% da poboación occidental reduza un 50% o uso de plásticos ou os voos que unha pequena elite do 5% fágao todo ben, porque iso desmoraliza”.

Tamén teme que berrar “que vén o lobo” cause rexeitamento contra a causa cando, en dez anos, “non se acabou” o mundo. “Haberá máis secas, furacáns e algunha especie invasora máis, pero isto non será Mad Max. En corenta anos xa veremos”.

O novo negacionismo é non facer nada

“É curioso que unha adolescente cunha calidade de vida extraordinaria diga que lle roubaron o futuro. Non nos roubaron o futuro: deixáronnos un mundo esnaquizado, hai que reconstruílo e esixir responsabilidades, pero a millóns de nenos están a roubarlles o presente”, asegura Escrivà. “Non todo é cambio climático, o mundo é complexo e paréceme perigoso calquera mensaxe que tenda a simplificalo”, engade en referencia ás empresas que se “soben ao carro” da sustentabilidade pero “non ao dos dereitos dos traballadores”.

“As empresas que producen gases de efecto invernadoiro fabrican o cemento e aceiro da túa casa e o petróleo do teu coche”, lembra Escrivà

A consecuencia das solucións máxicas e de, en palabras de Escrivà, pensar que as empresas son malas per se, é caer no novo negacionismo: o negacionismo de solucións. Noutras palabras, non facer nada ata que o fagan os gobernos e as corporacións. “As cen empresas que producen o 70% dos gases de efecto invernadoiro do mundo non o fan porque teñan un botón que emite CO2, senón porque fabrican o cemento e aceiro da túa casa e o petróleo do teu coche”.

O problema, segundo o divulgador, é que “se todo o mundo espera a que alguén faga algo, entón ninguén fai nada”. Considera que “sempre imos atopar vías para autoxustificarnos e non baixar o noso consumo”, e por iso “debemos darnos o menor número de escusas” para manter a inacción. “Se no teu esquema mental ti es o bo e os outros os malos, para que vas facer algo”.

Por todo iso, Escrivà ve a Greta como un “ariete” que abre as portas, pero que debe ir acompañado do resto do exército para que sirva de algo. “É un activador da conversación, pero creo que xa xogou o seu papel”.

O seu mellor legado, afirma, “sería que deixásemos de falar do que fai e houbese unha conversación máis aló, de como nos afecta o cambio de paisaxe, de se estamos dispostos a deixar o avión e o coche”. Todo iso, mentres apoiamos ás Gretas do noso arredor.


Conflitos de intereses

En Mercadores da dúbida, os historiadores da ciencia Naomi Oreskes e Erik M. Conway contan como un lado escuro da comunidade científica, apoiado por políticos e empresarios, ocultou ao público feitos como a relación entre tabaco e cancro… e o quecemento global causado pola actividade humana.

“Hai petroleiras que asasinaron, corromperon gobernos, subornaron, esnaquizaron países e ocultaron datos. Algunhas empresas foron extremadamente nocivas para a civilización”, asegura Escrivà. Por iso resulta case irónico que, desde o principio, Greta Thunberg fose acusada de bailar ao son de intereses ocultos.

“É evidente que unha nena de 16 anos non se vai soa aos Estados UNidos nin fala na ONU, pero detrás de calquera movemento organizado hai diñeiro, intereses, xente boa e mala”, di Escrivà. “Faime graza que digan que é unha marioneta, coma se tanta xente non estivese a soldo das petroleiras, tantas investigacións fixéronse como se fixeron e tantos opinólogos tivesen rumbos e intereses”.

Por iso mesmo pide non caer na “disonancia cognitiva” de pensar que estas empresas “van cambiar porque unha moza sueca dígalles que lles roubaron o seu futuro”. A investigadora Katharine Hayhoe defende que a mellor forma de combater o cambio climático é falando del. Iso é algo que, de momento, Greta Thunberg si conseguiu.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A lamprea, en caída libre en Galicia: de 23.000 quilos capturados a 3.000 en dez anos

O catedrático da USC Fernando Cobo apunta que a presión pesqueira e a captación de auga ilegal fomentan a diminución de especies

A praia de Barra agocha unha aldea soterrada: un cambio climático invadiu todo de area hai 500 anos

Unha investigación publicada por Andrés Pino analiza o impacto social e económico da Pequena Idade do Xeo no asentamento de Cangas

Galicia rexistra o cuarto inverno máis cálido en 60 anos

As precipitacións foron un 18% superiores ao habitual para este período, sendo especialmente abondosas en febreiro

Os osos polares, en risco de morrer de fame polo desxeo do Ártico

Un estudo demostra que as estratexias alimenticias destes animais para sobrevivir nunha contorna de terra non evitan que perdan peso