O picudo vermello segue avanzando cara ao norte e xa chega a Santiago

Varias localidades do sur da provincia da Coruña toman medidas pola presenza do insecto, que foi detectado en Gondomar por primeira vez en Galicia no 2013

Desde que no ano 2013 aparecese en Gondomar, o escaravello Rhynchophorus ferrugineus, coñecido como picudo vermello, está a causar importantes estragos en Galicia, principalmente nas provincias de Pontevedra e Ourense. E mesmo chegou a quitarlle sentido á toponimia, como a coñecida Praza das Palmeiras da avenida Gregorio Espiño de Vigo, onde a praga obrigou a cortar arredor dunha decena de exemplares. Mais despois de Vigo, as cidades de Pontevedra e Ourense, e as comarcas de Arousa ou o Barbanza, Santiago de Compostela xa sofre tamén a achegada do becho. Segundo informa este xoves La Voz de Galicia, exemplares da rúa Carreira do Conde, o Arcebispado e algunhas parcelas privadas deste e outros concellos como Teo ou Brión xa se observan os síntomas do picudo vermello: as follas da planta decaen e murchan. O obxectivo agora é que o escaravello non se estenda polo resto de palmeiras da zona.

Como é e como actúa o picudo vermello?

O Rhynchophorus ferrugineus é un coleóptero orixinario do Sueste Asiático e Polinesia, e desde hai máis de 25 anos estendeuse pola China, a Península Arábiga, Exipto, Italia, Francia ou España. Afecta a varias especies do xénero Phoenix, en especial os machos da P. canariensis.

Publicidade

O insecto precisa entre 3 e 4 meses para completar o seu ciclo biolóxico (ovo-larva-pupa-adulto). Os machos que xorden dos ovos realizan galerías nas plantas afectadas para alimentarse e emiten unha feromona que atrae ás femias á copulación. Unha vez fecundadas, realizan na base das árbores unha serie de galerías para alimentarse e para colocar os seus ovos. Aínda que os adultos poden voar ata 5 quilómetros de distancia, non adoitan abandonar as palmeiras afectadas ata que acaban co seu tecido vexetal, ao secar ou podrecer.

Exemplares de larvas e adultos de "Rynchophorus ferrugineus". Fonte: Luigi Barraco/CC BY-SA 3.0
Exemplares de larvas e adultos de “Rynchophorus ferrugineus”. Fonte: Luigi Barraco/CC BY-SA 3.0

Os principais síntomas dos danos son o decaemento das follas centrais, que murchan e se desprenden con facilidade. Poden chegar a observarse na base das follas as galerías realizadas polo picudo. Nas fases máis avanzadas, o penacho pode caer por completo. Así aconteceu recentemente en Ourense, segundo recolleu La Región, onde pólas de palmeira desprendéronse sobre dous vehículos na rúa Noriega Varela.

Publicidade

Nos primeiros anos desde a chegada do becho, o sur de Galicia estaba sendo afectado en maior medida. Na zona meridional da provincia de Pontevedra cóntanse por centos as palmeiras xa destruídas polo escaravello. De feito, desde a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro de investigación dependente da Deputación de Pontevedra, apuntaban en 2019 a GCiencia que o picudo xa “está distribuído por toda a provincia”, segundo Carmen Salinero, xefa de servizo da estación.

O dano do picudo vermello pode constatarse en casos concretos a través da ferramenta Google Street View, que recolle como en seis anos acabou coas palmeiras da Praza dos Olmos, en Vilanova de Arousa:

Evolución dos danos causados polo picudo na Praza dos Olmos (Vilanova de Arousa), entre 2013 e 2019. Fonte: Google Street View/R.Pan.
Evolución dos danos causados polo picudo na Praza dos Olmos (Vilanova de Arousa), entre 2013 e 2019. Fonte: Google Street View/R.Pan.

Aínda que na meirande parte dos casos non se puido chegar a tempo, hai algún caso de éxito que conseguiu conter o becho. Aconteceu no palmeiral dos xardíns de Méndez Núñez, na Coruña, catalogado na listaxe de Árbores Senlleiras da Xunta de Galicia. En 2018 detectouse o Rhynchophorus ferrugineus en seis palmeiras da cidade, que foron retiradas. E segundo informaba en xaneiro de 2020 El Ideal Gallego, acometeuse un tratamento en Méndez Núñez despois de detectar o becho nun exemplar. Por agora conseguiuse conter a praga nesta formación senlleira. Ademais, o concello coruñés instalou un perímetro de trampas con feromonas para evitar que colonice novas áreas da cidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do Café Moderno de Pontevedra aos ‘Seis poemas galegos’: esta é a Galicia de Lorca

O poeta granadino visitou dúas veces a cidade, mantivo vínculos con destacados intelectuais e deixou unha fonda pegada na cultura, a paisaxe e a lingua

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía